VÍCTOR VECINO
Discípulo aventallado de San Andrés, Víctor Vecino nace á arte do balón en Zas, onde se forma e de onde sairía para unha longa estancia, en dúas etapas, no Soneira. Alí coñecería éxitos e derrotas, pero sería partícipe dos momentos máis doces do clube, os do ascenso a Preferente e as dúas Copas da Costa, en toda a plenitude da súa traxectoria. Un máis da familia vimiancesa, que só abandona para volver ao berce natal, no debut na Primeira Autonómica do Zas despois de acadar o campionato da Liga da Costa. Poderío natural que aproveitaba o fútbol directo que agora xa se practica menos, pero no que Vecino se manexaba como peixe na auga, exprimindo unhas innatas cualidades físicas que o convertían en perigoso en calquera zona do campo. Igualmente poderoso a balón parado, foi codiciado por todo tipo de equipos, peza maior que todos querían nas súas filas. No último treito, aínda houbo tempo para dar o salto de novo a Preferente co Xallas, que ese ano tamén serían campións de Copa diante, precisamente, do amado Soneira de Víctor Vecino. Sería na casa, en branquiceleste, onde colgaría as botas pero non para sempre. A fame de fútbol seguía sendo un motor que non se ía parar porque o dixera ningún reloxo biolóxico, e aí estaban os Veteranos da División de Honra do Sporting Zas para recibilo cos brazos abertos e proclamarse campións ese mesmo ano. Chegar e bicar o santo, que soe dicirse, nunha campaña de xogo e domino apabullantes. A Costa segue sendo, como durante tantos anos, terreo dun Víctor Vecino que se resiste a deixar de ser a figura que segue latente na memoria de todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario