O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE
JULIO CASTRO LÓPEZ (CD Baio)
Ninguén traspasa as portas do Platas Reinoso sen toparse con el, coa súa benvida a un campo que é moito máis que un terreo de xogo, tamén esa outra casa onde exerce de pai da familia branquiazul, a quen ve medrar e pasar bos e malos momentos, pero en todos eles sempre está Julio. Directivo dende os primeiros anos oitenta, a súa primeira iniciativa sempre pasa por estar desposto para axudar e colaborar, para facilitar a vida de todos os que forman parte dese Baio que lle viste o corazón.
A bordo da súa moto e indiferente ás condicións climatolóxicas, Julio chega ao Platas coa mesma ilusión que se respira nunha afección que deixa pegada por onde pasa, tan acolledor coma unha tarde de vitoria, de goles que celebrar e de títulos que desfrutar. Soños cumpridos en domingos onde Julio ve aos seus xogadores eufóricos sobre o céspede, e nada pode haber que compense máis de tanto traballo e adicación. Escoitar o ruído do seu motor é sinal de que volta a competicion, de que pronto de novo o campo terá xente chamando á porta, agardando para ocupar a súa localidade e alí estará, coma sempre, Julio. Chova ou faga sol, antes de que ninguén aparque na explanada do Platas Reinoso, dentro estará todo desposto para que nós, cantos estamos namorados do mundo do balón, poidamos vivilo en todo esplendor e comodidade. Julio estará alí para iso...para que o fútbol sexa o outro motor no que viaxa cada fin de semana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario