Non soen ser os porteiros a clase de xogadores aos que máis atención se lles presta. Fundamentais porque eles teñen a derradeira chave da vitoria ou da derrota, pero esquecidos en moitas ocasións, alonxados do foco mediático que encumbra a goleadores e, en definitiva, aos que fan que o marcador se mova, non aos que poñen todo o seu empeño en evitalo. Pero Juan Porrúa é un dos que leva toda a vida cumprindo con ese cometido, e non de calquera xeito, senón nese grupo de escollidos que fixo dos treus paus un escaparate co que percorrer toda Galicia, sumando premios e títulos mentras detiña balóns e freaba en seco a avidez dos dianteiros. A gloria, con el diante, sempre quedaba na área pequena.
Porrúa nunca tivo outra posición no terreo de xogo, ata agora que senta no banco e comparte experiencia e coñecementos coma adestrador do Monte Louro, con quen vén de acadar o ascenso a esa Liga da Costa que tanto admira e desfruta, e da que tivo ocasión de ser campión coma xogador, igual que de Copa. Estreou adolescencia e posto no Muros natal, onde se fixo dono dese habitáculo que xa nunca abandoaría, e que o levou ata o Compostela coma primeira parada, onde acadou o campionato de Tercera División co filial. O Grove, Noia, Ribadumia ou Chaián antes de voltar á comarca, especialmente ao Dumbría, onde vivíu grandes éxitos coma o ascenso a Preferente. Tamén no Conco sentou por primeira vez no banquiño para adestrar ao equipo Cadete, antes da súa marcha ao Dubra, onde finalmente colgaría unhas botas exhaustas de transitar por todo o fútbol galego. Varias veces premiado coma porteiro menos batido, Juan Porrúa é fiel a un estilo, ao de facer familia alí por onde pase, sabedor de que un equipo precisa a mesma confianza que se require para poñerse entre os tres paus. Pese a unha prologanda ausencia por motivos laborais, está de volta e con todos os folgos do mundo para seguir facendo historia...para roubarlle, aínda que sexa sen querer, o protagonismo aos que o levan habitualmente cada domingo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario