O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE
EMILIO SUEIRO ARCAY (MILUCO)
De punta a punta da Costa, cada clube non só conta coa súa historia, senón tamén co seu histórico. Con esa xente imprescindible que, sen embargo, moitas veces nin sequera vemos, pero sen a que cada domingo sería imposible que o balón rodase sobre o céspede dos nosos campos. Miluco é un deses homes para todo no Corme, na versión azul da súa alma, a cor da que pinta un corazón que fai do Cairo unha segunda casa, un lugar ao que chegar o primeiro e poñer a funcionar todo o preciso antes de que dé comezo o espectáculo do fútbol.
Miluco nunca falla, nunca deixa nada atrás se el pode facelo. Entrañable incluso ao seu pesar, a ese carácter que pretende gruñón pero que ten gañadas as simpatías de toda a familia cormelá. Abrir a porta cando aínda todos repousan o xantar, torre vixía que dará paso aos xogadores, aos directivos, a todos os que irán chegando mentras el xa estaba alí. Cumprido recebemento aos afeccionados, aos visitantes, entradas e rifas que pasan polas súas mans coma un prezado tesouro, maquinaria necesaria para sobrevivir. Miluco coida con esmero cada balón, atento aos que sobrepasan os muros e caen ao outro lado, pendente de que nada se extravíe, de que todo estea de novo no seu sitio para o seguinte partido. O Corme vén de ser proclamado campión de Liga e ascendido á Primeira Autonómica, para gozo e satisfacción dos seus seareiros...mais tamén para a xente coma Miluco que traballa desinteresada e arduamente e que, dalgún xeito, esa tamén é a súa recompensa. O éxito nunca o sería sen el, sen a súa dedicación e amor ás cores a cambio só de seguir soñando en azul.
Fotografía CEDIDA
No hay comentarios:
Publicar un comentario