lunes, 17 de diciembre de 2018

EN ORSAY: Entrevista con CHRISTIAN CAAMAÑO (Xogador do XALLAS F.C)

"QUE TEÑA CATRO COPAS DA COSTA NON PASA DE ANECDÓTICO CANDO NO XALLAS HAI XOGADORES CON CINCO OU SETE". 


As novas xeracións de futbolistas na Costa deixan de selo moi cedo, e hai xogadores que apenas rebasados os vinte anos son auténticos veteranos de competicións como a Preferente. Un claro exemplo disto é Christian Caamaño (Mazaricos, 22-06-1997), que mentres outros comezaban a despuntar nas categorías Base, el xa gañaba Copas co Xallas de Santa Comba, o seu eterno equipo despois dos inicios nas ligas de Fútbol Sala no seu Concello natal, e o paso polo Negreira en Liga Galega. En terras xalleiras consolidou esa posición de lateral que exerce de comporta ante o acoso rival a ese paraíso inexpugnable no que Christian converte a banda. Non precisou cumprir anos para madurar futbolísticamente, pois xa en categoría Cadete viaxaba co primeiro equipo e ese trampolín supuxo que prácticamente se saltase a etapa xuvenil, que só desputou en ocasións puntuais pero moi produtivas, pois o seu concurso foi decisivo para aquel ano glorioso do Xallas onde foron campións de Liga e Copa na mesma tempada, cun equipo arrollador que Christian capitaneaba e ao que só lle faltou ese ansiado ascenso que nunca deu chegado. Acostumado a gañar Copas da Costa -tres co equipo sénior-, pero tamén a lidiar con situacións duras coma salvarse do descenso na derradeira xornada, Christian é a viva imaxe do xogador de raza, de canteira pura e de entrega a unhas cores. De estar ao mando cando é preciso porque coñece ao seu equipo como a palma da súa man. Nel medrou, triunfa e debuxa un sorriso cada domingo na faciana dos afeccionados que non imaxinan un Xallas sen el pilotando a banda. En realidade, é algo inimaxinable para calquera.

No encontro de Copa frente o Cee
1--Tantos anos desputando a Preferente, non botas de menos os derbis da Costa, por exemplo?
Os derbis da Costa son partidos que a calquera dos que somos da zona gústanos moito xogar. De feito, é algo que falo moito con amigos coma Borja Sueiro (Mazaricos) ou Rachón (Volantes de Baño), onde destacamos a emoción e a intensidade de cada partido. Aínda que no meu caso o feito de xogar en Preferente fai que desfrute moito máis os derbis que vivimos na Copa da Costa.

2 Como levas a esixencia desa categoría?
Diría que ben porque son unha persoa que intenta dar o mellor de si en cada momento. Son eu o que máis me esixo e intento nunca estancarme porque como sabemos o fútbol é cada domingo, non vale mirar o que fixeches a tempada pasada ou o domingo pasado, o que importa é cada partido.

3- Con 21 anos tes catro títulos de Copa, un cos xuvenís. Quizais sexan uns números de récord.
Está un pouco normalizado porque comparto vestiario con xente coma Doro con 7 ou Marcos con 5, entón queda en simple anécdota. De feito, é tan anecdótico que ter 4 Copas é un motivo de “vacile” por parte de Marcos.

Con Marcos e Kevin na última Copa da Costa 2018
4- A que aspiras deportivamente? 
Prefiro non marcarme obxectivos, son unha persoa que intenta mellorar cada día e, polo tanto, aspiro a desfrutar dunha situación que se corresponda co traballo e co esforzó de cada día, onde o feito de xogar me faga tan feliz coma ata agora.


5- Tantas tempadas na plantilla do Xallas case indica que fichar por outro equipo non é algo que contemples.
É algo que me din con certa frecuencia no meu entorno, sobre todo cando chega alguna proposta interesante. Eu nunca me pecho portas porque me considero unha persona ambiciosa, pero ben é certo que sinto a Santa Comba coma a niña casa e agora mesmo síntome moi cómodo e moi valorado alí e, polo tanto, considero normal que me custe saír.

6- Dende Cadete xa desputabas encontros co primeiro equipo en Preferente. Nunca sentiste vértigo?
Nos primeiros partidos teño que recoñecer que me costou adaptarme á categoría, onde sentía a esixencia dunha forma moi diferente á habitual, porque o cambio de cadetes ou xuvenís a Preferente é bastante grande. Polo tanto non era vértigo, era querer facelo ben porque quería seguir xogando en Preferente. Sempre houbo xogadores coma Rubén Forján (co que compartía posición daquela), Jesús, ou o propio Marcos (10 anos compartindo vestiario) que me axudaron moito. Nos anos seguintes o sentimento sempre foi a ilusión de adestrar, xogar e mellorar cada día.

Partido de Copa frente a la SD ESTEIRANA
7- Entre tantos momentos felices haberá moitos inesquecíbles. Tamén algún agridoce.
Como momentos felices destacaría as Copas da Costa ou a salvación acadada na última xornada contra o Castro, fai 2 tempadas da man de Iván Cancela. Foi unha tempada de moito sufrimento na que nos salvamos dese xeito e, finalmente, ganaríamos a Copa da Costa. Entre os momentos máis duros quédome coas eliminacións das Copas da Costa contra Dumbría na casa 3-1, onde nos eliminan no último minuto ou a eliminación da Fase de Ascenso no meu último ano de xuvenís. É unha espiña que me queda aí.


8- A Fontenla xa é a túa segunda casa. Sínteste arroupado pola afección xalleira pese a ser doutro Concello?.
Desde que cheguei a Santa Comba sentinme moi querido, tanto na Base coma no equipo Sénior. Sempre hai momentos duros ao longo das tempadas e tanto afección coma directiva sempre tenderon unha man nestes momentos. De feito, ao igual ca Marcos Martínez, considérome un xogador da casa.


9- O mellor e o peor de xogar en categorías onde a distancia sempre é un factor determinante.
O mellor é que permite compartir vestiario con xente coma Doro, Julián, J. Couto, etc. E enfrontarte a rivais coma As Pontes, Lugo B (ano pasado), onde desfrutas xogando e competindo. O peor destas categorías como ben indicas son as longas distancias a percorrer, onde os xogadores podemos botar domingos enteiros nun bus, saíndo ás 9 da mañá e chegando ás 22h, con 6 ou 7 h entre ida e volta.


10- Soña en alto. Ascenso a Terceira División co Xallas no horizonte a curto prazo?.
Sería marabilloso, se se dera a oportunidade creo que deberíamos ir a por ela. De momento, somos conscientes de que o obxectivo do equipo é manter a categoría sen pasar apuros.

Con DORO el ETERNO CAPITAN

martes, 11 de diciembre de 2018

EN ORSAY: Entrevista con OSCAR (RIOLO) Porteiro da SD AMEIXENDA

"O Ameixenda en seis anos vivíu dous ascensos e iso é para quitarse o sombreiro, xa que aquí non se pagan soldos".


O fútbol costeiro conta con figuras lexendarias ás que todos podemos poñer nome. Xogadores bregados nos clubes da nosa contorna que, ano tras ano, seguen ao pé do cañón e fan posible que moitos equipos poidan competir. É o caso de Óscar Bermúdez "Riolo", (Ameixenda, 1-7-1974), que pese a tentar retirarse nalgunha ocasión, os seus servizos resultan imprescindibles para o equipo dos seus amores, a S.D.Ameixenda e aí segue, incólume ao paso do tempo e desposto a manterse baixo paus mentres sexa preciso. Con auténtico ADN de xogador da Costa, os seus inicios infantís pasaron polo Fútbol Sale e posteriormente, xa en etapa xuvenil, polo Unión Club Cee e ás órdes de Manolín, un adestrador decisivo ao longo de toda a súa vida deportiva. No clube ceense vivíu aqueles anos de esplendor en categorías como a Preferente, e despois transitou por Corcubion, Carnota, Lira ou Dumbría, ata a creación fai seis anos do Ameixenda, onde xa se dispuxo a instalarse coma na casa, pois iso era literalmente. O primeiro ascenso supuxo un éxtase difícil de superar, sendo neófitos na competición e entrar pola porta grande nunca se esquece. Son as cousas que deixan pouso nas afeccións e agrandan as lendas de xogadores coma Riolo, que antepoñen o corazón a calquera outra cousa. Que viven con ilusión cada partido independentemente dos que leve detrás, e que por diante, no horizonte máis próximo, o que se atopa é puro amor. Pero sempre envolto en negro e ouro.

1- Hai tempo e opcións para salvar a categoría?.

Boa pregunta para empezar. Estamos nunha situación moi difícil. A ver si recuperamos algúns xogadores que, ata o de agora apenas poideron xogar, e polo menos competir.

2-- Que significou Manolín como adestrador na túa vida deportiva?

Empecei con el no Cee, e tanto nos momentos bos como nos malos foi todo para min nisto do fútbol. Téñolle moito aprezo como adestrador e, sobre todo, como persoa. É un referente para todos.

 
3--O ascenso do ano pasado tivo que ser algo moi especial, un deses momentos que nunca se esquecen.

Por suposto. As cousas boas da vida, do fútbol, sempre gostan, e o ascenso do ano pasado foi o segundo na curta historia da S.D. Ameixenda. En seis anos de vida é para quitarse o sombreiro xa que aquí non se pagan soldos. Non podo esquecer ningún dos dous porque iso quere decir que se fixeron ben as cousas durante todo o ano.

A SD celebrando o Ascenso o ano pasado
  4--Que supón verte xogando con rapaces moito máis novos?.

Faime pelexar ainda máis para dar o nivel. E xa que son o máis veterano do equipo, tamén a responsabilidade de darlle exemplo ós novos. Si eu con 43 anos podo esforzarme, eles, que son máis 
novos tamén teñen que poder.

5--Percorreste varios equipos da Costa en diferentes categorías. Con cal te quedas?

Si, estiven en varios equipos, nuns xoguei máis e noutros menos pero de tódolos sitios levas cousas positivas, sobre todo compañeiros. Por eso non von destacar ningún. Todos foron importantes.


6-- Deixarán que te retires algunha vez ou segues baixo paus mentres o corpo aguante?.

Polo visto o Ameixenda non quere que colgue as botas. De todas formas a decisión é miña e si non me gustara non estaría xogando. Desgraciadamente tampouco hai moito onde escoller para o meu posto.

7-- Nos teus comezos habería cousas moi diferentes no funcionamento dos clubes e dos xogadores cos de agora mesmo.

Seguramente onde máis se note o cambio sexa na menor implicación que teñen agora os xogadores para xogar e sobre todo para adestrar. Antes os rapaces "toleaban" para poder entrar no equipo do pobo. Agora, ás veces nin é posible completar os 16 dunha convocatoria para xogar o domingo.

8--Que foi o que che levou a ser porteiro?

Foi na escola. O único sitio que había libre no equipo de fútbol sala era o de porteiro, e como íamos xogar contra outros colexios tamén nos librábamos dalgunhas clases. Fun de porteiro e xa quedei, e menos mal para equipo porque de xogador de campo ainda era peor que de porteiro...


9-- É un posto non sempre recoñecido, os clubes non soen ter nin adestrador de porteiros. Veste facendo algo diso?.

Non, de momento non. Ademáis os chavales de agora xa saben máis ca min. (Risas).

10--Un momento deportivo do que estés orgulloso e nunca esquecerás.
Uf, xa dixen antes que de cada equipo onde xoguei leveime cousas boas, pero non cabe dúbida que o primeiro ascenso da S.D. Ameixenda foi moi especial. Un clube recén creado, con maioría de xogadores do pobo, e Ameixenda é un pobo pequeno de apenas 400 habitantes. UN ORGULLO.

RIOLO CELEBRANDO O SEU PRIMEIRO ASCENSO CO AMEIXENDA





miércoles, 5 de diciembre de 2018

EN ORSAY: Entrevista con BREIXO (Xogador de la SD FISTERRA)

"Sempre doe perder, pero coa afección que temos detrás, moito máis".

Ser xogador do Fisterra esta tempada é unha aposta segura, reforzado o equipo para asaltar o cúmio da táboa a pouco que teña ocasión. Pero hai xogadores coma Breixo Martínez Lago ( Fisterra, 22-10-1997) que antes tiveron que apeitugar con tempos difíciles, sobrevivir ao vaivén duns resultados incertos e a tempos menos desafogados. Breixo comanda a defensa cada xornada coa mesma entrega de cando era un cativo e xa respiraba polos poros ese orgullo de seu tan característico dos moradores desa vila. Codiciado e desexado por outros clubes, a súa potencia e impoñente presenza nunca abandonou Ara Solis, para ledicia e alivio dunha afección que o ten entre algodóns, como se teñen ás máis queridas e aprezadas posesións. Parte do mítico once gañador da Copa, no Olimpo fisterrán sempre terá un sitio preferente, admirado incluso polos non mortais que habitan as lendas desa terra tan indómita coma o é o mesmo Breixo, unha vez situado nese borde da área que é a súa segunda casa, o lugar onde o identifica todo aquel que o teme e que tenta traspasar esa liña. Porque ninguén descoñece que é unha montaña moi difícil de escalar. Breixo desfruta este ano pese a dolorosas ausencias, mais el seguirá ao calor do verde que te quero verde, ocupando o trono que ten gañado por dereito no equipo e, sobre todo, nos corazóns dos fisterráns que latexan ao son do seu poderío cada domingo.

-- Como se ve a vida gañando partidos e sen tanto sufrimento coma o ano pasado?

Pois diferente a verdade. De estar pelexando por non descender a estar loitando por subir a Preferente. Vas de bo humor a xogar ainda que sexa un desprazamiento longo, e agardemos seguir asi ata o final.

--Ti e máis Robertín fixestedes unha parella de centrais moi codiciada e desexada por outros equipos. Bótalo de menos esta tempada?

Si si que se bota de menos, xa que ademais de ser o mellor ou uns dos mellores, entendiamonos moi ben e non era por entrenar moito (risas), senón por ser moi amigos fóra do campo e saber o que ía facer calquera dos dous antes de que o outro o fixese.

--É imposible non preguntar polas túas sensacións naquela finalísima de Copa que nunca se esquecerá en Fisterra.

Chegabamos sen ser favoritos, obviamente, xa que o Dumbria gañara a Liga e os enfrontamentos contra nós sen ningún apuro. Pero nas finais non se mira tanto a calidade se non os "huevos" que se lle botan para gañala. E aí non había quen nos gañara, sabíamos que tiñamos todo o pobo detrás e non podiamos perder.

--Houbo algunha ocasión na que te prantexaste facer caso as ofertas recibidas para cambiar de equipo?

Si, o ano que gañamos a Copa tiña ofertas de equipos de categorías superiores, pero por cousas da vida non puiden ir e bueno, Rober tamén foi bastante importante nesa decisión e preferimos xogar un último ano xuntos.

--Cres que o Fisterra pode dar a batalla pola Liga até o final?

Si, por plantilla creo que deberíamos estar arriba toda a Liga. Non polos once titulares que son moi bos, senón por ter este banquillo, facendo un cambio melloras ao equipo e eso é o que nos permite seguir loitando cos de arriba e soñar con gañar a Liga.


--Sempre se di que a afección dun equipo é o xogador número 12, pero en Ara Solis tamén podería ser o 13, 14...

A afección do Fisterra non a ten ningúnn outro equipo da Costa e incluso moitos de Segunda B e Terceira. Xogar no Ara Solis con tanta xente animando ainda que estea caendo un temporal da gusto, asi que no noso caso é o xogador 12,13,14,15 e 16.

--Supón moita responsabilidade ter tanta xente entregada á causa do equipo?

Responsabilidade non, xa que como eles din veñen a animar e si se perde mala sorte, e síguennos animando independentemente do resultado. Pero sempre jode perder e con toda esa xente detrás. ainda mais.

-- Fisterra é un clube que este ano ten ben cubertas todas as liñas, pero sempre hai alguén que pode mellorar o conxunto. Ti a quen incorporarías?

Eu traería de volta a Rober (risas), xa que como dixen era o mellor ou dos mellores e asi xa non iría andando a adestrar...(gargalladas).


-De que adestrador gardas as mellores lembranzas?

Ao que mais cariño lle teño é ao meu entrenador de xuvenís Skio, xa que foi co que máis tempo estiven e foi o que nos aprendiu a ser xogadores e a ser un equipo. Pero bueno, a Nacho ainda que me custe recoñecelo tamén, xa que é co que mellores recordos teño de gañar a Liga e a Copa. E a Noé por aprendernos a ter as ideas claras e meterlle "huevos" aos partidos para sacalos adiante, asi que non sabería elixir a un, todos foron moi importantes e bos adestradores.

--Que crees que se montaría en Fisterra se gañades e Liga e reeditades vitoria na Copa?.

Coma dixo hoxe o noso director deportivo, todo Fisterra iría a tirarse á Ribeira coma cando gañou España o Mundial (risas), pero do que estou seguro é que de alí a nove meses, habería un babi boom en Fisterra.

miércoles, 28 de noviembre de 2018

En ORSAY : Entrevista con BRAIS ROMERO (PACHI) Xogador da Sd ESTEIRANA



"DECLÁROME UN ENFERMO DO FÚTBOL". 
BRAIS CO BRAZALETE DE CAPITAN DA SÚA ESTEIRANA QUERIDA
Vivimos nunha bisbarra onde o fútbol é puro alimento dende case o berce. Afastados das cidades e con poucas opcións lúdicas, os terreos de xogo convírtense en improvisadas garderías onde rapaces e tamén rapazas medran ao calor das cores dun clube. É o caso de Brais Romero Andón (O Freixo, 26 - 5 - 1998), apaixonado dese esférico que ocupa gran parte da súa vida e que sempre golpea dende A Esteirana, a casa onde se formou, medrou e agora reparte o aprendido entre os máis cativos no seu posto de adestrador de Prebenjamíns. Brais desfruta cada minuto sobre ese campo no que respirar é significado de entrega, de vaciarse na defensa desa banda esquerda que lle pertence por dereito propio, e que cabalga cada domingo para que ningún intruso invada os seus dominios, Todo é pouco pola vitoria. Nado a carón do mar e impregnado do carácter inconfundible dunha vila mariñeira, traballa na lonxa, apegado ao salitre e ao mar indomable das nosas costas. Xovial e carismático, sabe o que é gañar títulos na casa e cos da casa, xustamente coma é el: fiel a esas cores roxa e azul do equipo da súa curta pero xa intensa vida. A Esteirana é canteira inagotable de talentos, de mocidade que sabe facer do fútbol un estilo de vida pero tamén un motor cara outros camiños. Brais é proba palpable diso, amósao coa súa madurez e compromiso pese a tanta xuventude. Seguirá correndo pola banda á mesma velocidade que o latexar do seu corazón, tan indómito coma un día de temporal e facendo feliz a unha bancada orgullosa da súa identidade...da que proporcionan xogadores que nacen amando unhas cores. Exactamente coma Brais Romero. 

--Aínda hai lugar para a esperanza en eludir o descenso?

Creo que iso non se dubida dentro do vestiario. Cada semana traballamos moito para que os resultados cheguen, para correxir erros e tentar mellorar. Temos a gran sorte de contar, dende o meu punto de vista, da mellor afección da Costa e iso é unha axuda moi grande nos momentos complicados, semana tras semana enchendo os campos sen importarlles as distancias nin o tempo. Saímos de situacións peores, estamos todos moi unidos, contamos con grandísimos xogadores e os resultados chegarán. A diretiva e a afección confían e nós e conseguiremos estar onde mrecemos.

--Toda unha vida na Esteirana, cal sería ese oferta que faría que cambiases de clube?

No momento no que comezas a ser xogador da Esteirana notas algo distinto, unha sensación especial, algo que dubido moito que haxa noutros equipos. Xogadores que levan poucos anos xogando aquí, ou incluso meses o poden firmar. Imaxínate os que levamos xogando aquí dende nenos...Iso que din de que Esteiro engancha é totalmente certo, non só os maiores, é sorprendente coma nenos de catro anos namóranse deste equipo e fan dos xogadores do primeiro equipo os seus ídolos.É certo que o fútbol da moitas voltas, pero nunca pensei nin penso deixar A Esteirana.

Aquí cos seu pupílos despois de proclamarse Campión de Liga co Primer Equipo
--Adestras categorías de Base. O fútbol vívese igual dende o banco que sobre o terreo de xogo?
Penso que o vivo de forma moi similar. A diferencia é que adestrando sufro máis, non estou quedo en ningún momento porque o de perder nunca o levei moi ben. Iso sí, sempre con moito respecto e sen perder as formas, cousa que algunha vez xogando sí que me ten pasado. Cando te equivocas o primeiro é pedir perdón e asumir a túa parte de culpa e iso é algo que si fago. Son desas persoas que no campo saca o seu carácter. Adestrando, sempre teño que ter o balón preto, sexa na man ou no pé (risas), Declárome un enfermo do fútbol.

--Pensas seguir adestrando e subindo a categorías máis altas?
E o segundo ano que estou cos Prebenxamíns. Todos os pais me din que os teño namorados (risas), que non saben que lles fago. Quérenme moito e eu a eles. Podo dicir que aceptar a proposta para adestralos foi o mellor que puiden facer. Desfruto véndoos xogar, vendo como aprenden. Non hai cartos que paguen as súas caras de felicidade ao ter o balón diante. Gustaríame ir subindo de categoría con eles e ir vendo como progresan, que se formen e collan os valores que se ensinan neste clube. Con eles aprendo cousas cada día e sempre me fan rir. Cáeme a baba con eles. (Risas).


-- Gañar a Liga da Costa, ascender...os soños ás veces fanse realidade.

Non era o obxectivo que tiñamos fixado ao empezar a Liga, xa que viñamos de estar a piques do descenso a tempada anterior. Sabiamos o pontencial da plantilla, eramos cautos e nunca falamos de ser favoritos ou de que fósemos ascender. Co paso das xornadas acomodámonos na parte alta e pouco a pouco fomos crendo que podiamos facer algo importante. Tras perder en Baíñas pensamos que xa era algo imposible, pero semana tras semana fomos gañando e tanto eles coma Corme e Mazaricos foron deixándose puntos ata ver que o soño de gañar a Liga estaba a un paso. O día que o conseguimos foi, futbolísticamente falando, o meu mellor momento. Poder participar nese partido foi algo único. Un día para recordar sempre, algo incrible.
Con Alex Rama celebrando o Titulo de Liga da Segunda da Costa
--Primeira é unha competición dura e con xogadores moi veteráns, moitos dóbranche en idade. Algo de respecto debe dar.

É certo, algún podería ser meu pai (risas). Cando levas varios anos adestrando e xogando con xente bastante maior ca ti xa non impón tanto. Somos unha plantilla moi xove onde moitos de nós, sendo xuvenís, xa xogabamos minutos no primeiro equipo. Iso é de axuda para perder a timidez e soltarte máis cando xa das o salto a sénior. Dentro do campo non miras a idade de cada un, xogas sempre da mesma forma. Os veteráns por dobrarche a idade non van deixar de ir forte ao balón ou a algunha desputa. Se vas con medo sempre vas levar a peor parte.

--Cal é ese xogador que admiras especialmente?

Se teño que elixir a un quédome con Codesido. É o meu mellor amigo, creo que pasamos máis tempo xuntos que con nosos pais (risas). Admíroo coma xogador e coma persoa. Ao igual ca min tamén tamén adestra, nesta caso aos Benxamíns, Os nenos adórano, ven nel a ún ídolo. Ten un don, a facilidade ca que gaña a todo o mundo, sempre facendo rir. É un pilar no equipo e peza clave no vestiario. En calquera lugar, e sobre todo no mundo do fútbol, é unha persoa respectada. Coñéceno tanto, en parte, pola mancha que ten na cara (gargalladas), É o dono do carril dereito da Esteirana.

--Traballas, adestras, entrenas, segues formándote...xoven pero especialmente preparado, como dicía o anuncio aquel.

A verdade é que sí. É unha forma de estar sempre facendo cousas, hai tempo para todo sabendo administralo. A maioría del vai adicado ao fútbol, non hai día da semana que non faga cousas relacionadas con el, xa sexa por adestrar aos nenos, polo equipo, por xogar ou por seguir formándome. Encántame o fútbol e a min non me quita de facer outro tipo de cousas.


--Un desexo que quixeras ver cumprido.

Encantaríame xogar algún día cos nenos ós que adestro, sería algo moi bonito. Gustaríame acadar a salvación, que a Esteirana fose un equipo consolidado en Primeira e cunha filosofía de xogo que é a que se imparte en todas as categorías. Poder crear unha identidade e que se fale de nós polo noso bo xogo.

--Cal é o segredo para que tempada tras tempada sigas fiel á Esteirana?.
Como dixen antes, este clube ten algo que engancha. Aquí trátante de forma especial, non falta de nada. Ofrecen todas as facilidades para adestrar, cuídante, e fan que te sintas importante. Remato dicindo que A Esteirana, máis que un equipo, é unha familia.


miércoles, 21 de noviembre de 2018

EN ORSAY: A ENTREVISTA DA SEMANA CON MAIKEL VILELA (CAPITAN DO MUXIA CF)

"É PRIMORDIAL MANTER A ILUSIÓN. EU TEÑO A MESMA QUE CANDO EMPECEI A XOGAR. OU MÁIS". 
MAIKEL (CAPITAN DO MUXIA - PERCEBEIRO e EX - SONEIRÁN)
Muxía é unha vila onde ruxe o mar tanto coma unha afección que o ten pegado ás costas en Arliña, que respira salitre e que enchoupados nesa fría auga salgada medran xogadores coma Maikel Vilela Trillo (Muxía, 5-12-1987). Unha vila que imprime carácter e un oficio, o seu, que curte e que por forza fai ser á xente distinta. Maikel é de naturaleza tímido fóra da cancha, pero dentro dela amosa a mesma bravura que ese Atlántico do que se alimenta; a mesma dureza que as rochas cas que ten que bater para extraerlles ese petróleo chamado percebe. Acostumado ao choque dende a súa posición de central, non escatima recursos nin se lle poden escatimar a el méritos coma que o Muxía apenas teña goles encaixados no que levamos de competición. Barreira infranqueable para dianteiros de calquera equipo, desfruta coma nunca nesa volta a unha xuventude renacida xogando na casa, rodeado de mocidade que o convirten, aos seus case trinta e un anos, no máis veterano do equipo. Veteranía que leva escrita na liñas da pel, cada unha delas debuxada no seu paso por equipos coma o Camariñas ou o Soneira, onde se proclamou campión de Liga e saboreou o ascenso a Preferente. Títulos e aplausos que adornan o currículum de Maikel pero que el, en realidade, só contabiliza en tardes desfrutadas sobre un terreo de xogo, en puro goce ao borde da área desposto para frear as embestidas rivais. Resistente como a area da praia cada vez que as ondas rompen contra ela. E coma elas, sempre consegue asomar de novo á superficie. Esa é a maior sorte do seu equipo: el é parte fundamental en que se manteña a flote. 


-Ves o Muxía capaz de aguantar o tirón toda a tempada nos postos de arriba?

A Liga é moi longa e aÍnda pode pasar de todo, pero espero que sÍ. Xogando coma o estamos a facer penso que imos perder poucos puntos.

--Sodes unha plantilla novísima. Iso é unha vantaxe ou tamén ten dificultades?
Coma todo ten vantaxes e desvantaxes. O bo é que hai equipo para moitos anos con moita marxe de mellora, segundo se vaia collendo experiencia. O malo de ser tan novos é que esa falta de experiencia ás veces fai que custe saír dos baches cando as cousas se torcen. Pero somos unha piña e xuntos conseguimos superar esas situacións.

--Botas de menos os anos desputados en categorías superiores?

Cando a un lle gusta o fútbol sempre quere xogar o máis arriba posible, pero agora estou na miña casa e desfruto xogando para o Muxía. 
 
MAIKEL no SONEIRA de Preferente
--Veste xogando noutro equipo que xa non sexa o Muxía?
A verdade é que non.

Tes un oficio duro. Non será doado compaxinalo cos adestramentos.

Non é doado, non. Moitas veces resúltame imposible ir por incompatibilidade co horario, e cando pasa iso hai que sacar forzas de onde non as hai. (Risas). 

Fotografia (JM FERREIRO)
--Fai falla moita ilusión para quitarlle horas o sono ou a outras cousas para ir xogar, non?

Creo que é primordial ter ilusión. Teño a mesma que con 15 anos, cando empecei a xogar, ou incluso máis.

--Sendo central, tócalle vérteas cos dianteiros. Cales destacarías da Liga da Costa?.
Pablo Muíño, Alejo e Manu Nogueira, que aínda que non teño que vérmas con el coma rival, desfruto véndoo xogar cada domingo. 

MAIKEL defendendo a PABLO MUIÑO
--Se o Muxía ascendese, seguirías para desputar a competición de Primeira?

Sí, sempre e cando as lesións me respeten.

--A Liga é inalcanzable ou ves posibilidades?

Aínda falta moito. Iso haberá que miralo cando falten 6 ou 7 xornadas.

--Cal foi o teu mellor momento nun terreo de xogo?

Teño recordos moi bonitos dos equipos nos que xoguei. No Camariñas a Fase de Ascenso que xogamos contra o Carral, que pese a quedar eliminados foi moi bonito xogala. No Soneira o meu primeiro partido en Preferente en Chantada, o 3-0 diante do Depor B na Copa Deputación e a Liga que gañamos en Primeira Autonómica. E no Muxía a Liga que gañamos en Terceira (de momento).

MAIKEL na súa epoca no SONEIRA de Preferente
MAIKEL no seu querido MUCIA CF na actualidade