A COSTA MÍTICA
DANI FREIRE
A ninguén se lle escapa a implicación do apelido Freire no fútbol costeiro e, sobre todo, no Cee. Un fogar para gran parte dos seus membros tanto sobre o terreo de xogo como no labor directivo ou de calquera outro ámbito de colaboración. Corazón azul para unha familia que vive ano tras ano a paixón da competición sendo moito máis que espectadores. Dani Freire é un deses compoñentes, que deixou o seu paso polo clube cheo de trofeos e de éxitos, pero ningún tan especial coma a derradeira Copa da Costa conquistada no Municipal de Vimianzo, co braceiro de capitán no brazo e por primeira vez sendo o encargado de brindar o título á toda a afección.
Moito máis que un xogador, Dani foi no Cee corpo e alma, con tarefas que extralimitaban os noventa minutos de xogo. Home da casa, dos que axudaban e estaban pendentes de calquera necesidade, dono absoluto da banda esquerda que aínda lembra o que era tremer baixo a súa zancada. De físico portentoso e entrega inagotable, que non escatimaba carreiras para sumarse ao ataque e cabecear a balón parado ou ben para sorprender, incansable, á contra. Defensor duro e aguerrido, que nunca mudou de posto no campo nin de equipo na vida, nin sequera cando as circunstancias laborais o levaron por outros derroteiros e pasou a xogar intermitentemente, cando podía. Aínda na distancia, non dubidou en coller as rendas do clube cando parecía abocado á desaparición, polo menos, momentánea. Dani Freire é a imaxe do verdadeiro espiríto do fútbol da Costa, dos que pelexan e sempre están para o clube dos seus amores. Que poñen o corazón antes que a cabeza e, aínda que xa non xoguen, o seu nome seguirá habitando no firmamento dun Cee no que será eterno capitán.
No hay comentarios:
Publicar un comentario