jueves, 10 de junio de 2021

SENDEIROS DE GLORIA - A Entrevista da Semana con RAFA SUAREZ "Adestrador do UC CEE Femenino"


"NON VAI SER DOADO ACADAR O ASCENSO, PERO IMOS CON MOITA ILUSIÓN"


 A aposta polo fútbol feminino xa é unha fermosa realidade en toda a comarca, con cada vez máis participantes e, sobre todo, máis interese mediático dando pulo ás xogadoras, un primeiro paso necesario para a visibilización e a motivación á hora de botar a rodar un equipo. No Cee non dubidaron a tempada pasada en lanzarse a por un proxecto que vén de consolidarse e dar o primeiro título ao clube, cun grupo que se mantivo case na súa totalidade e que igualmente xogou baixo a batuta de Rafael Suárez Pais (Santa Comba, 02/09/1972) Rafa xa é entre os branquiazuis moito máis que un adestrador, con varios anos formando parte dunha familia na que ocupou o banco en moitas e variadas categorías, incluído o equipo masculino sénior, con quen voltará a competir en canto a situación se reanude. Mentres iso non chega, queda o reto do ascenso, a experiencia vivida e unha bancada en San Paio de Refoxos que seguíu manténdose viva para apoiar ás campionas que xa son todas as xogadoras que conforman o U.C. CEE.


--Primeiro obxectivo cumprido. Era co que contabas?


Despois do rendemento do equipo no noso primeiro ano contabamos con poder pelexar pola Liga, xa que se mantivo a práctica totalidade do plantel e a maiores incorporáronse Sara, Lucía Facal e Ánxela.


--O equipo estivo arrollador, diso dan boa conta os números feitos. Que agardas para a Fase?

Non é unha fase en sí, senón que xogamos un partido de semifinal e se pasamos unha final, ambos en campo neutral, gañando os dous acadaríamos o ascenso. Non vai ser doado pero imos con moita ilusión.


--Cal cres que é a clave do auxe do fútbol feminino actualmente?


Sinceramente, non sabería dicilo pero benvido sexa e oxalá siga medrando.


--Como viven as xogadoras este primeiro título no seu segundo ano de competición?


O ano foi tan atípico que ata se dou a circunstancia que fomos matemáticamente gañadoras na xornada que descansamos e non estabamos xuntas para celebralo.

--Que destacarías do grupo que tes?

Destacaría sobre todo a calidade e a xuventude. Creo que hai moito talento no plantel e cun equipo tan xoven non sabemos onde pode estar o teito deportivo. Agardo e desexo que sigan competindo xuntas moitos anos e acaden grandes éxitos.


--Por outra banda, tes ó sénior masculino do que tamén es adestrador aínda que non se xogase. Que tal ves o de retomar despois dun ano parados?

O parón vaise notar para todos, cando empece a pretemporada levaremos 16 meses sen adestrar.


--O Cee, sobre o papel, confeccionara un equipo que apuntaba moi boas maneiras. Agora tocará ir facendo reconto.

Estou moi ilusionado pois paréceme que conseguimos unha plantilla ampla e de calidade e trataremos de reafirmar o cambio de tendencia da tempada pasada, poñéndonos como reto mellorar a clasificación acadada.


--Ves ao Cee feminino con posibilidades de ascender?

Quedan só dous partidos para conseguilo, ao ser eliminatorias a partido único pode pasar calquera cousa. Imos loitar por facelo realidade.


--O mellor e o peor deste formato tan atípico.

É un formato moi distinto ao habitual pola súa brevidade e non permitiu darlle a todas as xogadoras os minutos que me gustaría. Noutra tempada xa estariamos ascendidas ao gañar a Liga, pero se conseguimos ascender ninguén se vai lembrar do formato.

 
--Que plans hai no Cee de cara á nova tempada, que xa en nada temos aquí.

Os plans do clube son seguir medrando como entidade, algo do que lle temos que estar enormemente agradecidos á nosa directiva que traballa arreo para que dispoñamos de todos os recursos necesarios e que fan un traballo que merece un maior recoñecemento, e desde aquí gustaríame facer un chamamento á colaboración que seguro que agradecen enormemente calquera axuda que se lles preste.
A nivel do equipo sénior queremos volver a ser un equipo que loite por títulos, no feminino, se conseguimos o ascenso tocará loitar por manter a categoría e se non pois voltaremos a pelexar por acadalo e no futbol base seguir ca liña de traballo actual buscando formar xogadores e sobre todo persoas.


E por último, estamos traballando nunha novidade que esperemos facer realidade para a próxima tempada e que anunciaremos en canto se concrete.

No hay comentarios:

Publicar un comentario