O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE
MANUEL SENDÓN SANTOS (MANOLO)
O Outes é un clube meritorio por moitos motivos, comezando por ese mimo co que se traballa a canteira, parte fundamental de que o noso fútbol sexa unha realidade, de que exista e regue de xogadores as ligas que nos fan ateigar os campos, que nos convirte os domingos en días de sufrimento pero tamén de inmenso pracer e desfrute. Todo iso non se consegue dun día para outro, e require de xente comprometida pero tamén desinteresada, da que fai das cores un motor que funciona carburando ilusión e traballo arreo.
Manolo é a alma dun Outes que volta a vivir esplendores, que nesta tempada vén de acadar o ascenso do equipo sénior á Liga da Costa e o campionato xuvenil. Os tempos non permitiron grandes celebracións, pero non tardarán en bailar as brasas sobre a grella que Manolo domina cunha arte especial. Non importa se hai calor ou frío, porque o verdadeiramente importante é xuntarse, e se fai falla, arrimarlle á ascua unha rancheira coa que ir abrindo boca antes dos manxares. En tempo de competición, Manolo é ese home que está sempre, que recoñecen os máis vellos e tamén os máis novos que cada día enchen de vida O Conchido. A figura pegada ao marcador, subindo tantos que saben a gloria cando son locais, e que ás veces o deixan sen números cando compiten os cativos. Manolo tamén exerce de delegado de equipo, de habitante do banco a carón deses xogadores que o desfrutan coma un avó compartido, un pouco de todos e co que todos medran. Imprescindible nos bos momentos, pero tamén nos malos, cando o seu sentido do humor serve de estímulo e bálsamo. Manolo sabe estar sempre...e moi posiblemente o que non se sabería, na casa branquinegra, sería estar sen el.
Real Federación Galega de Fútbol - Futgal Outes Futbol Club El Punteirolo Galicia en Goles
No hay comentarios:
Publicar un comentario