"ESTE ANO MERECEMOS O ASCENSO MÁIS QUE NUNCA"
Din que nunca choveu que non escampase e quizais, no invernal domingo que vivimos a pasada fin de semana, esa foi unha máxima que pese a non cumprirse no meteorolóxico, si se fixo real no anímico. Porque para o Bergantiños as pingas de agua deixaron de sentirse por fin co pitido final do partido, para transformarse en intenso calor e emoción despois da competida pero merecida vitoria que daba o pase á final polo ascenso. Alí, sufrindo pero finalmente reconfortado, atopábase Miguel Ángel "Gueli" Cotelo Couto (Carballo, 23/04/1980) vendo desfrutar e desbordar felicidade ás xogadoras que adestra e que acababan de consumar unha dura remontada. É o froito dun longo traballo, de intensas xornadas dende que o Bergantiños Feminino vise a luz por primeira vez e marcase un camiño que hoxe se abre espléndido para toda a comarca. Gueli é parte fundamental dese traxecto que agora pode consolidarse co ascenso, nun ano atípico e inesperado que, quen sabe, pode acabar sendo o que marque unha nova crónica para un equipo e un adestrador que, por si mesmos, xa fixeron historia.
--As finais non se xogan, gáñanse, dicía alguén.
Pois si a verdade, ninguén se lembra do subcampión. Aínda que no noso caso imos a intentar desfrutar do partido e do momento sen ningún tipo de presión.
--Aparte da dinámica habitual, a fortaleza mental precisará un extra de traballo?
Intentaremos controlar a extramotivación para esta final. Temos que ter a suficiente madurez para afrontar este tipo de partidos. Calquer despiste pode costar caro e ata o de agora vimos demostrando un nivel de concentración moi alto durante os noventa minutos.
--Pasar despois dunha remontada e de tanto sufrimento, favorece a nivel motivación?
A verdade é que aínda que tivemos o partido bastante controlado, nos últimos minutos apretáronnos sobre todo con accións a balón parado. Co pitido final as xogadoras celebraron a victoria e o feito de meterse na final. Saboréase mellor a victoria cando tes que sufrir para conseguila. Tivemos o domingo para festexar a victoria, dende o luns xa estamos centradas no Bueu.
--É a mellor oportunidade para o Bergantiños de dar por fin o salto á Primeira. Moita responsabilidade despois de tantos anos sen telo conseguido?
Nunca tivemos a obriga de ascender, nin dende o clube nin nós mesmas. Co paso dos adestramentos e das xornadas démonos conta que estábamos a un nivel moi bo e que podíamos chegar ao tramo final da tempada con opcións de ascender. Tamén o curso pasado dependíamos de nós mesmas antes do confinamento e tiñamos serias opcións de conseguilo. E fai dúas tempadas tamén fomos quen de meternos na fase de ascenso e tamén quedamos ás portas contra o Friol. A verdade é que este ano merecémolo mais ca nunca.
--Como valoras o sistema competicional que houbo nesta tempada tan atípica?
Entendo que as circunstancias da pandemia e a demora do inicio da liga non deron moitas mais opcións, pero a verdade é que non me gustou moito. Unha liga regular moi curta e sen marxe de fallo, e despois dúas eliminatorias a partido único, parece un formato de competición dun torneo ou copa mais ca que de unha liga regular. O privilexio de quedar campión debería estar mais premiado.
--Cada día xurden novos equipos femininos na Costa, que sempre foi caladeiro de xogadoras para o Bergan. Custa máis agora facer equipo en Carballo?
A verdade que non, porque cantos mais equipos hai, máis xogadoras se animan. Esta tempada fixemos a plantilla mais curta porque pensamos que era mellor para unha tempada de 10 partidos como moito.
--A canteira é un factor determinante e xa contades con categoría feminina "promesas". Hai proxecto de ampliar a outras?
Levamos 5 anos con feminino sénior, 3 anos co equipo promesas ( de 6 a 11 anos) e fai dous anos fixemos un equipo infantil para competir na copa Gallaecia. Para a tempada que vén intentaremos consolidar un equipo infantil na liga Galega de nenas de 12 e 13 anos. Dende aquí animo a todas as nenas que queiran vir a probar que estamos con xornadas de portas abertas para que nos veñan a coñecer e a disfrutar do fútbol con mais nenas de todas as idades.
--Que se formen novos equipos femininos é en parte grazas á senda aberta en Carballo. Consideraste dalgún xeito un pioneiro?
A verdade que na zona si que fomos os primeiros, aínda que outros anos tamén houbo outros equipos femininos de fútbol e fútbol sala. Penso que realmente a visibilidade que se lle está a dar nos últimos anos ao fútbol feminino, foi o que realmente fixo que mais equipos da zona se animasen a crear equipos femininos, sempre a raíz da demanda das propias xogadoras.
--Que destacarías das túas xogadoras?
Pois que a pesar de todo o que sufrimos esta tempada tan atípica, souberon manter a ilusión e a unión do grupo por encima de todas as adversidades. Hai un ambiente moi bo e iso nótase en cada adestramento. Isto facilita moito o traballo como adestrador. Por outro, lado cabe destacar tamén a labor de René, o segundo adestrador.
Del destacaría a ilusión e a paixón con que vive cada adestramento e cada partido. El tamén forma parte do exito desta tempada.
--Soña en alto e atrévete a pedir un desexo
Pois que remate esta lacra o antes posible e aprendamos dende o fútbol e o deporte en xeral, a disfrutar dos momentos que nos dá a vida rodeados da familia e dos amigos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario