domingo, 27 de septiembre de 2020

A COSTA MÍTICA (CALUSO) - UD CARNOTA


JOSÉ LUIS LESTÓN HERMIDA "CALUSO"


Pese a ter alcume de localidade italiana, Caluso é nado en Louro, a tiro de pedra do Carnota onde naceu e medrou deportivamente, toda unha vida en branquiazul dende a incipiente xuventude dos dezaséis anos ata case entrada a corentena. Protagonista e un dos actores principais daquel equipo que marcou época na Costa, con títulos e xogadores que vestiron de dourado un clube que estivo entre os elixidos, nese escaparate de privilexiados que espertaron admiración e dotaron ó noso fútbol da calidade e a gloria que todo afeccionado quere desfrutar.



Recén comazado a competir, Caluso xa foi reclamado pola Selección Galega Xuvenil daquel momento, só o preludio doutras épicas coma alzar por dúas veces a codiciada Copa da Costa e unha vez o campionato de Liga, sempre coas franxas no peito e o escudo do Carnota no corazón. Unha camisola que adornaría ao longo de vinte anos co brazalete de capitán, nunha traxectoria na que recibir ofertas doutros clubes era algo cotidián, coma tamén o era que acabasen sendo rexeitadas. Solicitado incluso polo Deportivo da Coruña, daquela sempre atento ás promesas costeiras, pero distancias e as propias circunstancias persoais de entón non permitiron a fichaxe. Inicios de medio centro pero, andado o tempo, convertido en central de mando e poderío, de xefe de zaga que tivo ocasión de desputar en Lombáns un amigable contra nada menos que o Celta de Vigo. Esa experiencia acumulada foi despois carta de presentación coma adestrador, tarefa desenvolta tamén ao longo duns quince anos adicados na súa meirande parte, coma non, ao Carnota, pero con incursións no Lira e no Louro natal. Caluso é parte indispensable dunha memoria que se coida con mimo, sobre todo agora que o clube branquiazul non compite...pero que segue vivo nun esplendor soñado e tantas veces celebrado.






domingo, 20 de septiembre de 2020

A COSTA MÍTICA - JOSE MANUEL TRABA



JOSÉ MANUEL TRABA 


Dicir "Traba" é dicir Depor. Traxectoria en branquiazul que primeiro medrou nas rúas do natal Fisterra, sempre correndo cun balón diante do pé e a mira posta entre tres imaxinarios paus, os que máis adiante serían despiadadamente atravesados por unha voracidade goleadora transformada en fitos aínda por superar, inalterables mentras deixan constancia de que dicir "Traba" tamén era gol seguro, munición letal cargada en cada remate de cabeza, antes de sembrar o pánico con cada achegamento ás áreas rivais.


Traba selou o seu destino cando, de rapaz, foi estudar a Coruña e comezou a competir nos equipos do colexio. Foi no Santa Margarida onde o seu potencial abraiou ao clube rei da cidade, que o mandou ao Fabril para, con dezaoito anos, debutar xa co Depor en todo un derbi en Balaídos na Segunda de Prata, un partido que tivo de todo e non todo bo, con tangana incluída e que se saldou con empate, pero que aínda permanece na memoria e no recordo máis emblemático dun xogador que tivo moitas e importantes ocasións na súa carreira para lembrar. Tan novo aínda, alguén considerou que precisaba unha pouca máis de rodaxe e pasou unha tempada no Compostela, deixando de novo impronta desa innata cualidade que é marcar goles para converterse no máximo artífice ese ano da Segunda "B" con trinta e catro tantos. Con eses incontestables números, o retorno ao Depor foi non só unha realidade, senón o futuro enteiro. 

Doce anos respirando polos poros de Riazor, polo salitre dos días de vendaval como naquel Fisterra do que marchou de neno, con cento oito goles que o manteñen no segundo posto dos artilleiros branquiazuis, e con douscentos cincuenta partidos ás costas nos que tivo que vivir a amargura de quedar máis dunha vez ás portas do ascenso á Primeira División. Despois, todo quedou frustrado nun mancamento de tibia, porque á volta xa nada era o mesmo, pese a que puido selo de consumarse unha oferta do Sporting de Xixón que, daquela, militaba nesa anhelada Primeira, pero non houbo acordo entre os clubes. Sevilla e Murcia tamén amosaron o seu interese, pero Traba xa non se vía lonxe dunha Coruña convertida en fogar. Ollando cara atrás, en Riazor segue a verse a súa efectividade e potencia, a agresividade que o convertía en perigoso e temido, que facía de cada centro diana segura. Traba é xa tan mítico coma ese Depor co que segue soñando en cada tarde de partido, nese estadio onde antes de espectador foi un guerreiro de área, un loitador cun corazón onde a palabra "gol" quedará tatuada para sempre.




Fotografias Antiguas CEDIDAS

lunes, 14 de septiembre de 2020

A ENTREVISTA DA SEMANA - Juan Francisco López (Novo Presidente da SD FISTERRA)


O Novo Presidente da Sd Fisterra (Juan Francisco Lopez Lopez) 


Nos últimos anos o Fisterra é unha inagotable fonte de infornación, un cúmulo de éxitos deportivos, fichaxes de sona e, agora, un inesperado relevo na presidencia co que ninguén contaba, pero xa consumado na noitiña de onte. Juan Francisco López "Veneno" acaba de ser elixido novo presidente do clube, nunha asemblea onde non tivo competidor e obtén o respaldo total da mesma directiva da que el tamén formaba parte, pero que suma as incorporacións coma vogais de Bebeto e José Luis, camariñán con apego as cores fisterranas. O mesmo grupo de traballo seguirá marcando a senda dun equipo que está a prepararse para ese agardado debut na Terceira División, e que ten no novo presidente a alguén non só da casa, senón que tamén foi xogador desa mesma categoría e que conta os seus anos coma directivo por lustros. Verde acreditado nunha experiencia que será vital cando comece a competición e poña de novo ao Fisterra no foco de atención da comarca, algo que impacienta aos afeccionados propios e tamén aos de fóra da vila. Veneno asume o mando e marca un rumbo polo que leva transitado media vida de moitas maneiras distintas, pero sempre co mesmo denominador común de entrega e paixón polo Fisterra.



"HAI DEMASIADAS GAÑAS DE FÚTBOL"

---Menuda responsabilidade. Preparado?

Totalmente. Levo moitos anos facendo todo tipo de traballo no clube, e en todo caso, contarei con moita axuda do resto da directiva neste novo cometido.

--Canto levas exercendo de directivo?
Pois a verdade é que xa pasei por un bo número de presidentes, aínda que non lembro exactamente os anos, pero arredor de quince.

--Que recordas da túa etapa coma xogador.
Daquela comezábase en xuvenil, tiña catorce anos e o Lariño por entón era filial do Fisterra e alí nos mandaron a min e a outros, onde estivemos un par de tempadas antes de que nos rescataran de novo para enfrontar a Terceira División, porque o cupo de idade, coma agora, xa contaba moito. Tampouco había para moito fichaxe, asi que os da casa eramos maioría no equipo.

--Que destacarías coma gran diferenza co fútbol de agora.

Sobre todo o apoio do público. O campo sempre cheo de agora é un espectáculo que antes non se daba tan frecontemente.
Pensaste algúnha vez en que acabarías presidindo ó Fisterra?
Pois non. Para todos nós foi unha sorpresa que Juan Jesús dimitise, e de primeiras todos quixemos abandonar, un pouco frustrados pola situación, pero despois dunha xuntanza e das explicacións que nos foron dadas, decidimos que estabamos preparados para seguir facendo o mesmo labor que ata ese momento.


--De ónde vén o alcume de Veneno?
De canto competiamos entre colexios, e foi despois dun partido entre o Nosa Señora do Carmen e o Manuela Rial, onde tiña a Manín coma adestrador que, despois de verme inmerso nun rifirrafe, foi apartarme dicíndome que non tiña que estar alí e que estaba feito un veneno. A partir diso, nas aliñeacións e para o resto de compañeiros xa sempre fun "Veneno". E ata hoxe.

--Hai gañas de fútbol en Fisterra?
Hai demasiadas. O primeiro día de adestramento tivemos que pechar as portas porque parecía día de partido. A xente está impaciente, á expectativa. Ogallá todo descurra con normalidade e poidamos desfrutar dun gran campionato.

--Moita demanda para facerse socio/a?
Si, e non só de Fisterra ou arredores, tamén chama moita xente de fóra para interesarse e pedir información. Coa limitación de aforos, ter carné influirá á hora de poder asistir aos partidos.

--Eres dos poucos ex xogadores que segues vinculado ao clube. Porque cres que non hai máis?

Porque require traballo e adicación. Non é o mesmo chegar o domingo e ocupar a túa localidade que estar case a diario arranxando cousas, e os días de partido pasar moitas horas no campo. Pero eu non o cambiaría por nada, sobre todo no tocante as categorías de Base, é moi satisfactorio recibir o cariño e afecto dos máis cativos.

--Un obxectivo coma punto de partida.
Por suposto, a permanencia. Aínda que ese tamén era o dos anos anteriores, e mira onde estamos...



miércoles, 9 de septiembre de 2020

O ILUSIONISTA - ALEJANDRO TORRADO (CORME C.F)



O ILUSIONISTA

ALEJANDRO TORRADO (CORME C.F.)

Que a idade é só un díxito pode parecer un simple tópico, algo ao que recurrir cando non queremos asumir que o tempo pasa para todos. E si, claro que pasa, pero non necesariamente igual para cada un dos mortais. Álex Torrado é a viva imaxe de que o tempo é unha ilusión, coma o definía Albert Eistein, e de que a eternidade é dunha intensa cor azul, idéntica á que latexa no seu corazón.
Máis de tres décadas derramando sangue cormelán por toda a Costa, por todos eses campos onde é recoñecido e admirado. Avogado de causas perdidas que acaba gañando, talante e oratoria que traspasan o vestiario propio para instalarse nas conciencias alleas, en rivais que nunca o son porque Álex é deses capitáns que militan con fervor e paixón, pero que suman sen distincións. Que se converte en exemplo sen pretendelo, figura imprescindible para xeracións que pisan o Cairo por primeira vez e, coma el, xa nunca o abandonan. Deportividade en vea, inxectada en cada acción de tantos minutos coma contemplan o seu paso polo fútbol costeiro, desputados dende innumerables posicións no campo, en todas cantas poidamos imaxinar, porque el sempre estaba alí, no Corme, no equipo que é moito máis que unhas cores, todo un sentimento e un xeito de vida que contaxia a compañeiros e afeccionados. Alejandro Torrado é a traxectoria do xogador que sempre permanecerá sobre os terreos de xogo, de entrega e adicación infinitas, que nunca envellecerá porque é dos que consegue que, o tempo, sexa sempre pura ilusión.

domingo, 6 de septiembre de 2020

A COSTA MÍTICA - PACO LEIS (LARÑO)

                                       

PACO LEIS


O Súr tamén existe, dicía Mario Benedetti nun dos seus poemas, e do noso Sur máis inmediato nace un talento que fai poesía pero non do xeito habitual, senón no máis prosaico do mundo do fútbol. Sonetos encadenados fundíndose en cada toque de balón, en cada unha desas conducións que remataban só ou en compaña doutros, pero sempre diante do arqueiro convertido en vítima propiciatoria dun furacán chamado Paco Leis. 



De Lariño para o mundo, un xogador que chegou a desputar a Copa do Rei, e que paseou o seu potencial goleador pola Costa e por cantas categorías a conformaban. Con Noia e Fisterra, na Terceira División, pero tamén transitando polas ligas rexionais da man dos equipos viciños coma Carnota, Muros ou Esteirana. Outros coma Calo e Vista Alegre tamén desfrutaron do seu favor, da categoría innata que o acompañaba e que fixo del un xogador memorable da historia costeira que tanto nos gusta lembrar e traer de volta. Leis foi tamén un imprescindible dos maratóns de fútbol sala da época, conquistados en máis dunha ocasión con esa agudeza de dianteiro e media punta que facía do gol unha arte, unha paixón que se contaxiaba a quen estivera ao seu carón, e tamén aos entregados afeccionados que o xaleaban e adoraban a partes iguais. Paco Leis tivo ese percorrido de xogador que empeza dando patadas á pelota nas praias e nos carrexos das vilas natais, para despois deslumbrar a medida que foi escalando nas competicións que desputaba. Forxado entre compañeiros de vida dos outros pobos da contorna, pero que tamén saboreou a grandeza dun fútbol máis profesional onde deixar pegada e un regueiro de goles. Versos atípicos que xa permanecen para sempre na memoria do noso fútbol. Do que escribe a súa historia en renglóns de cal pintados sobre o céspede.