domingo, 25 de abril de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN LUIS LEMA LIRES "WERI"





Non pode faltar entre o talento costeiro a bravura dun muxián que convertía en gol todo o que pasaba pola súa zurda prodixiosa, que só precisaba tocar balón para facer esa maxia que ergue paixóns nas bancadas e no céspede. A mesma que fai que o fútbol sexa ese espectáculo que nos move cada domingo polos campos da Costa desde hai décadas. Weri foi un deses estandartes que deixaron o listón moi alto, máximo goleador co Muxía máis dunha vez, e tamén o equipo da casa con quen acadaría un ascenso e un título de Liga. Profeta na súa terra aínda que foi un trotamundos da comarca.
Carnota, Xallas, Ponteceso, Camariñas e Boiro foron outros dos seus destinos, en distintas categorías pero en todas o denominador común da avidez goleadora que o caracterizaba. Inconfundible capacidade para o remate e a clase a balón parado. Implacable na área e finalizador en todas as vertentes na arte do gol. Señorío fóra da cancha pero inimigo acérrimo dentro dela, sempre apoiado na fortaleza física e a rapidez para executar o control e o disparo. Afinada intuición que o levaba a adiantarse ás zagas rivais e atopar ese oco onde clavar o gol. Dos que non desaproveitaba a ocasión unha vez a xogada chegaba a el, rentabilizando maxistralmente as accións nas que interviña por poucas que foran. Intratable igualmente no parquet, no fútbol sala que marcou épocas no seu momento deslumbrando a afeccionados de todo tipo. Weri foi un gran representante desa maestría que só desfrutan algúns escollidos deuses; a dos goles e a contaxiosa paixón que provocan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario