Foto CEDIDA
JORGE CALABANDA
Hai nomes que non adquiren toda a súa importancia ata que engadimos o alcume polo que son coñecidos, porque Jorge Mira López quizais non nos diga moito, pero dicir "Calabanda" xa son palabras maiores. Imposible non coñecer a aquel xogador de potente físico que con apenas dezaséis anos xa formaba nas aliñeacións do seu clube natal, o Baio, onde a súa familia marcou unha época, con seu pai na presidencia e seu irmán ao seu carón no campo, convertidos en dous dos mellores xogadores da historia branquiazul.
Calabanda soñaba con chegar ao Deportivo, pero quen se cruzou no seu camiño foi o Celta cando, con dezaoito anos, xogaba no Bergantiños. A mala xestión directiva frustrara unha fichaxe que quedou nun regusto agridoce, nunha incógnita do que puido ser pero xa nunca coñeceremos. En pleno apogeo, chegou a un U.C. Cee no cúmio do éxito, desputando varias tempadas en Preferente e mesmo gañando a Copa da Costa dos oitenta, diante dun Corcubión que despois o tería no banco, como adestrador nun de tantos deses equipos que contaron coa súa experiencia e talento. A súa capacidade para organizar e interpretar o xogo, fixo del un puntal en calquera equipo no que xogaba, con chegada e gol dende ese interior dereito cargado de técnica que abraiaba a compañeiros, rivais e afeccionados. Voltar a casa, ao Baio, era unha crónica anunciada que se consumou co equipo en Primeira Rexional. Mestre da talentosa xeracion que alí maduraba, o ascenso a Preferente foi a consolidación dunha categoría que xa era máis que recoñecida en toda a Costa. Ca retirada non chegou o abandono dos terreos de xogo, senón que foi reconvertido en adestrador de equipos coma o citado Corcubión, Agualada, Fisterra, Porteño, Nantón ou Camariñas e tamén, ata non fai moito, nas categorías do fútbol Base dese Cee co que vivíu unha gran e fructífera parte do seu periplo costeiro. Calabanda era o poderío que aunaba un poderoso físico coa elegancia dunha clase que descansaba no seu innato talento. Heroe branquiazul que fixo soñar a varias xeracións....e que puxo o seu nome no máis alto da historia dos clubes que o desfrutaron. Ningún foi o Deportivo coma el quería, mais quen perdeu, todos sabemos, non foi Calabanda.