domingo, 21 de marzo de 2021

A COSTA MÍTICA - MANUEL LEIS MACEIRAS (MANOLITO DE DUMBRIA)

 

                                               Manolito na época de adestrador no Soneira sd

Algúns dos éxitos máis aclamados da Costa levan o selo persoal dun adestrador que forma parte da memoria colectiva do noso fútbol, aínda que moito antes, xa era unha figura de renome coma xogador e que, baixo o alcume de "Manolito de Dumbría", abraiaba coa súa zurda de ouro e a voracidade atacante que o caracterizaba. A mesma intelixencia sobre o terreo de xogo que no banco, unha visión de xogo que sempre se anticipaba ao rival e desarmaba defensas. Manolito nunca precisou apelido, recoñecido sobradamente por un diminutivo que non facía honra á súa grandeza, pero que abondaba para infundir tanto temor como admiración e respecto.


Debutante no Cee co que acadaría un título de Copa da Costa, discípulo como tantos outros míticos de Manolín, que despois transitaría pola Terceira División enrolado no Cerceda, pero sería maioritariamente nas nosas lindes onde se debullaría gran parte da súa traxectoria, sobre todo unha longa estadía no Camariñas, pero tamén no Carnota e, como non, no equipo co que viviría glorias quizais soñadas, pero convertidas finalmente en realidade no Soneira. Un clube que xa pasaría a formar parte da súa vida, en diferentes etapas pero sempre co éxito gravado no escudo. Dous ascensos a Preferente, campión de Liga e dous títulos de Copa deixan un legado imborrable no Municipal. Fóra de Vimianzo, tamén pasou polas filas do Porteño, onde exercera tanto de xogador coma de técnico, a onde chegara procedente do Camariñas. De incombustible espiríto gañador, listo e dos que non precisaba grandes charlas para facerse entender. Ás veces, abondaba coñecelo para saber o que quería, para entender o que buscaba en cada partido. Aposta sempre declarada polos seus xogadores, pola confianza e a capacidade de transmitir todo canto en eles depositaba. Manolito tamén tocou o ceo nos torneos de Fútbol-7 co lexendario equipo do London, e igualmente no Fútbol Sala cos Salesianos. Dono dun disparo que fería de morte cando enfrontaba os tres paus en calquera superficie, carácter e sofisticación ao servizo dunha Costa que destila esplendor cando se fala de xogadores como Manolito de Dumbría.

                                                      Na súa época de xogador no Carnota

No hay comentarios:

Publicar un comentario