domingo, 11 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA - MANUEL FERNÁNDEZ LAGO "MANOLIÑO DE LOURO"


A Costa caracterízase por xogadores que deixaron tras de si unha estela difícilmente superable. Títulos, goles ou ben lonxevas traxectorias, son a carta de presentación de moitos deles. Falar de goles implica nomear a dianteiros que se convirten en auténticas minas explosivas nas áreas rivais, que reptan como escurridizas serpes que acabarán inoculando o seu veleno entre os tres paus. Nesa categoría non podía faltar Manoliño de Louro, rei dunha selva onde non triunfaba o máis forte, senón o máis hábil e rápido, cualidades das que deixou boa pegada en cifras que superaban os cincuenta goles xa sendo xuvenil, e apuntando maneiras para converterse nun dos xogadores máis cobizados en calquera equipo.

                 Na imaxe Llanero, Leo Picallo e Manoliño máximos goleadores da diferentes ligas

Natural de Louro, sería alí onde anclaría boa parte do seu percorrido deportivo, despuntando moi cedo e convertíndose en campión de Liga xuvenil e abraiando en cada un dos goles que facía, coa naturalidade de quen nace cun balón pegado á punteira da bota. Despois do Louro natal, o Lira foi unha estación breve pero moi fructífera, onde acadou o título de "Pichichi" e o ascenso con Manu Roque no banco, que se estreaba como adestrador sénior cos roxiños.

                                                                  Na Etapa na SD Fisterra
 Tamén na veciña Carnota viviría outro ascenso, aínda que a fichaxe polo Noia sería a que acabaría marcando definitivamente a súa senda coma xogador, ao sufrir unha grave lesión da que nunca se dou recomposto de todo. Cee e Fisterra tamén foron portos aos que arribar e deixar boa mostra do seu romance eterno co gol, ademais da visión e lectura de xogo que completaban magníficamente unha calidade que o levou a ser o primeiro elixido como Mellor Xogador da Costa nunha gala celebrada na antiga discoteca de Cee. Nos bos tempos, pretendido por clubes de 2ªB coma Ávila ou Xove Lago, aos que non chegou a ir, igual que ao Camariñas pese a que despregara efectivos a Louro para convencelo, pero Manoliño igualmente acabou declinando.

                                                           Ca camisola do Carnota

 Problemas físicos e doutro tipo impediron que chegase máis lonxe, pero aínda así, quedan os seus goles, compañeirismo e as convocatorias coas seleccións costeiras para a nosa historia futboleira. Sempre referente en ataque e en ser ese tipo de xogador que ningún clube rexeitaría ter entre os seus. Xenio, figura e, sobre todo...memoria viva do fútbol con maiúsculas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario