lunes, 5 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA MANUEL CARTAMIL OBELLEIRO

Nun domingo tan especial para Fisterra coma o da Resurrección, non pode faltar un dos seus xogadores máis emblemáticos, capitán de varias xeracións e tan lonxevo sobre os terreos de xogo que aínda nos parece velo pelexando na área contra os atacantes rivais. Porque Cartamil era ese central de defensa numantina e liñas infranqueables, pouco contemplativo e menos refinado, pero dos que aparcaba a fiereza nada máis soar o pitido final e contaba co respecto de propios e alleos. Comprometido e bo compañeiro, espiríto xoven que o paso dos anos non foi quen de combater, personalidade pura e transparente, indómita pero tamén inmutable, sempre o mesmo que concitaba temor no campo e admiración e afecto unha vez rematado o partido.

Coma outros fisterráns, Cartamil foi profeta na súa terra, onde xogou a maior parte da súa vida agás un ano no Corcubión, con quen ascendería á Liga da Costa, para voltar deseguido a un Fisterra con quen acadaría un titulo de Liga e outro de Copa antes de, quince anos despois, reeditar de novo o titulo ligueiro. Todos eses anos, navegados no mar dos verdes, en épocas onde non sempre reinaba a calma e houbo que formar directiva cos mesmos xogadores para manterse a flote, pero sempre sen abondoar o barco, firme ao timón antes de emprender outra viaxe que o levaría, xa na etapa final, a desembarcar no Lira.

 Alí obtivo o ascenso cos roxiños nove anos despois, e xogou un ano máis loitando pola permanencia que finalmente obtiveron, antes da retirada forzoso por esixencias do seus xeonllos. En Lira, xenio e figura de quen gardan os mellores recordos, reverenciado coma un ídolo e onde chegou a cumprir un dos seus soños: xogar co seu fillo. O outro, ser un día presidente do Fisterra, segue pendente, pero alí coñecería de novo o éxito exercendo de segundo no banco con Ángel López, conquistando o campionato da Primeira e o ascenso a Preferente. A fortuna nunca pasa de longo cando se topa con Cartamil, sabedora quizais, como todos os que o coñecen, de que telo a carón só pode ser sinónimo de entrega, triunfo e coraxe.



No hay comentarios:

Publicar un comentario