domingo, 3 de enero de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN CARLOS VELAY INSUA (FISTERRA)

A COSTA MÍTICA

 

Podería facerse un programa exclusivamente de fisterráns que despuntaron no Ara Solis e acabaron xogando por todo o país, vestindo as camisolas de grandes equipos e deixando a impronta da calidade costeira por cantos campos visitaron. Velay é un deses talentos que pronto voaron do niño, despois dunha proposta de Arsenio Iglesias para comezar a formarse naquel Español da Coruña que era unha especie de satélite do Fabril. Adestrado por Manolo Corredoira, foi un ano de éxitos gañando todo o desputado, e tamén o pasaporte ao filial do Depor da man de Traba, xogador do primeiro equipo e igualmente descendente do olimpo fisterrán, que se convertiría no seu valedor. 

Aínda xuvenil pero xa acumulando bagaxe e experiencia lonxe do fogar, ás ordes de José Manuel Corral no Fabril a piques está de dar o salto ao Valladolid, pero a destitución do que despois sería segundo do Real Madrid con Toshack, frustra esas expectativas e sume a Velay no desencanto de vivir lonxe da casa e de compaxinar estudos e adestramentos. Sobre a mesa, unha proposta para xogar co Sada que tampouco se consumaría e que o trae de volta para conquistar dúas Copa da Costa co Fisterra ademais dalgún título de Liga, e máis tarde co Baio outro campionato ligueiro e un ascenso nos dous anos vestido de branquiazul. Sería o punto e final a unha traxectoria de extremo esquerdo que puido acadar categorías máis altas, incluso na Primeira División, pero a quen quizais lle faltou ese chisco de sorte que hai que engadir ás propias cualidades que se atesouran. Inesquecibles as súas participacións sobre o parqué, célebre campión en máis dunha ocasión co Casino de Fisterra naqueles maratóns que todos lembramos con admiración e morriña. Xogador que sempre figurará nese selecto estrelato de fisterráns deslumbrantes e poderosos, que pasearon orgullosamente o nome do seu pobo por onde queira que xogaran, sempre aparellado a unha categoría especial...a que dá nacer bañado polo salitre que enchoiupa o Ara Solis.

Fotografias CEDIDAS

No hay comentarios:

Publicar un comentario