lunes, 19 de julio de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN PORRÚA


Non soen ser os  porteiros a clase de xogadores aos que máis atención se lles presta. Fundamentais porque eles teñen a derradeira chave da vitoria ou da derrota, pero esquecidos en moitas ocasións, alonxados do foco mediático que encumbra a goleadores e, en definitiva, aos que fan que o marcador se mova, non aos que poñen todo o seu empeño en evitalo. Pero Juan Porrúa é un dos que leva toda a vida cumprindo con ese cometido, e non de calquera xeito, senón nese grupo de escollidos que fixo dos treus paus un escaparate co que percorrer toda Galicia, sumando premios e títulos mentras detiña balóns e freaba en seco a avidez dos dianteiros. A gloria, con el diante, sempre quedaba na área pequena.

Porrúa nunca tivo outra posición no terreo de xogo, ata agora que senta no banco e comparte experiencia e coñecementos coma adestrador do Monte Louro, con quen vén de acadar o ascenso a esa Liga da Costa que tanto admira e desfruta, e da que tivo ocasión de ser campión coma xogador, igual que de Copa. Estreou adolescencia e posto no Muros natal, onde se fixo dono dese habitáculo que xa nunca abandoaría, e que o levou ata o Compostela coma primeira parada, onde acadou o campionato de Tercera División co filial, tamen onde mais destacaría sería no Santa Comba de Terceira División xogando seis tempadas e sendo unha das etapas mais importantes da súa vida. O Grove, Noia, Ribadumia ou Chaián antes de voltar á comarca, especialmente ao Dumbría, onde vivíu grandes éxitos coma o ascenso a Preferente. Tamén  no Conco sentou por primeira vez no banquiño para adestrar ao equipo Cadete, antes da súa marcha ao Dubra, onde finalmente colgaría unhas botas exhaustas de transitar por todo o fútbol galego. Varias veces premiado coma porteiro menos batido, Juan Porrúa é fiel a un estilo, ao de facer familia alí por onde pase, sabedor de que un equipo precisa a mesma confianza que se require para poñerse entre os tres paus. Pese a unha prologanda ausencia por motivos laborais, está de volta e con todos os folgos do mundo para seguir facendo historia...para roubarlle, aínda que sexa sen querer, o protagonismo aos que o levan habitualmente cada domingo. 

jueves, 15 de julio de 2021

A COSTA MÍTICA - JOSÉ NIETO BARCIA "MORO"

 


Ás veces ata os mellores tardan en atopar o seu sitio no campo, e experimentan posicións mentras non dan con esa que fará deles protagonistas da competición, donos de títulos e soños que só algúns logran tocar e converter en realidade. Moro foi celeste no seu inicio, coa etapa infantil desenrolada no Compostela, pero xa sendo xuvenil vestíu o verde do Xallas, equipo no que comezou xogando de porteiro, pero que acabou dando paso a súa propia natureza, ao posto de centrocampista ávido e voraz, de personalidade gañadora e potencia tanto física coma mental. Ofensivo en canto tiña ocasión, facendo do remate de cabeza unha arma perigosa en cada área rival.

Carácter indomable sobre o terreo de xogo, compañeiro dos que nunca desfalecían á hora de alentar aos seus, tampouco cando ese alento era preciso no vestiario, antes ou despois do partido. Sempre desposto para tender a man amiga, apoio necesario de todo aquel que o necesitase, batallador e bregador incansable. Talento e calidade que obtiveron o premio dunha Copa da Costa co Xallas e tamén un campionato de Liga co natal e incipiente Mazaricos, aquel equipo de míticos en si mesmo de principios da década dos noventa. Despois, no paso polo Dumbría, nunca deixou de manterse nos postos de máximo goleador, nunha traxectoria onde o seu poderío foi parte indispensable do apoxeo e éxito do fútbol costeiro. Apagadas as luces da primeira liña, mergullóuse na competición de veteráns enrolado no Muros e no Casa Barqueiro de Negreira, pero tamén no Xallas, nunha volta ás orixes que pechaba o círculo da súa andaina futbolística, dos anos de dura batalla entre os mellores, marcando unha época e deixando a impronta de xogador grande dentro e fóra do campo. A categoría non é un traxe que quitarse despois de noventa minutos...o que a ten, coma Moro, sempre a leva posta.





domingo, 11 de julio de 2021

A COSTA MÍTICA - ÁNGEL ÍNSUA CAAMAÑO "ANGELIÑO"



É ben coñecida a rivalidade entre dúas das canteiras máis potentes da Costa e referentes ao longo dos anos en talento e estrelas que deron lustre ás nosas competicións como foron Cee e Fisterra. Pese a ese eterno antogonismo, houbo xogadores que compaxinaron ambos clubes conseguindo ser queridos e admirados por igual nun que noutro, como foi o caso de Angeliño, regalo de exquisitez e finura capaz de conquistar terreos de xogo en cada movemento, rendidas afeccións que elevaron o seu nome á categoría de divinidade e de mito tan desexado como temido se onde competía era no equipo rival.


Punto de partida no Ara Solis, debutante aos catorce anos co primeiro equipo de Primeira Rexional con quen completaría a tempada e sería o seu pasaporte á convocatoria da Selección Galega Sub-15 e á posterior fichaxe polo Compostela de División de Honra, onde estaría os dous anos restantes de etapa xuvenil. Antes diso, xa curtido e laureado xogador de Fútbol Sala, cun terceiro posto Alevín e un campionato de España Infantil coa nosa selección autonómica. Despois chegaría o salto á Preferente co Atlético Mineiro onde en dous anos acadaría unha Copa da Costa, título de Liga e o ascenso á Terceira División, unha competición que chegaría a coñecer moi ben tras cinco anos nas filas do Santa Comba. O seu palmarés seguiría incrementándose con outra Copa no Dumbría e, tras varios anos no Cee, a rúbrica perfecta na volta ás orixes gañando a derradeira -polo momento- Copa da Costa co Fisterra, con quen xa posuía un título ligueiro de Segunda Rexional. Con Dumbría e Cee, dous e un título respectivamente da extinta Copa Neria completan unha traxectoria que é moito máis que galardóns para un xogador ao que apodaban "Kunsito" en relación ao arxentino Kun Agüero. Rápido e perpetuamente voraz na área, fame de gol e derroche de estilo, dos que era imposible non destacar en cada crónica, un nome sempre inscrito en cada vitoria e en cada titular de tantos nos que foi protagonista indiscutible. Angeliño é a imaxe dun pasado aínda recente no que fixarse e do que aprender, categoría e señorío para unha memoria na que nunca poden faltar carácter e xenialidade como os que el demostrou sempre ter.




jueves, 8 de julio de 2021

A COSTA MITICA - JORGE CALABANDA

A COSTA MITICA

JORGE CALABANDA

Hai nomes que non adquiren toda a súa importancia ata que engadimos o alcume polo que son coñecidos, porque Jorge Mira López quizais non nos diga moito, pero dicir "CALABANDA" xa son palabras maiores. Imposible non coñecer a aquel xogador de potente físico que con apenas dezaséis anos xa formaba nas aliñeacións do seu clube natal, o Baio, onde a súa familia marcou unha época, con seu pai na presidencia e seu irmán ao seu carón no campo, convertidos en dous dos mellores xogadores da historia branquiazul.

Calabanda soñaba con chegar ao Deportivo, pero quen se cruzou no seu camiño foi o Celta cando, con dezaoito anos, xogaba no Bergantiños. A mala xestión directiva frustrara unha fichaxe que quedou nun regusto agridoce, nunha incógnita do que puido ser pero xa nunca coñeceremos. En pleno apogeo, chegou a un U.C. Cee no cúmio do éxito, desputando varias tempadas en Preferente e mesmo gañando a Copa da Costa dos oitenta, diante dun Corcubión que despois o tería no banco, como adestrador nun de tantos deses equipos que contaron coa súa experiencia e talento. A súa capacidade para organizar e interpretar o xogo, fixo del un puntal en calquera equipo no que xogaba, con chegada e gol dende ese interior dereito cargado de técnica que abraiaba a compañeiros, rivais e afeccionados. Voltar a casa, ao Baio, era unha crónica anunciada que se consumou co equipo en Primeira Rexional. Mestre da talentosa xeración que alí maduraba, o ascenso a Preferente foi a consolidación dunha categoría que xa era máis que recoñecida en toda a Costa. Ca retirada non chegou o abandono dos terreos de xogo, senón que foi reconvertido en adestrador de equipos coma o citado Corcubión, Agualada, Fisterra, Porteño, Nantón ou Camariñas e tamén, ata non fai moito, nas categorías do fútbol Base dese Cee co que vivíu unha gran e fructífera parte do seu periplo costeiro. Calabanda era o poderío que aunaba un poderoso físico coa elegancia dunha clase que descansaba no seu innato talento. Héroe branquiazul que fixo soñar a varias xeracións....e que puxo o seu nome no máis alto da historia dos clubes que o desfrutaron. Ningún foi o Deportivo coma el quería, mais quen perdeu, todos sabemos, non foi Calabanda.

sábado, 26 de junio de 2021

O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VEJULIO CASTRO LÓPEZ (CD Baio)

O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE

JULIO CASTRO LÓPEZ (CD Baio)

Ninguén traspasa as portas do Platas Reinoso sen toparse con el, coa súa benvida a un campo que é moito máis que un terreo de xogo, tamén esa outra casa onde exerce de pai da familia branquiazul, a quen ve medrar e pasar bos e malos momentos, pero en todos eles sempre está Julio. Directivo dende os primeiros anos oitenta, a súa primeira iniciativa sempre pasa por estar desposto para axudar e colaborar, para facilitar a vida de todos os que forman parte dese Baio que lle viste o corazón.

A bordo da súa moto e indiferente ás condicións climatolóxicas, Julio chega ao Platas coa mesma ilusión que se respira nunha afección que deixa pegada por onde pasa, tan acolledor coma unha tarde de vitoria, de goles que celebrar e de títulos que desfrutar. Soños cumpridos en domingos onde Julio ve aos seus xogadores eufóricos sobre o céspede, e nada pode haber que compense máis de tanto traballo e adicación. Escoitar o ruído do seu motor é sinal de que volta a competicion, de que pronto de novo o campo terá xente chamando á porta, agardando para ocupar a súa localidade e alí estará, coma sempre, Julio. Chova ou faga sol, antes de que ninguén aparque na explanada do Platas Reinoso, dentro estará todo desposto para que nós, cantos estamos namorados do mundo do balón, poidamos vivilo en todo esplendor e comodidade. Julio estará alí para iso...para que o fútbol sexa o outro motor no que viaxa cada fin de semana.