domingo, 20 de septiembre de 2020

A COSTA MÍTICA - JOSE MANUEL TRABA



JOSÉ MANUEL TRABA 


Dicir "Traba" é dicir Depor. Traxectoria en branquiazul que primeiro medrou nas rúas do natal Fisterra, sempre correndo cun balón diante do pé e a mira posta entre tres imaxinarios paus, os que máis adiante serían despiadadamente atravesados por unha voracidade goleadora transformada en fitos aínda por superar, inalterables mentras deixan constancia de que dicir "Traba" tamén era gol seguro, munición letal cargada en cada remate de cabeza, antes de sembrar o pánico con cada achegamento ás áreas rivais.


Traba selou o seu destino cando, de rapaz, foi estudar a Coruña e comezou a competir nos equipos do colexio. Foi no Santa Margarida onde o seu potencial abraiou ao clube rei da cidade, que o mandou ao Fabril para, con dezaoito anos, debutar xa co Depor en todo un derbi en Balaídos na Segunda de Prata, un partido que tivo de todo e non todo bo, con tangana incluída e que se saldou con empate, pero que aínda permanece na memoria e no recordo máis emblemático dun xogador que tivo moitas e importantes ocasións na súa carreira para lembrar. Tan novo aínda, alguén considerou que precisaba unha pouca máis de rodaxe e pasou unha tempada no Compostela, deixando de novo impronta desa innata cualidade que é marcar goles para converterse no máximo artífice ese ano da Segunda "B" con trinta e catro tantos. Con eses incontestables números, o retorno ao Depor foi non só unha realidade, senón o futuro enteiro. 

Doce anos respirando polos poros de Riazor, polo salitre dos días de vendaval como naquel Fisterra do que marchou de neno, con cento oito goles que o manteñen no segundo posto dos artilleiros branquiazuis, e con douscentos cincuenta partidos ás costas nos que tivo que vivir a amargura de quedar máis dunha vez ás portas do ascenso á Primeira División. Despois, todo quedou frustrado nun mancamento de tibia, porque á volta xa nada era o mesmo, pese a que puido selo de consumarse unha oferta do Sporting de Xixón que, daquela, militaba nesa anhelada Primeira, pero non houbo acordo entre os clubes. Sevilla e Murcia tamén amosaron o seu interese, pero Traba xa non se vía lonxe dunha Coruña convertida en fogar. Ollando cara atrás, en Riazor segue a verse a súa efectividade e potencia, a agresividade que o convertía en perigoso e temido, que facía de cada centro diana segura. Traba é xa tan mítico coma ese Depor co que segue soñando en cada tarde de partido, nese estadio onde antes de espectador foi un guerreiro de área, un loitador cun corazón onde a palabra "gol" quedará tatuada para sempre.




Fotografias Antiguas CEDIDAS

No hay comentarios:

Publicar un comentario