É ben coñecida a rivalidade entre dúas das canteiras máis potentes da Costa e referentes ao longo dos anos en talento e estrelas que deron lustre ás nosas competicións como foron Cee e Fisterra. Pese a ese eterno antogonismo, houbo xogadores que compaxinaron ambos clubes conseguindo ser queridos e admirados por igual nun que noutro, como foi o caso de Angeliño, regalo de exquisitez e finura capaz de conquistar terreos de xogo en cada movemento, rendidas afeccións que elevaron o seu nome á categoría de divinidade e de mito tan desexado como temido se onde competía era no equipo rival.
Punto de partida no Ara Solis, debutante aos catorce anos co primeiro equipo de Primeira Rexional con quen completaría a tempada e sería o seu pasaporte á convocatoria da Selección Galega Sub-15 e á posterior fichaxe polo Compostela de División de Honra, onde estaría os dous anos restantes de etapa xuvenil. Antes diso, xa curtido e laureado xogador de Fútbol Sala, cun terceiro posto Alevín e un campionato de España Infantil coa nosa selección autonómica. Despois chegaría o salto á Preferente co Atlético Mineiro onde en dous anos acadaría unha Copa da Costa, título de Liga e o ascenso á Terceira División, unha competición que chegaría a coñecer moi ben tras cinco anos nas filas do Santa Comba. O seu palmarés seguiría incrementándose con outra Copa no Dumbría e, tras varios anos no Cee, a rúbrica perfecta na volta ás orixes gañando a derradeira -polo momento- Copa da Costa co Fisterra, con quen xa posuía un título ligueiro de Segunda Rexional. Con Dumbría e Cee, dous e un título respectivamente da extinta Copa Neria completan unha traxectoria que é moito máis que galardóns para un xogador ao que apodaban "Kunsito" en relación ao arxentino Kun Agüero. Rápido e perpetuamente voraz na área, fame de gol e derroche de estilo, dos que era imposible non destacar en cada crónica, un nome sempre inscrito en cada vitoria e en cada titular de tantos nos que foi protagonista indiscutible. Angeliño é a imaxe dun pasado aínda recente no que fixarse e do que aprender, categoría e señorío para unha memoria na que nunca poden faltar carácter e xenialidade como os que el demostrou sempre ter.
No hay comentarios:
Publicar un comentario