domingo, 3 de enero de 2021

A COSTA MÍTICA - JUAN CARLOS VELAY INSUA (FISTERRA)

A COSTA MÍTICA

 

Podería facerse un programa exclusivamente de fisterráns que despuntaron no Ara Solis e acabaron xogando por todo o país, vestindo as camisolas de grandes equipos e deixando a impronta da calidade costeira por cantos campos visitaron. Velay é un deses talentos que pronto voaron do niño, despois dunha proposta de Arsenio Iglesias para comezar a formarse naquel Español da Coruña que era unha especie de satélite do Fabril. Adestrado por Manolo Corredoira, foi un ano de éxitos gañando todo o desputado, e tamén o pasaporte ao filial do Depor da man de Traba, xogador do primeiro equipo e igualmente descendente do olimpo fisterrán, que se convertiría no seu valedor. 

Aínda xuvenil pero xa acumulando bagaxe e experiencia lonxe do fogar, ás ordes de José Manuel Corral no Fabril a piques está de dar o salto ao Valladolid, pero a destitución do que despois sería segundo do Real Madrid con Toshack, frustra esas expectativas e sume a Velay no desencanto de vivir lonxe da casa e de compaxinar estudos e adestramentos. Sobre a mesa, unha proposta para xogar co Sada que tampouco se consumaría e que o trae de volta para conquistar dúas Copa da Costa co Fisterra ademais dalgún título de Liga, e máis tarde co Baio outro campionato ligueiro e un ascenso nos dous anos vestido de branquiazul. Sería o punto e final a unha traxectoria de extremo esquerdo que puido acadar categorías máis altas, incluso na Primeira División, pero a quen quizais lle faltou ese chisco de sorte que hai que engadir ás propias cualidades que se atesouran. Inesquecibles as súas participacións sobre o parqué, célebre campión en máis dunha ocasión co Casino de Fisterra naqueles maratóns que todos lembramos con admiración e morriña. Xogador que sempre figurará nese selecto estrelato de fisterráns deslumbrantes e poderosos, que pasearon orgullosamente o nome do seu pobo por onde queira que xogaran, sempre aparellado a unha categoría especial...a que dá nacer bañado polo salitre que enchoiupa o Ara Solis.

Fotografias CEDIDAS

domingo, 20 de diciembre de 2020

A COSTA MÍTICA - "JUAN O BELLO"

A COSTA MÍTICA

Juan Carlos Cabanas  "JUAN O BELLO"


A definición "xogador costeiro" adquire toda a súa dimensión cando nos referimos a aqueles que desenvolveron toda a súa traxectoria nos clubes da nosa contorna. En toda a familia de equipos que forman parte das nosas vidas, dos domingos de derbis ou de enfrontamentos contra amigos e compañeiros doutras tempadas, pero que xa pertencen inevitablemente ao universo propio. Juan Bello é un deses xogadores, auténtico correcamiños da Costa, dende a súa Ponte do Porto e o Porteño local, a todo un periplo pola bisbarra futbolística, vestindo as camisolas dun bo número dos equipos máis senlleiros que nos rodean, deixando en todos eles a pegada dun carácter tan indómito como talentoso. 

De Sofán a Cee, pasando polo Nantón, Vimianzo e o mítico Camariñas da Primeira Rexional, categoría que tamén desputaría co Malpica, de onde recalaría no equipo branquiazul para desputar catro tempadas consecutivas, nuns anos onde a veteranía conxugaba cos xoves xogadores da canteira ceense. Sería no Unión Club Cee onde colgaría as botas oficialmente, para pasar á competición de Veteráns enrolado nas filas do Soneira, antes de voltar ás pistas de Fútbol Sala co Villa de Cee para deixar constancia novamente dunha calidade que traspasou sempre as lindes do céspede, e permanece na retina de todos coma un excelente xogador de parqué, imprescindible de torneos e maratóns, cotizado entre os mellores e que aínda pode desfrutarse cando a ocasión o require. Juan foi deses xogadores que viron brotar moitas das xeracións que agora manteñen vivo o noso fútbol, mestre nos terreos de xogo que fixo da súa exquisita colocación no campo un salvoconduto ao gol e a ese pase final que decantaba encontros. Tan decisivo como carismático....inconformista na derrota e na voracidade innata de que sempre se podía ter feito máis. Porque Juan, ninguén pode negalo, sempre xogaba a gañar.

domingo, 29 de noviembre de 2020

A COSTA MÍTICA - OS IRMÁNS LOJO


IRMÁNS LOJO


Corcubión é un lugar pequeno, pero confortable e acolledor. No fútbol, non tiña porque ser diferente e aínda é un clube con moita raigame familiar, onde pais, despois fillos e netos, vestiron a camisola branquiazul ou mantiveron dalgún xeito a vinculación ca casa. Tal acontece cos Lojo, herdeiros dunha tradición que comezou con seu pai coma presidente, e que agora conta cunha homenaxe anual en forma de trofeo que leva o seu nome. Carli, Mané e Luis, forman tamén parte xa dunha época na que o Corcubión vestía as cores da vitoria e as categorias superiores, do fútbol nativo e de calidade que levou nunha ocasión a ver sobre o terreo de xogo ás tres sagas da vila xuntas: os Lojo, Lema e Caamaño.
Carli foi a fidelidade e a entrega, inamovible dun Cubaleiro onde desputou todos os partidos da súa traxectoria deportiva. Nunca precisou outros fogares máis que o propio, a súa zona segura de centro da área onde se esixe forza e poucas contemplacións pero, precisamente, Carli exhibía cabaleirosidade e deportividade. Ao estilo Beckenbauer, profesaba respecto e certa querencia docente, escoitado cando se pronunciaba e dono dun carácter que non requería berros para facerse oír. Mané era a potencia e a velocidade, a banda dereita aberta en canal para ese último pase ou para probar de novo o seu olfato goleador. A mel das finais de Copa que se perderon en dúas ocasións, pero despois o salto á Terceira División naquel Fisterra do que tanto se volta falar agora. Da man de Manolín, vestido de novo de branquiazul pero desta vez cas cores do Baio, e máis tarde no Lira. Luis era a técnica e o balón de terciopelo, un mimo profesado ao esférico no mediocampo que se admirou en Corcubión e tamén, ao igual que o seu irmán, no Baio de Manolín. Torneos e maratóns de fútbol sala que foron terreo abonado para os Lojo, cada un na súa versión, pero os tres xogadores desexados e que fixeron un nome propio. Hoxe, Diego, Cali, Luis, David e Carolina, aínda seguen mantendo o apelido incrustado no fútbol, ese ADN que corre polas veas de todos eles e que, en numerosas ocasións, tínguese de cor branquiazul corcubionés.

Fotografía CEDIDA dos Irmáns Lojo


domingo, 8 de noviembre de 2020

A COSTA MÍTICA - MARCO A. SÁNCHEZ PÉREZ "MARCO DO CABO"


MARCO A. SÁNCHEZ PÉREZ "MARCO DO CABO"


Non se pode contar a historia de Marco do Cabo sen ir aparellada á de seu irmán, indisolubles un do outro e inseparables durante sete tempadas, ata que César foi probar sorte naquel Negreira de Terceira División co que despois conseguiría ascender. Marco permanecería nun Dumbría que xa era unha segunda casa, ao calor de títulos e soños cumpridos, logrados nunha época tinguida de dourado para o clube e para un xogador que facía do gol unha obra de arte que admirar en calquera dos campos sobre os que galopaba.



Ara Solis coma primeiro destino dun fisterrán aclamado coma "Rei de Copas", competición que desputou en varias ocasións e que gañou primeiramente co equipo natal do Fisterra e por partida dobre, xustamente contra o mesmo equipo co que sería campión despois, o Ponteceso, con quen xogaría antes de partir rumbo ó Conco e a un Dumbría que se convertiría nun longo e fructífero destino, no que por suposto seguiría engrosando a súa lenda de mitico copeiro. Habitualmente máximo goleador do equipo, atacante de fina e elegante estampa pero temida eficacia, que rara vez deixaba defensas en pé e porterías a cero. Marco facía do gol virtude, unha exquisitez que regalaba porque era innata, desbordante na súa figura amplamente recoñecida tamén polos rivais que tiñan que encarar o seu talento e creatividade. Marco do Cabo foi un indomable da área, un espiríto libre que facía dos terreos de xogo un museo ao que ir visitar unha calidade fóra de serie.



domingo, 11 de octubre de 2020

FABIO (Club Silva SD)




FABIO (Club Silva SD)

O talento é imprescindible para destacar, tamén para optar ao triunfo e labrarse unha carreira e unha reputación. O talento mesturado con humildade, capacidade de traballo, cabeza baixo control e disciplina, é a combinación que sen dúbida fará a calquera candidado ao éxito. Pese a súa xuventude, Fabio xa amosou sobradamente posuír todas esas cualidades cando apenas levantaba un palmo e vestía a camisola branquiazul do Cee, perla dunha canteira que, sen embargo, tivo que emprender o vóo cara outros clubes para desputar competicións de máis envergadura onde despregar todo o seu potencial.
Dumbría convertéuse no primeiro destino, enrolado no equipo Cadete de División de Honra, pero que pronto daría o salto ao equipo sénior. Rebosante de categoría, a liña central rendíase a unha clase que, no seu caso, nunca se medíu pola idade. No xuvenil de Liga Galega, Fabio foi valor e liderazgo, fixo igualmente nas convocatorias de maiores ata escalar un novo peldaño no Calasanz de Liga Nacional. O sentimento de perda na Costa aínda latexa, desexado e admirado dende que, rematada a etapa de formación, pasou a militar no Silva de Terceira División ás ordes dun consumado experto nos bancos coma é Javier Bardanca. Alí segue, e poidemos desfrutalo no amigable contra o Fisterra do sábado, orgullo de talento que vimos nacer e que, sobre o Ara Solis, lembróunos a aquel rapaz de Brens que xa de cativo erguía afeccionados dos seus asentos. Fabio é tan novo que é imposible aventurar todo o que o fútbol pode depararlle...pero sabemos o máis importante: que lle sobra talento e personalidade para chegar onde se propoña.