domingo, 28 de marzo de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN RAMON LOBELOS ÍNSUA



Juan Ramón Lobelos (Na Actualidade)

Hoxe que a Sd Fisterra desputará a derradeira xornada de Liga na Terceira División, é bo momento para lembrar de novo aos que viviron esa mesma xesta hai case catro décadas, nuns tempos onde viaxar para competir eran unha odisea quizais máis dura que os propios partidos, pero que se facía por amor ás cores e ao fútbol, algo incrustado no corazón fisterrán desde a nenez. Juan Ramón foi un deses xogadores que o viviron todo co Fisterra, que nunca vestíu outra camisola máis que a verde, coa que transitaría por todas as categorías pero sempre a bordo do barco natal.

Apenas dez anos sobre o céspede, onde pasou de dianteiro a centrocampista e despois a defensa central. Carácter práctico e bregador que pechaba liñas no seu pequeno rectángulo, pero que era traspasado sempre que se encendía o seu instinto atacante . Especialista aéreo para o remate e para o despexe, forza e solvencia para crear e afastar perigo. Como xogador, unha Copa da Costa no seu haber, un título que despois tanto se lle resistiría ao Fisterra e a varias xeracións de fisterráns, pero que el conserva no seu legado. Moi cedo pasou de estar sobre o terreo de xogo a ver os partidos dende o banco, en labores de adestrador que principiaron cunha tempada no Lira desputando a liga costeira. 

Sería o preludio dunha longa traxectoria como técnico, que novamente desenrolaría ano tras ano, ata completar case a quincena, no vestiario fisterrán. Vencedor dun campionato de Liga da Costa, unha Copa da Costa e a Preferente e Primeira tamén como destinos. Un camiño andado sobre o Ara Solis xa convertido nunha segunda casa, que tamén bordearon máis adiante os seus fillos Rodrigo e Diego.Igualmente directivo no seu día, Juan Ramón non deixou de estar ao servizo do Fisterra unha gran parte da súa vida, capitaneando en terra ese mar de talento que sempre nace ás beiras de Corveiro. Dese pasado, este presente onde o Fisterra segue a facer historia.



No hay comentarios:

Publicar un comentario