jueves, 24 de junio de 2021

SENDEIROS DE GLORIA - GUELI COTELO (Adestrador do Equipo Femenino do Bergantiños)



"ESTE ANO MERECEMOS O ASCENSO MÁIS QUE NUNCA"




Din que nunca choveu que non escampase e quizais, no invernal domingo que vivimos a pasada fin de semana, esa foi unha máxima que pese a non cumprirse no meteorolóxico, si se fixo real no anímico. Porque para o Bergantiños as pingas de agua deixaron de sentirse por fin co pitido final do partido, para transformarse en intenso calor e emoción despois da competida pero merecida vitoria que daba o pase á final polo ascenso. Alí, sufrindo pero finalmente reconfortado, atopábase Miguel Ángel "Gueli" Cotelo Couto (Carballo, 23/04/1980) vendo desfrutar e desbordar felicidade ás xogadoras que adestra e que acababan de consumar unha dura remontada. É o froito dun longo traballo, de intensas xornadas dende que o Bergantiños Feminino vise a luz por primeira vez e marcase un camiño que hoxe se abre espléndido para toda a comarca. Gueli é parte fundamental dese traxecto que agora pode consolidarse co ascenso, nun ano atípico e inesperado que, quen sabe, pode acabar sendo o que marque unha nova crónica para un equipo e un adestrador que, por si mesmos, xa fixeron historia.


--As finais non se xogan, gáñanse, dicía alguén.


Pois si a verdade, ninguén se lembra do subcampión. Aínda que no noso caso imos a intentar desfrutar do partido e do momento sen ningún tipo de presión.


--Aparte da dinámica habitual, a fortaleza mental precisará un extra de traballo?


Intentaremos controlar a extramotivación para esta final. Temos que ter a suficiente madurez para afrontar este tipo de partidos. Calquer despiste pode costar caro e ata o de agora vimos demostrando un nivel de concentración moi alto durante os noventa minutos.


--Pasar despois dunha remontada e de tanto sufrimento, favorece a nivel motivación?



A verdade é que aínda que tivemos o partido bastante controlado, nos últimos minutos apretáronnos sobre todo con accións a balón parado. Co pitido final as xogadoras celebraron a victoria e o feito de meterse na final. Saboréase mellor a victoria cando tes que sufrir para conseguila. Tivemos o domingo para festexar a victoria, dende o luns xa estamos centradas no Bueu.


--É a mellor oportunidade para o Bergantiños de dar por fin o salto á Primeira. Moita responsabilidade despois de tantos anos sen telo conseguido?


Nunca tivemos a obriga de ascender, nin dende o clube nin nós mesmas. Co paso dos adestramentos e das xornadas démonos conta que estábamos a un nivel moi bo e que podíamos chegar ao tramo final da tempada con opcións de ascender. Tamén o curso pasado dependíamos de nós mesmas antes do confinamento e tiñamos serias opcións de conseguilo. E fai dúas tempadas tamén fomos quen de meternos na fase de ascenso e tamén quedamos ás portas contra o Friol. A verdade é que este ano merecémolo mais ca nunca.


--Como valoras o sistema competicional que houbo nesta tempada tan atípica?



Entendo que as circunstancias da pandemia e a demora do inicio da liga non deron moitas mais opcións, pero a verdade é que non me gustou moito. Unha liga regular moi curta e sen marxe de fallo, e despois dúas eliminatorias a partido único, parece un formato de competición dun torneo ou copa mais ca que de unha liga regular. O privilexio de quedar campión debería estar mais premiado.


--Cada día xurden novos equipos femininos na Costa, que sempre foi caladeiro de xogadoras para o Bergan. Custa máis agora facer equipo en Carballo?


A verdade que non, porque cantos mais equipos hai, máis xogadoras se animan. Esta tempada fixemos a plantilla mais curta porque pensamos que era mellor para unha tempada de 10 partidos como moito.


--A canteira é un factor determinante e xa contades con categoría feminina "promesas". Hai proxecto de ampliar a outras?


Levamos 5 anos con feminino sénior, 3 anos co equipo promesas ( de 6 a 11 anos) e fai dous anos fixemos un equipo infantil para competir na copa Gallaecia. Para a tempada que vén intentaremos consolidar un equipo infantil na liga Galega de nenas de 12 e 13 anos. Dende aquí animo a todas as nenas que queiran vir a probar que estamos con xornadas de portas abertas para que nos veñan a coñecer e a disfrutar do fútbol con mais nenas de todas as idades.



--Que se formen novos equipos femininos é en parte grazas á senda aberta en Carballo. Consideraste dalgún xeito un pioneiro?


A verdade que na zona si que fomos os primeiros, aínda que outros anos tamén houbo outros equipos femininos de fútbol e fútbol sala. Penso que realmente a visibilidade que se lle está a dar nos últimos anos ao fútbol feminino, foi o que realmente fixo que mais equipos da zona se animasen a crear equipos femininos, sempre a raíz da demanda das propias xogadoras.


--Que destacarías das túas xogadoras?



Pois que a pesar de todo o que sufrimos esta tempada tan atípica, souberon manter a ilusión e a unión do grupo por encima de todas as adversidades. Hai un ambiente moi bo e iso nótase en cada adestramento. Isto facilita moito o traballo como adestrador. Por outro, lado cabe destacar tamén a labor de René, o segundo adestrador.
Del destacaría a ilusión e a paixón con que vive cada adestramento e cada partido. El tamén forma parte do exito desta tempada.


--Soña en alto e atrévete a pedir un desexo


Pois que remate esta lacra o antes posible e aprendamos dende o fútbol e o deporte en xeral, a disfrutar dos momentos que nos dá a vida rodeados da familia e dos amigos.

sábado, 19 de junio de 2021

O QUE SEMPRE ESTA E NUNCA SE VE (MANUEL SENDÓN SANTOS (MANOLO))

O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE

MANUEL SENDÓN SANTOS (MANOLO)

O Outes é un clube meritorio por moitos motivos, comezando por ese mimo co que se traballa a canteira, parte fundamental de que o noso fútbol sexa unha realidade, de que exista e regue de xogadores as ligas que nos fan ateigar os campos, que nos convirte os domingos en días de sufrimento pero tamén de inmenso pracer e desfrute. Todo iso non se consegue dun día para outro, e require de xente comprometida pero tamén desinteresada, da que fai das cores un motor que funciona carburando ilusión e traballo arreo.

Manolo é a alma dun Outes que volta a vivir esplendores, que nesta tempada vén de acadar o ascenso do equipo sénior á Liga da Costa e o campionato xuvenil. Os tempos non permitiron grandes celebracións, pero non tardarán en bailar as brasas sobre a grella que Manolo domina cunha arte especial. Non importa se hai calor ou frío, porque o verdadeiramente importante é xuntarse, e se fai falla, arrimarlle á ascua unha rancheira coa que ir abrindo boca antes dos manxares. En tempo de competición, Manolo é ese home que está sempre, que recoñecen os máis vellos e tamén os máis novos que cada día enchen de vida O Conchido. A figura pegada ao marcador, subindo tantos que saben a gloria cando son locais, e que ás veces o deixan sen números cando compiten os cativos. Manolo tamén exerce de delegado de equipo, de habitante do banco a carón deses xogadores que o desfrutan coma un avó compartido, un pouco de todos e co que todos medran. Imprescindible nos bos momentos, pero tamén nos malos, cando o seu sentido do humor serve de estímulo e bálsamo. Manolo sabe estar sempre...e moi posiblemente o que non se sabería, na casa branquinegra, sería estar sen el.

Real Federación Galega de Fútbol - Futgal Outes Futbol Club El Punteirolo Galicia en Goles

sábado, 12 de junio de 2021

O QUE SEMPRE ESTA E NUNCA SE VE - EMILIO SUEIRO ARCAY (MILUCO)

O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE

EMILIO SUEIRO ARCAY (MILUCO)

De punta a punta da Costa, cada clube non só conta coa súa historia, senón tamén co seu histórico. Con esa xente imprescindible que, sen embargo, moitas veces nin sequera vemos, pero sen a que cada domingo sería imposible que o balón rodase sobre o céspede dos nosos campos. Miluco é un deses homes para todo no Corme, na versión azul da súa alma, a cor da que pinta un corazón que fai do Cairo unha segunda casa, un lugar ao que chegar o primeiro e poñer a funcionar todo o preciso antes de que dé comezo o espectáculo do fútbol.

Miluco nunca falla, nunca deixa nada atrás se el pode facelo. Entrañable incluso ao seu pesar, a ese carácter que pretende gruñón pero que ten gañadas as simpatías de toda a familia cormelá. Abrir a porta cando aínda todos repousan o xantar, torre vixía que dará paso aos xogadores, aos directivos, a todos os que irán chegando mentras el xa estaba alí. Cumprido recebemento aos afeccionados, aos visitantes, entradas e rifas que pasan polas súas mans coma un prezado tesouro, maquinaria necesaria para sobrevivir. Miluco coida con esmero cada balón, atento aos que sobrepasan os muros e caen ao outro lado, pendente de que nada se extravíe, de que todo estea de novo no seu sitio para o seguinte partido. O Corme vén de ser proclamado campión de Liga e ascendido á Primeira Autonómica, para gozo e satisfacción dos seus seareiros...mais tamén para a xente coma Miluco que traballa desinteresada e arduamente e que, dalgún xeito, esa tamén é a súa recompensa. O éxito nunca o sería sen el, sen a súa dedicación e amor ás cores a cambio só de seguir soñando en azul.

Fotografía CEDIDA

JP Parri  Real Federación Galega de Fútbol - Futgal Galicia en Goles Dulce Corcu  Corme CF Radio Galega Yovanna Vidal

jueves, 10 de junio de 2021

SENDEIROS DE GLORIA - A Entrevista da Semana con RAFA SUAREZ "Adestrador do UC CEE Femenino"


"NON VAI SER DOADO ACADAR O ASCENSO, PERO IMOS CON MOITA ILUSIÓN"


 A aposta polo fútbol feminino xa é unha fermosa realidade en toda a comarca, con cada vez máis participantes e, sobre todo, máis interese mediático dando pulo ás xogadoras, un primeiro paso necesario para a visibilización e a motivación á hora de botar a rodar un equipo. No Cee non dubidaron a tempada pasada en lanzarse a por un proxecto que vén de consolidarse e dar o primeiro título ao clube, cun grupo que se mantivo case na súa totalidade e que igualmente xogou baixo a batuta de Rafael Suárez Pais (Santa Comba, 02/09/1972) Rafa xa é entre os branquiazuis moito máis que un adestrador, con varios anos formando parte dunha familia na que ocupou o banco en moitas e variadas categorías, incluído o equipo masculino sénior, con quen voltará a competir en canto a situación se reanude. Mentres iso non chega, queda o reto do ascenso, a experiencia vivida e unha bancada en San Paio de Refoxos que seguíu manténdose viva para apoiar ás campionas que xa son todas as xogadoras que conforman o U.C. CEE.


--Primeiro obxectivo cumprido. Era co que contabas?


Despois do rendemento do equipo no noso primeiro ano contabamos con poder pelexar pola Liga, xa que se mantivo a práctica totalidade do plantel e a maiores incorporáronse Sara, Lucía Facal e Ánxela.


--O equipo estivo arrollador, diso dan boa conta os números feitos. Que agardas para a Fase?

Non é unha fase en sí, senón que xogamos un partido de semifinal e se pasamos unha final, ambos en campo neutral, gañando os dous acadaríamos o ascenso. Non vai ser doado pero imos con moita ilusión.


--Cal cres que é a clave do auxe do fútbol feminino actualmente?


Sinceramente, non sabería dicilo pero benvido sexa e oxalá siga medrando.


--Como viven as xogadoras este primeiro título no seu segundo ano de competición?


O ano foi tan atípico que ata se dou a circunstancia que fomos matemáticamente gañadoras na xornada que descansamos e non estabamos xuntas para celebralo.

--Que destacarías do grupo que tes?

Destacaría sobre todo a calidade e a xuventude. Creo que hai moito talento no plantel e cun equipo tan xoven non sabemos onde pode estar o teito deportivo. Agardo e desexo que sigan competindo xuntas moitos anos e acaden grandes éxitos.


--Por outra banda, tes ó sénior masculino do que tamén es adestrador aínda que non se xogase. Que tal ves o de retomar despois dun ano parados?

O parón vaise notar para todos, cando empece a pretemporada levaremos 16 meses sen adestrar.


--O Cee, sobre o papel, confeccionara un equipo que apuntaba moi boas maneiras. Agora tocará ir facendo reconto.

Estou moi ilusionado pois paréceme que conseguimos unha plantilla ampla e de calidade e trataremos de reafirmar o cambio de tendencia da tempada pasada, poñéndonos como reto mellorar a clasificación acadada.


--Ves ao Cee feminino con posibilidades de ascender?

Quedan só dous partidos para conseguilo, ao ser eliminatorias a partido único pode pasar calquera cousa. Imos loitar por facelo realidade.


--O mellor e o peor deste formato tan atípico.

É un formato moi distinto ao habitual pola súa brevidade e non permitiu darlle a todas as xogadoras os minutos que me gustaría. Noutra tempada xa estariamos ascendidas ao gañar a Liga, pero se conseguimos ascender ninguén se vai lembrar do formato.

 
--Que plans hai no Cee de cara á nova tempada, que xa en nada temos aquí.

Os plans do clube son seguir medrando como entidade, algo do que lle temos que estar enormemente agradecidos á nosa directiva que traballa arreo para que dispoñamos de todos os recursos necesarios e que fan un traballo que merece un maior recoñecemento, e desde aquí gustaríame facer un chamamento á colaboración que seguro que agradecen enormemente calquera axuda que se lles preste.
A nivel do equipo sénior queremos volver a ser un equipo que loite por títulos, no feminino, se conseguimos o ascenso tocará loitar por manter a categoría e se non pois voltaremos a pelexar por acadalo e no futbol base seguir ca liña de traballo actual buscando formar xogadores e sobre todo persoas.


E por último, estamos traballando nunha novidade que esperemos facer realidade para a próxima tempada e que anunciaremos en canto se concrete.

jueves, 3 de junio de 2021

SENDEIROS DE GLORIA - A ENTREVISTA DA SEMANA (JUAN PORRÚA e JUAN CABREJO da SD FISTERRA)

 

"DESFRUTEMOS DOS TRES PARTIDOS QUE NOS QUEDAN TODOS XUNTOS: CLUBE, AFECCIÓN, XOGADORES E CORPO TÉCNICO".

Non hai constancia de que os milagres existan, pero se alguén estivo preto de acadar un, foron tanto Juan Luces Cores (Muros, 18/12/978) coma Juan Cabrejo Pasantes (Camariñas, 26/05/1975) adestradores da S.D. Fisterra que non deixaron de abraiar nas semanas que levan formando dúo no banco fisterrán, por máis que finalmente parece que vaian quedar sen a tan desexada recompensa da permanencia. Pese a todo, o recoñecemento ao seu labor é unánime, capaces de chegar e recompoñer un equipo que apenas conseguía manterse a flote, pero que sacaron adiante con tesón e traballo, inoculando confianza e unha forza que facía moitos partidos que non se vira no Ara Solis. A piques de rematar a tempada, queda o sabor agridoce que non empañará de ningún xeito esta breve pero intensa traxectoria de dúas lendas que voltaron a xuntarse, anos despois, dende o outro lado da barreira para demostrar que seguen a ser unha parella de éxito.


--Sodes fieis ás matemáticas ou xa abandonades o soño da permanencia?


PORRÚA: Despois da derrota deste domingo contra o C.D. Pontellas, estamos ao 99´9% na Rexional Preferente, pero no vindeiro encontro no Ara Solis intentaremos sacar o partido adiante pese a todas as dificultades que estamos a atopar cada xornada. E a agardar resultados.


CABREJO: Sendo realistas hai que pensar que esta última derrota diante do Pontellas deixounos K.O, por máis matemáticamente aínda non estemos descendidos. Debemos seguir dando a cara polo clube e agardar un milagre.


--Os vosos números, pese a todo, son impresionantes. De partir todos de cero nesta fase, outro galo cantaría.


PORRÚA: A verdade que os números non minten, pero aínda así quédanos un mal sabor de boca por ter fallado nalgúns partidos clave. Pero é o que ten xogarte a vida cada semana co déficit de puntos que traiamos da primeira fase.


CABREJO: Os números son moi bos, pero partiamos con moita desvantaxe de puntos e ese foi un hándicao clave, pero estaba feito así e hai que aceptalo. O que si é certo é que en Preferente non contan os puntos que acadaste para ascender, o primeiro pasa con tres puntos e o segundo con un, e creo que este sería un método máis xusto tamén en Terceira, partindo cun baremo parecido dende o mellor clasificado ao peor. Pero nada se pode facer.


--Coma valorades o traballo do "Tolo" na dirección deportiva?


PORRÚA: Respira unha paixón polo fútbol en cada poro da pel, máis se cabe polo "seu" Fisterra que vin en moi pouco xente ata agora. Os que o coñecemos sabemos o gran traballo e sacrificio que fai por traer os mellores xogadores de Fisterra e bisbarra, complementado con outros de algo nivel da zona de Santiago e Coruña. Cos seus acertos e erros, axudou e moito a levar equipo do seu pobo ata a Terceira División.


CABREJO: Creo que fixo e fai un gran traballo, sendo un home que coñece moi ben o fútbol e que dá a vida polo seu Fisterra. O traballo aí está e ten un mérito tremendo. Ver o Fisterra en Terceira esta tempada é en outras cousas gracias o seu labor.


--Cal foi a fórmula para motivar un vestiario que vivíu de todo antes da vosa chegada?


PORRÚA: Dende o primeiro día o que fixemos foi dicirlle ós xogadores que creran neles mesmos, que son moi bos e forman un gran equipo. Que remaramos todos na mesma dirección e traballar arreo ata o último partido pasase o que pasase. E o máis importante: que pese a situación tan complicada que vivimos esta tempada, que DESFRUTASEN xogando ó fútbol.


CABREJO: O que tratamos de facer nós foi facerlles ver ós xogadores que eran mellores do que dicía a clasificación. Que creran neles e no seu traballo e que, remando todos xuntos, os resultados acabarían por vir. Intentamos aproveitar o traballo dos adestradores anteriores e cambiar algunhas cousas tácticas que vimos oportunas. Cando contas con tan pouco tempo, non podes chegar a un sitio e darlle un cambio radical porque non sería bo.


--Hai oferta de renovación sobre a mesa? Aceptariades o reto?


PORRÚA: Polo de agora non podemos pensar en renovacións ou ofertas. Quéndannos tres partidos para rematar a fase de permanencia e é no que imos centrarnos, no equipo e nos xogadores. Cando isto remate xa haberá tempo para sentarnos a falar e valorar a situación con calma e sen présa.


CABREJO: De momento non falamos nada, primeiro hai que rematar cos tres partidos que nos quedan e despois ver que pasa. O fúltbol, como a vida en xeral, sempre é un reto e hai que afrontalos.


--Pouca xente apostaba por un dúo inédito coma o voso. Que vos animou a aceptar e traballar xuntos'


PORRÚA: É normal que a xente teña as súas dúbidas cando chegan uns adestradores novos e, sobre todo, na situación na que estaba o clube. Cando xurdíu o momento, o primeiro que pensei foi en que tiña que contar con alguén da miña completa confianza e curtido en mil batallas, e non dubidei en ningún momento de que esa persoa sería Juan Cabrejo. Púxenme enseguida en contacto con el para explicarlle a ocasión que se nos presentaba e non tivo dúbidas para embarcarse nesta difícil pero FERMOSA aventura. Por enriba de todo está a amizade que mantemos dende que coindicimos no Compostela B. Estareille eternamente agradecido, e tamén ao "TOLO" pola oportunidade brindada.


CABREJO: Cando Porrúa mo propuxo, non dubidei o máis mínimo e dixen que adiante. Coñecémonos de hai moitos anos, dende aquela etapa no Compostela B e os dous coincidimos en que era unha moi boa oportunidade para adestrar e, ao mesmo tempo, un reto para adquirir experiencia neste mundiño.


--En Fisterra xa contades co afecto e respecto da afección, algo moi importante alí que non todos conseguen en tan pouco tempo.


PORRÚA: Eu só teño palabras de agradecemento infinito, están sempre co equipo no bo e no menos bo. Son a mellor afección da Terceira con diferenza, sempre respectando ás outras, por suposto. Son o xogador número "12", sempre tan importante. E de non ser por esta maldita pandemia, Ara Solis sería un campo sempre cheo a rebentar. So podo dicir que en tan pouco tempo eu xa me sinto un fisterrán máis e, pase o que pase no futuro, poderei dicir que tiven a mellor afección posible: os "RAPACOLLÓNS BIG BAND". E toda a xente de Fisterra que sabe e moito de fútbol. MOITAS GRAZAS POLO VOSO APOIO.


CABREJO: Iso é de agradecer. E sobre todo un orgullo que a SD. FISTERRA teña a mellor afección, sempre animando e apoiando e non só na casa, gañen ou perdan. Recibimos mensaxes de apoio e ánimo cando non gañas, e iso di moito deles, porque o fácil é facelo cando os resultados acompañan. Pero que non te deixen tirado nas derrotas vale ouro.


--Unha plantilla curta sempre limita. Pode ser un dos problemas a destacar se finalmente non se acada o obxectivo da permanencia?


PORRÚA: Non quero entrar a valorar os problemas que puideron traernos a esta situación. Cando remate a tempada falaremos diso, mentres contaremos co que temos ata o final.


CABREJO: É certo que somos un plantel curto, que cando hai baixas nótanse e que nos houbera gustado ter algún xogador máis. A estas alturas hainos que xa levan moito traballo acumulado nas pernas e van cansos, algo que se notaría menos se houbese máis efectivos para poder rotar. Pero tampouco quero empregalo coma escusa, somos os que somos e con eles a morte ata o final. En cuestión de traballo descúbrome ante todos eles.


--De poder elixir, que outra cousa teriadse cambiado nestas semanas?


PORRÚA: Non me arrepinto nin cambiaría nada. Bueno, si...os resultados negativos (risas)


CABREJO: A toro pasado e vendo o que pasou, é moi doado dicir que houbese cambiado tal ou cal cousa. Pero atrás non se pode voltar e hai que apeitugar co que pasou. Juan e máis eu sempre lles decimos que estamos para errar o menos posible, molestar o mínimo, pero está claro que cando perdes en algo fallas, pero eso é o fútbol.


--Unha valoración do comportamento do equipo e da afección.


PORRÚA: Un dez a ambos sen dúbida ningunha.


CABREJO: Dende a nosa chegada, non podemos estar máis contentos e orgullosos cos xogadores. Dano todo sempre máis alá de que gañes ou perdas. Iso foi tamén o que lles esiximos: dar todo o que levan dentro en cada partido, que se deixaran a alma polo escudo que levan e o escudo que representan. Con respecto a afección, pois un orgullo pertencer a este clube para desfrutar deles, e agradecerlles enormemente o apoio que nos dan e que, coma se di por alí: ORJULLO FISTERRÁN!!