domingo, 29 de noviembre de 2020

A COSTA MÍTICA - OS IRMÁNS LOJO


IRMÁNS LOJO


Corcubión é un lugar pequeno, pero confortable e acolledor. No fútbol, non tiña porque ser diferente e aínda é un clube con moita raigame familiar, onde pais, despois fillos e netos, vestiron a camisola branquiazul ou mantiveron dalgún xeito a vinculación ca casa. Tal acontece cos Lojo, herdeiros dunha tradición que comezou con seu pai coma presidente, e que agora conta cunha homenaxe anual en forma de trofeo que leva o seu nome. Carli, Mané e Luis, forman tamén parte xa dunha época na que o Corcubión vestía as cores da vitoria e as categorias superiores, do fútbol nativo e de calidade que levou nunha ocasión a ver sobre o terreo de xogo ás tres sagas da vila xuntas: os Lojo, Lema e Caamaño.
Carli foi a fidelidade e a entrega, inamovible dun Cubaleiro onde desputou todos os partidos da súa traxectoria deportiva. Nunca precisou outros fogares máis que o propio, a súa zona segura de centro da área onde se esixe forza e poucas contemplacións pero, precisamente, Carli exhibía cabaleirosidade e deportividade. Ao estilo Beckenbauer, profesaba respecto e certa querencia docente, escoitado cando se pronunciaba e dono dun carácter que non requería berros para facerse oír. Mané era a potencia e a velocidade, a banda dereita aberta en canal para ese último pase ou para probar de novo o seu olfato goleador. A mel das finais de Copa que se perderon en dúas ocasións, pero despois o salto á Terceira División naquel Fisterra do que tanto se volta falar agora. Da man de Manolín, vestido de novo de branquiazul pero desta vez cas cores do Baio, e máis tarde no Lira. Luis era a técnica e o balón de terciopelo, un mimo profesado ao esférico no mediocampo que se admirou en Corcubión e tamén, ao igual que o seu irmán, no Baio de Manolín. Torneos e maratóns de fútbol sala que foron terreo abonado para os Lojo, cada un na súa versión, pero os tres xogadores desexados e que fixeron un nome propio. Hoxe, Diego, Cali, Luis, David e Carolina, aínda seguen mantendo o apelido incrustado no fútbol, ese ADN que corre polas veas de todos eles e que, en numerosas ocasións, tínguese de cor branquiazul corcubionés.

Fotografía CEDIDA dos Irmáns Lojo


No hay comentarios:

Publicar un comentario