domingo, 2 de mayo de 2021

A COSTA MÍTICA - PITUSO



FRANCISCO R. SENLLE MOURE "PITUSO"


Na inesgotable canteira fisterrana sempre queda talento que rescatar e situar de novo na palestra, despois de encher a Costa de goles e categoría, dándolle ese lustre que hoxe desfruta. Pituso foi un deses xogadores que se moveu coma peixa na auga polo noso territorio, precoz debutante na Preferente en idade xuvenil co equipo natal, o Fisterra no que nunca deixa de brotar fútbol e espectáculo e con quen estrearía a súa particular vitrina de trofeos cun título de Liga e unha Copa.



Non sería o único destino de Pituso, que tamén navegou en dúas etapas polo Lira, a onde chegaba con moita antelación para poder aproveitar o privilexiado escenario de Portocubelo a pé de mar, e alí bucear entre augas antes de facelo entre os defensas rivais. Tamén o Xallas sería equipo que contase cos seus servizos, e especialmente o Dumbría onde acadaría unha das Copa da Costa máis míticas da zona: a gañada ao todopoderoso Bergantiños. Alí viviría tamén un ascenso nun equipo que xa nunca deixou de ascender, e que contou con gran parte do mellor da nosa contorna. Pituso era un mediapunta reconvertido en dianteiro, que espertaba afecto e admiración tanto a niver deportivo coma persoal. Querido sen distinción de cores, e lenda viva do fútbol sala da época, integrante do "Casino" fisterrán que tantos éxitos colleitou nas pistas. Un fillo do Ara Solis que, coma todos naquel lugar, alimentan a toda a nosa Costa de calidade e señorío.





domingo, 25 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN LUIS LEMA LIRES "WERI"





Non pode faltar entre o talento costeiro a bravura dun muxián que convertía en gol todo o que pasaba pola súa zurda prodixiosa, que só precisaba tocar balón para facer esa maxia que ergue paixóns nas bancadas e no céspede. A mesma que fai que o fútbol sexa ese espectáculo que nos move cada domingo polos campos da Costa desde hai décadas. Weri foi un deses estandartes que deixaron o listón moi alto, máximo goleador co Muxía máis dunha vez, e tamén o equipo da casa con quen acadaría un ascenso e un título de Liga. Profeta na súa terra aínda que foi un trotamundos da comarca.
Carnota, Xallas, Ponteceso, Camariñas e Boiro foron outros dos seus destinos, en distintas categorías pero en todas o denominador común da avidez goleadora que o caracterizaba. Inconfundible capacidade para o remate e a clase a balón parado. Implacable na área e finalizador en todas as vertentes na arte do gol. Señorío fóra da cancha pero inimigo acérrimo dentro dela, sempre apoiado na fortaleza física e a rapidez para executar o control e o disparo. Afinada intuición que o levaba a adiantarse ás zagas rivais e atopar ese oco onde clavar o gol. Dos que non desaproveitaba a ocasión unha vez a xogada chegaba a el, rentabilizando maxistralmente as accións nas que interviña por poucas que foran. Intratable igualmente no parquet, no fútbol sala que marcou épocas no seu momento deslumbrando a afeccionados de todo tipo. Weri foi un gran representante desa maestría que só desfrutan algúns escollidos deuses; a dos goles e a contaxiosa paixón que provocan.

domingo, 18 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA - SERGIO CORADA CASTRO "TROPI"



Hai xogadores que non precisan de longas traxectorias para, igualmente, deixar pegada do seu talento e dun regueiro de títulos. De nome asociado a espiríto gañador e combate permanente, explosivo terremoto que permanece en memoria non só de adestradores, senón tamén de compañeiros e rivais. Tropi foi ese batallador incansable que non coñecía o medo, que saltaba ao terreo de xogo como se cada partido fose o primeiro, semper voraz efamento de balón. Tan completo como superior técnicamente, temperamental e introspectivo, pero abraiando sen distinción de cores en cada un daqueles domingos onde se calzaba as botas para prantalas sobre a liña central de cada campo que pisaba.


O Cee natal coma punto de partida da man de Manolín, primeiro mestre dunha disciplina que acabaría dominando a pracer, e que recollería os seus primeiros froitos nos campionatos de Cadete e Xuvenil, ás veces mesturado nos dous, porque estar por enriba do que lle pertencía por idade foi semper unha constante en Tropi. Adolescente aínda pero debutante nos maiores con Bautista naquel Cee pragado de talento con quen, pouco despois e de novo con Manolín, quen o faría fixo no once titular con só dezasete anos, acabaría proclamándose Campión de Liga. Non puido substraerse de lesiones e problemas físicos, pero non lle impiden fichar polo Dumbría e alí, en tres tempadas, acadar un novo titulo ligueiro e outro de Copa. Despois, a ambición deportiva deu paso á laboral, que impide adestrar coa regularidade requireda nas categorías máis altas, e que o leva a vestir uns meses a camisola do Carnota con Pato no banco. Sería o punto final costeiro, pero con vinteoito anos desputa un ano da Preferente canaria co Atlético Barranco Hondo en Tenerife. Tropi foi breve pero intenso, un Gattuso loiro e desbordante de calidade, de implacable e contaxiosa paixón. Dos que deixan curta esa típica frase de "xenio e figura", gravada para a posteridade a súa imaxe regateando ou goleando, pero co selo inconfundible de quen foi, sobre todo, tan libre como indomable.



domingo, 11 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA - MANUEL FERNÁNDEZ LAGO "MANOLIÑO DE LOURO"


A Costa caracterízase por xogadores que deixaron tras de si unha estela difícilmente superable. Títulos, goles ou ben lonxevas traxectorias, son a carta de presentación de moitos deles. Falar de goles implica nomear a dianteiros que se convirten en auténticas minas explosivas nas áreas rivais, que reptan como escurridizas serpes que acabarán inoculando o seu veleno entre os tres paus. Nesa categoría non podía faltar Manoliño de Louro, rei dunha selva onde non triunfaba o máis forte, senón o máis hábil e rápido, cualidades das que deixou boa pegada en cifras que superaban os cincuenta goles xa sendo xuvenil, e apuntando maneiras para converterse nun dos xogadores máis cobizados en calquera equipo.

                 Na imaxe Llanero, Leo Picallo e Manoliño máximos goleadores da diferentes ligas

Natural de Louro, sería alí onde anclaría boa parte do seu percorrido deportivo, despuntando moi cedo e convertíndose en campión de Liga xuvenil e abraiando en cada un dos goles que facía, coa naturalidade de quen nace cun balón pegado á punteira da bota. Despois do Louro natal, o Lira foi unha estación breve pero moi fructífera, onde acadou o título de "Pichichi" e o ascenso con Manu Roque no banco, que se estreaba como adestrador sénior cos roxiños.

                                                                  Na Etapa na SD Fisterra
 Tamén na veciña Carnota viviría outro ascenso, aínda que a fichaxe polo Noia sería a que acabaría marcando definitivamente a súa senda coma xogador, ao sufrir unha grave lesión da que nunca se dou recomposto de todo. Cee e Fisterra tamén foron portos aos que arribar e deixar boa mostra do seu romance eterno co gol, ademais da visión e lectura de xogo que completaban magníficamente unha calidade que o levou a ser o primeiro elixido como Mellor Xogador da Costa nunha gala celebrada na antiga discoteca de Cee. Nos bos tempos, pretendido por clubes de 2ªB coma Ávila ou Xove Lago, aos que non chegou a ir, igual que ao Camariñas pese a que despregara efectivos a Louro para convencelo, pero Manoliño igualmente acabou declinando.

                                                           Ca camisola do Carnota

 Problemas físicos e doutro tipo impediron que chegase máis lonxe, pero aínda así, quedan os seus goles, compañeirismo e as convocatorias coas seleccións costeiras para a nosa historia futboleira. Sempre referente en ataque e en ser ese tipo de xogador que ningún clube rexeitaría ter entre os seus. Xenio, figura e, sobre todo...memoria viva do fútbol con maiúsculas.




lunes, 5 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA MANUEL CARTAMIL OBELLEIRO

Nun domingo tan especial para Fisterra coma o da Resurrección, non pode faltar un dos seus xogadores máis emblemáticos, capitán de varias xeracións e tan lonxevo sobre os terreos de xogo que aínda nos parece velo pelexando na área contra os atacantes rivais. Porque Cartamil era ese central de defensa numantina e liñas infranqueables, pouco contemplativo e menos refinado, pero dos que aparcaba a fiereza nada máis soar o pitido final e contaba co respecto de propios e alleos. Comprometido e bo compañeiro, espiríto xoven que o paso dos anos non foi quen de combater, personalidade pura e transparente, indómita pero tamén inmutable, sempre o mesmo que concitaba temor no campo e admiración e afecto unha vez rematado o partido.

Coma outros fisterráns, Cartamil foi profeta na súa terra, onde xogou a maior parte da súa vida agás un ano no Corcubión, con quen ascendería á Liga da Costa, para voltar deseguido a un Fisterra con quen acadaría un titulo de Liga e outro de Copa antes de, quince anos despois, reeditar de novo o titulo ligueiro. Todos eses anos, navegados no mar dos verdes, en épocas onde non sempre reinaba a calma e houbo que formar directiva cos mesmos xogadores para manterse a flote, pero sempre sen abondoar o barco, firme ao timón antes de emprender outra viaxe que o levaría, xa na etapa final, a desembarcar no Lira.

 Alí obtivo o ascenso cos roxiños nove anos despois, e xogou un ano máis loitando pola permanencia que finalmente obtiveron, antes da retirada forzoso por esixencias do seus xeonllos. En Lira, xenio e figura de quen gardan os mellores recordos, reverenciado coma un ídolo e onde chegou a cumprir un dos seus soños: xogar co seu fillo. O outro, ser un día presidente do Fisterra, segue pendente, pero alí coñecería de novo o éxito exercendo de segundo no banco con Ángel López, conquistando o campionato da Primeira e o ascenso a Preferente. A fortuna nunca pasa de longo cando se topa con Cartamil, sabedora quizais, como todos os que o coñecen, de que telo a carón só pode ser sinónimo de entrega, triunfo e coraxe.