A COSTA MÍTICA
Juan Carlos Cabanas "JUAN O BELLO"
A definición "xogador costeiro" adquire toda a súa dimensión cando nos referimos a aqueles que desenvolveron toda a súa traxectoria nos clubes da nosa contorna. En toda a familia de equipos que forman parte das nosas vidas, dos domingos de derbis ou de enfrontamentos contra amigos e compañeiros doutras tempadas, pero que xa pertencen inevitablemente ao universo propio. Juan Bello é un deses xogadores, auténtico correcamiños da Costa, dende a súa Ponte do Porto e o Porteño local, a todo un periplo pola bisbarra futbolística, vestindo as camisolas dun bo número dos equipos máis senlleiros que nos rodean, deixando en todos eles a pegada dun carácter tan indómito como talentoso.
De Sofán a Cee, pasando polo Nantón, Vimianzo e o mítico Camariñas da Primeira Rexional, categoría que tamén desputaría co Malpica, de onde recalaría no equipo branquiazul para desputar catro tempadas consecutivas, nuns anos onde a veteranía conxugaba cos xoves xogadores da canteira ceense. Sería no Unión Club Cee onde colgaría as botas oficialmente, para pasar á competición de Veteráns enrolado nas filas do Soneira, antes de voltar ás pistas de Fútbol Sala co Villa de Cee para deixar constancia novamente dunha calidade que traspasou sempre as lindes do céspede, e permanece na retina de todos coma un excelente xogador de parqué, imprescindible de torneos e maratóns, cotizado entre os mellores e que aínda pode desfrutarse cando a ocasión o require. Juan foi deses xogadores que viron brotar moitas das xeracións que agora manteñen vivo o noso fútbol, mestre nos terreos de xogo que fixo da súa exquisita colocación no campo un salvoconduto ao gol e a ese pase final que decantaba encontros. Tan decisivo como carismático....inconformista na derrota e na voracidade innata de que sempre se podía ter feito máis. Porque Juan, ninguén pode negalo, sempre xogaba a gañar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario