domingo, 28 de marzo de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN RAMON LOBELOS ÍNSUA



Juan Ramón Lobelos (Na Actualidade)

Hoxe que a Sd Fisterra desputará a derradeira xornada de Liga na Terceira División, é bo momento para lembrar de novo aos que viviron esa mesma xesta hai case catro décadas, nuns tempos onde viaxar para competir eran unha odisea quizais máis dura que os propios partidos, pero que se facía por amor ás cores e ao fútbol, algo incrustado no corazón fisterrán desde a nenez. Juan Ramón foi un deses xogadores que o viviron todo co Fisterra, que nunca vestíu outra camisola máis que a verde, coa que transitaría por todas as categorías pero sempre a bordo do barco natal.

Apenas dez anos sobre o céspede, onde pasou de dianteiro a centrocampista e despois a defensa central. Carácter práctico e bregador que pechaba liñas no seu pequeno rectángulo, pero que era traspasado sempre que se encendía o seu instinto atacante . Especialista aéreo para o remate e para o despexe, forza e solvencia para crear e afastar perigo. Como xogador, unha Copa da Costa no seu haber, un título que despois tanto se lle resistiría ao Fisterra e a varias xeracións de fisterráns, pero que el conserva no seu legado. Moi cedo pasou de estar sobre o terreo de xogo a ver os partidos dende o banco, en labores de adestrador que principiaron cunha tempada no Lira desputando a liga costeira. 

Sería o preludio dunha longa traxectoria como técnico, que novamente desenrolaría ano tras ano, ata completar case a quincena, no vestiario fisterrán. Vencedor dun campionato de Liga da Costa, unha Copa da Costa e a Preferente e Primeira tamén como destinos. Un camiño andado sobre o Ara Solis xa convertido nunha segunda casa, que tamén bordearon máis adiante os seus fillos Rodrigo e Diego.Igualmente directivo no seu día, Juan Ramón non deixou de estar ao servizo do Fisterra unha gran parte da súa vida, capitaneando en terra ese mar de talento que sempre nace ás beiras de Corveiro. Dese pasado, este presente onde o Fisterra segue a facer historia.



domingo, 21 de marzo de 2021

A COSTA MÍTICA - MANUEL LEIS MACEIRAS (MANOLITO DE DUMBRIA)

 

                                               Manolito na época de adestrador no Soneira sd

Algúns dos éxitos máis aclamados da Costa levan o selo persoal dun adestrador que forma parte da memoria colectiva do noso fútbol, aínda que moito antes, xa era unha figura de renome coma xogador e que, baixo o alcume de "Manolito de Dumbría", abraiaba coa súa zurda de ouro e a voracidade atacante que o caracterizaba. A mesma intelixencia sobre o terreo de xogo que no banco, unha visión de xogo que sempre se anticipaba ao rival e desarmaba defensas. Manolito nunca precisou apelido, recoñecido sobradamente por un diminutivo que non facía honra á súa grandeza, pero que abondaba para infundir tanto temor como admiración e respecto.


Debutante no Cee co que acadaría un título de Copa da Costa, discípulo como tantos outros míticos de Manolín, que despois transitaría pola Terceira División enrolado no Cerceda, pero sería maioritariamente nas nosas lindes onde se debullaría gran parte da súa traxectoria, sobre todo unha longa estadía no Camariñas, pero tamén no Carnota e, como non, no equipo co que viviría glorias quizais soñadas, pero convertidas finalmente en realidade no Soneira. Un clube que xa pasaría a formar parte da súa vida, en diferentes etapas pero sempre co éxito gravado no escudo. Dous ascensos a Preferente, campión de Liga e dous títulos de Copa deixan un legado imborrable no Municipal. Fóra de Vimianzo, tamén pasou polas filas do Porteño, onde exercera tanto de xogador coma de técnico, a onde chegara procedente do Camariñas. De incombustible espiríto gañador, listo e dos que non precisaba grandes charlas para facerse entender. Ás veces, abondaba coñecelo para saber o que quería, para entender o que buscaba en cada partido. Aposta sempre declarada polos seus xogadores, pola confianza e a capacidade de transmitir todo canto en eles depositaba. Manolito tamén tocou o ceo nos torneos de Fútbol-7 co lexendario equipo do London, e igualmente no Fútbol Sala cos Salesianos. Dono dun disparo que fería de morte cando enfrontaba os tres paus en calquera superficie, carácter e sofisticación ao servizo dunha Costa que destila esplendor cando se fala de xogadores como Manolito de Dumbría.

                                                      Na súa época de xogador no Carnota

martes, 16 de marzo de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN PORRÚA

JUAN PORRÚA

Non soen ser os  porteiros a clase de xogadores aos que máis atención se lles presta. Fundamentais porque eles teñen a derradeira chave da vitoria ou da derrota, pero esquecidos en moitas ocasións, alonxados do foco mediático que encumbra a goleadores e, en definitiva, aos que fan que o marcador se mova, non aos que poñen todo o seu empeño en evitalo. Pero Juan Porrúa é un dos que leva toda a vida cumprindo con ese cometido, e non de calquera xeito, senón nese grupo de escollidos que fixo dos treus paus un escaparate co que percorrer toda Galicia, sumando premios e títulos mentras detiña balóns e freaba en seco a avidez dos dianteiros. A gloria, con el diante, sempre quedaba na área pequena.

Porrúa nunca tivo outra posición no terreo de xogo, ata agora que senta no banco e comparte experiencia e coñecementos coma adestrador do Monte Louro, con quen vén de acadar o ascenso a esa Liga da Costa que tanto admira e desfruta, e da que tivo ocasión de ser campión coma xogador, igual que de Copa. Estreou adolescencia e posto no Muros natal, onde se fixo dono dese habitáculo que xa nunca abandoaría, e que o levou ata o Compostela coma primeira parada, onde acadou o campionato de Tercera División co filial. O Grove, Noia, Ribadumia ou Chaián antes de voltar á comarca, especialmente ao Dumbría, onde vivíu grandes éxitos coma o ascenso a Preferente. Tamén  no Conco sentou por primeira vez no banquiño para adestrar ao equipo Cadete, antes da súa marcha ao Dubra, onde finalmente colgaría unhas botas exhaustas de transitar por todo o fútbol galego. Varias veces premiado coma porteiro menos batido, Juan Porrúa é fiel a un estilo, ao de facer familia alí por onde pase, sabedor de que un equipo precisa a mesma confianza que se require para poñerse entre os tres paus. Pese a unha prologanda ausencia por motivos laborais, está de volta e con todos os folgos do mundo para seguir facendo historia...para roubarlle, aínda que sexa sen querer, o protagonismo aos que o levan habitualmente cada domingo. 

domingo, 7 de febrero de 2021

A COSTA MÍTICA - VICTOR VECINO



VÍCTOR VECINO

Que o fútbol está composto de algo máis que atacantes é algo obvio, pero ás veces outras zonas do campo quedan un pouco escurecidas polo espectáculo goleador. Pero aínda así, hai quen combina un posto na zaga e, ao mesmo tempo, a voracidade dun dianteiro nato. Víctor Vecino é un deses versátiles xogadores temido tanto cando defende como cando atravesa liñas e aterra na área rival coa súa poderosa envergadura, que o dotaba dun remate de cabeza infalible. Dono absoluto do espazo aéreo, dominaba nas alturas e só baixaba dos ceos para defender o seu rectángulo central, ese universo propio onde resultaba infranqueable e intratable.


Discípulo aventallado de San Andrés, Víctor Vecino nace á arte do balón en Zas, onde se forma e de onde sairía para unha longa estancia, en dúas etapas, no Soneira. Alí coñecería éxitos e derrotas, pero sería partícipe dos momentos máis doces do clube, os do ascenso a Preferente e as dúas Copas da Costa, en toda a plenitude da súa traxectoria. Un máis da familia vimiancesa, que só abandona para volver ao berce natal, no debut na Primeira Autonómica do Zas despois de acadar o campionato da Liga da Costa. Poderío natural que aproveitaba o fútbol directo que agora xa se practica menos, pero no que Vecino se manexaba como peixe na auga, exprimindo unhas innatas cualidades físicas que o convertían en perigoso en calquera zona do campo. Igualmente poderoso a balón parado, foi codiciado por todo tipo de equipos, peza maior que todos querían nas súas filas. No último treito, aínda houbo tempo para dar o salto de novo a Preferente co Xallas, que ese ano tamén serían campións de Copa diante, precisamente, do amado Soneira de Víctor Vecino. Sería na casa, en branquiceleste, onde colgaría as botas pero non para sempre. A fame de fútbol seguía sendo un motor que non se ía parar porque o dixera ningún reloxo biolóxico, e aí estaban os Veteranos da División de Honra do Sporting Zas para recibilo cos brazos abertos e proclamarse campións ese mesmo ano. Chegar e bicar o santo, que soe dicirse, nunha campaña de xogo e domino apabullantes. A Costa segue sendo, como durante tantos anos, terreo dun Víctor Vecino que se resiste a deixar de ser a figura que segue latente na memoria de todos.

domingo, 24 de enero de 2021

A COSTA MÍTICA DANI FREIRE



A COSTA MÍTICA 

DANI FREIRE


A ninguén se lle escapa a implicación do apelido Freire no fútbol costeiro e, sobre todo, no Cee. Un fogar para gran parte dos seus membros tanto sobre o terreo de xogo como no labor directivo ou de calquera outro ámbito de colaboración. Corazón azul para unha familia que vive ano tras ano a paixón da competición sendo moito máis que espectadores. Dani Freire é un deses compoñentes, que deixou o seu paso polo clube cheo de trofeos e de éxitos, pero ningún tan especial coma a derradeira Copa da Costa conquistada no Municipal de Vimianzo, co braceiro de capitán no brazo e por primeira vez sendo o encargado de brindar o título á toda a afección.


Moito máis que un xogador, Dani foi no Cee corpo e alma, con tarefas que extralimitaban os noventa minutos de xogo. Home da casa, dos que axudaban e estaban pendentes de calquera necesidade, dono absoluto da banda esquerda que aínda lembra o que era tremer baixo a súa zancada. De físico portentoso e entrega inagotable, que non escatimaba carreiras para sumarse ao ataque e cabecear a balón parado ou ben para sorprender, incansable, á contra. Defensor duro e aguerrido, que nunca mudou de posto no campo nin de equipo na vida, nin sequera cando as circunstancias laborais o levaron por outros derroteiros e pasou a xogar intermitentemente, cando podía. Aínda na distancia, non dubidou en coller as rendas do clube cando parecía abocado á desaparición, polo menos, momentánea. Dani Freire é a imaxe do verdadeiro espiríto do fútbol da Costa, dos que pelexan e sempre están para o clube dos seus amores. Que poñen o corazón antes que a cabeza e, aínda que xa non xoguen, o seu nome seguirá habitando no firmamento dun Cee no que será eterno capitán.