domingo, 27 de septiembre de 2020

A COSTA MÍTICA (CALUSO) - UD CARNOTA


JOSÉ LUIS LESTÓN HERMIDA "CALUSO"


Pese a ter alcume de localidade italiana, Caluso é nado en Louro, a tiro de pedra do Carnota onde naceu e medrou deportivamente, toda unha vida en branquiazul dende a incipiente xuventude dos dezaséis anos ata case entrada a corentena. Protagonista e un dos actores principais daquel equipo que marcou época na Costa, con títulos e xogadores que vestiron de dourado un clube que estivo entre os elixidos, nese escaparate de privilexiados que espertaron admiración e dotaron ó noso fútbol da calidade e a gloria que todo afeccionado quere desfrutar.



Recén comazado a competir, Caluso xa foi reclamado pola Selección Galega Xuvenil daquel momento, só o preludio doutras épicas coma alzar por dúas veces a codiciada Copa da Costa e unha vez o campionato de Liga, sempre coas franxas no peito e o escudo do Carnota no corazón. Unha camisola que adornaría ao longo de vinte anos co brazalete de capitán, nunha traxectoria na que recibir ofertas doutros clubes era algo cotidián, coma tamén o era que acabasen sendo rexeitadas. Solicitado incluso polo Deportivo da Coruña, daquela sempre atento ás promesas costeiras, pero distancias e as propias circunstancias persoais de entón non permitiron a fichaxe. Inicios de medio centro pero, andado o tempo, convertido en central de mando e poderío, de xefe de zaga que tivo ocasión de desputar en Lombáns un amigable contra nada menos que o Celta de Vigo. Esa experiencia acumulada foi despois carta de presentación coma adestrador, tarefa desenvolta tamén ao longo duns quince anos adicados na súa meirande parte, coma non, ao Carnota, pero con incursións no Lira e no Louro natal. Caluso é parte indispensable dunha memoria que se coida con mimo, sobre todo agora que o clube branquiazul non compite...pero que segue vivo nun esplendor soñado e tantas veces celebrado.






No hay comentarios:

Publicar un comentario