domingo, 2 de mayo de 2021

A COSTA MÍTICA - PITUSO



FRANCISCO R. SENLLE MOURE "PITUSO"


Na inesgotable canteira fisterrana sempre queda talento que rescatar e situar de novo na palestra, despois de encher a Costa de goles e categoría, dándolle ese lustre que hoxe desfruta. Pituso foi un deses xogadores que se moveu coma peixa na auga polo noso territorio, precoz debutante na Preferente en idade xuvenil co equipo natal, o Fisterra no que nunca deixa de brotar fútbol e espectáculo e con quen estrearía a súa particular vitrina de trofeos cun título de Liga e unha Copa.



Non sería o único destino de Pituso, que tamén navegou en dúas etapas polo Lira, a onde chegaba con moita antelación para poder aproveitar o privilexiado escenario de Portocubelo a pé de mar, e alí bucear entre augas antes de facelo entre os defensas rivais. Tamén o Xallas sería equipo que contase cos seus servizos, e especialmente o Dumbría onde acadaría unha das Copa da Costa máis míticas da zona: a gañada ao todopoderoso Bergantiños. Alí viviría tamén un ascenso nun equipo que xa nunca deixou de ascender, e que contou con gran parte do mellor da nosa contorna. Pituso era un mediapunta reconvertido en dianteiro, que espertaba afecto e admiración tanto a niver deportivo coma persoal. Querido sen distinción de cores, e lenda viva do fútbol sala da época, integrante do "Casino" fisterrán que tantos éxitos colleitou nas pistas. Un fillo do Ara Solis que, coma todos naquel lugar, alimentan a toda a nosa Costa de calidade e señorío.





No hay comentarios:

Publicar un comentario