martes, 11 de diciembre de 2018

EN ORSAY: Entrevista con OSCAR (RIOLO) Porteiro da SD AMEIXENDA

"O Ameixenda en seis anos vivíu dous ascensos e iso é para quitarse o sombreiro, xa que aquí non se pagan soldos".


O fútbol costeiro conta con figuras lexendarias ás que todos podemos poñer nome. Xogadores bregados nos clubes da nosa contorna que, ano tras ano, seguen ao pé do cañón e fan posible que moitos equipos poidan competir. É o caso de Óscar Bermúdez "Riolo", (Ameixenda, 1-7-1974), que pese a tentar retirarse nalgunha ocasión, os seus servizos resultan imprescindibles para o equipo dos seus amores, a S.D.Ameixenda e aí segue, incólume ao paso do tempo e desposto a manterse baixo paus mentres sexa preciso. Con auténtico ADN de xogador da Costa, os seus inicios infantís pasaron polo Fútbol Sale e posteriormente, xa en etapa xuvenil, polo Unión Club Cee e ás órdes de Manolín, un adestrador decisivo ao longo de toda a súa vida deportiva. No clube ceense vivíu aqueles anos de esplendor en categorías como a Preferente, e despois transitou por Corcubion, Carnota, Lira ou Dumbría, ata a creación fai seis anos do Ameixenda, onde xa se dispuxo a instalarse coma na casa, pois iso era literalmente. O primeiro ascenso supuxo un éxtase difícil de superar, sendo neófitos na competición e entrar pola porta grande nunca se esquece. Son as cousas que deixan pouso nas afeccións e agrandan as lendas de xogadores coma Riolo, que antepoñen o corazón a calquera outra cousa. Que viven con ilusión cada partido independentemente dos que leve detrás, e que por diante, no horizonte máis próximo, o que se atopa é puro amor. Pero sempre envolto en negro e ouro.

1- Hai tempo e opcións para salvar a categoría?.

Boa pregunta para empezar. Estamos nunha situación moi difícil. A ver si recuperamos algúns xogadores que, ata o de agora apenas poideron xogar, e polo menos competir.

2-- Que significou Manolín como adestrador na túa vida deportiva?

Empecei con el no Cee, e tanto nos momentos bos como nos malos foi todo para min nisto do fútbol. Téñolle moito aprezo como adestrador e, sobre todo, como persoa. É un referente para todos.

 
3--O ascenso do ano pasado tivo que ser algo moi especial, un deses momentos que nunca se esquecen.

Por suposto. As cousas boas da vida, do fútbol, sempre gostan, e o ascenso do ano pasado foi o segundo na curta historia da S.D. Ameixenda. En seis anos de vida é para quitarse o sombreiro xa que aquí non se pagan soldos. Non podo esquecer ningún dos dous porque iso quere decir que se fixeron ben as cousas durante todo o ano.

A SD celebrando o Ascenso o ano pasado
  4--Que supón verte xogando con rapaces moito máis novos?.

Faime pelexar ainda máis para dar o nivel. E xa que son o máis veterano do equipo, tamén a responsabilidade de darlle exemplo ós novos. Si eu con 43 anos podo esforzarme, eles, que son máis 
novos tamén teñen que poder.

5--Percorreste varios equipos da Costa en diferentes categorías. Con cal te quedas?

Si, estiven en varios equipos, nuns xoguei máis e noutros menos pero de tódolos sitios levas cousas positivas, sobre todo compañeiros. Por eso non von destacar ningún. Todos foron importantes.


6-- Deixarán que te retires algunha vez ou segues baixo paus mentres o corpo aguante?.

Polo visto o Ameixenda non quere que colgue as botas. De todas formas a decisión é miña e si non me gustara non estaría xogando. Desgraciadamente tampouco hai moito onde escoller para o meu posto.

7-- Nos teus comezos habería cousas moi diferentes no funcionamento dos clubes e dos xogadores cos de agora mesmo.

Seguramente onde máis se note o cambio sexa na menor implicación que teñen agora os xogadores para xogar e sobre todo para adestrar. Antes os rapaces "toleaban" para poder entrar no equipo do pobo. Agora, ás veces nin é posible completar os 16 dunha convocatoria para xogar o domingo.

8--Que foi o que che levou a ser porteiro?

Foi na escola. O único sitio que había libre no equipo de fútbol sala era o de porteiro, e como íamos xogar contra outros colexios tamén nos librábamos dalgunhas clases. Fun de porteiro e xa quedei, e menos mal para equipo porque de xogador de campo ainda era peor que de porteiro...


9-- É un posto non sempre recoñecido, os clubes non soen ter nin adestrador de porteiros. Veste facendo algo diso?.

Non, de momento non. Ademáis os chavales de agora xa saben máis ca min. (Risas).

10--Un momento deportivo do que estés orgulloso e nunca esquecerás.
Uf, xa dixen antes que de cada equipo onde xoguei leveime cousas boas, pero non cabe dúbida que o primeiro ascenso da S.D. Ameixenda foi moi especial. Un clube recén creado, con maioría de xogadores do pobo, e Ameixenda é un pobo pequeno de apenas 400 habitantes. UN ORGULLO.

RIOLO CELEBRANDO O SEU PRIMEIRO ASCENSO CO AMEIXENDA





No hay comentarios:

Publicar un comentario