Ás veces ata os mellores tardan en atopar o seu sitio no campo, e experimentan posicións mentras non dan con esa que fará deles protagonistas da competición, donos de títulos e soños que só algúns logran tocar e converter en realidade. Moro foi celeste no seu inicio, coa etapa infantil desenrolada no Compostela, pero xa sendo xuvenil vestíu o verde do Xallas, equipo no que comezou xogando de porteiro, pero que acabou dando paso a súa propia natureza, ao posto de centrocampista ávido e voraz, de personalidade gañadora e potencia tanto física coma mental. Ofensivo en canto tiña ocasión, facendo do remate de cabeza unha arma perigosa en cada área rival.
Carácter indomable sobre o terreo de xogo, compañeiro dos que nunca desfalecían á hora de alentar aos seus, tampouco cando ese alento era preciso no vestiario, antes ou despois do partido. Sempre desposto para tender a man amiga, apoio necesario de todo aquel que o necesitase, batallador e bregador incansable. Talento e calidade que obtiveron o premio dunha Copa da Costa co Xallas e tamén un campionato de Liga co natal e incipiente Mazaricos, aquel equipo de míticos en si mesmo de principios da década dos noventa. Despois, no paso polo Dumbría, nunca deixou de manterse nos postos de máximo goleador, nunha traxectoria onde o seu poderío foi parte indispensable do apoxeo e éxito do fútbol costeiro. Apagadas as luces da primeira liña, mergullóuse na competición de veteráns enrolado no Muros e no Casa Barqueiro de Negreira, pero tamén no Xallas, nunha volta ás orixes que pechaba o círculo da súa andaina futbolística, dos anos de dura batalla entre os mellores, marcando unha época e deixando a impronta de xogador grande dentro e fóra do campo. A categoría non é un traxe que quitarse despois de noventa minutos...o que a ten, coma Moro, sempre a leva posta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario