JOSÉ MANUEL TRABA
Dicir "
Traba" é dicir
Depor. Traxectoria en branquiazul que primeiro medrou nas rúas do natal
Fisterra, sempre correndo cun balón diante do pé e a mira posta entre tres imaxinarios paus, os que máis adiante serían despiadadamente atravesados por unha voracidade goleadora transformada en fitos aínda por superar, inalterables mentras deixan constancia de que dicir "
Traba" tamén era gol seguro, munición letal cargada en cada remate de cabeza, antes de sembrar o pánico con cada achegamento ás áreas rivais.

Traba selou o seu destino cando, de rapaz, foi estudar a Coruña e comezou a competir nos equipos do colexio. Foi no Santa Margarida onde o seu potencial abraiou ao clube rei da cidade, que o mandou ao Fabril para, con dezaoito anos, debutar xa co Depor en todo un derbi en Balaídos na Segunda de Prata, un partido que tivo de todo e non todo bo, con tangana incluída e que se saldou con empate, pero que aínda permanece na memoria e no recordo máis emblemático dun xogador que tivo moitas e importantes ocasións na súa carreira para lembrar. Tan novo aínda, alguén considerou que precisaba unha pouca máis de rodaxe e pasou unha tempada no Compostela, deixando de novo impronta desa innata cualidade que é marcar goles para converterse no máximo artífice ese ano da Segunda "B" con trinta e catro tantos. Con eses incontestables números, o retorno ao Depor foi non só unha realidade, senón o futuro enteiro.

Doce anos respirando polos poros de Riazor, polo salitre dos días de vendaval como naquel Fisterra do que marchou de neno, con cento oito goles que o manteñen no segundo posto dos artilleiros branquiazuis, e con douscentos cincuenta partidos ás costas nos que tivo que vivir a amargura de quedar máis dunha vez ás portas do ascenso á Primeira División. Despois, todo quedou frustrado nun mancamento de tibia, porque á volta xa nada era o mesmo, pese a que puido selo de consumarse unha oferta do Sporting de Xixón que, daquela, militaba nesa anhelada Primeira, pero non houbo acordo entre os clubes. Sevilla e Murcia tamén amosaron o seu interese, pero Traba xa non se vía lonxe dunha Coruña convertida en fogar. Ollando cara atrás, en Riazor segue a verse a súa efectividade e potencia, a agresividade que o convertía en perigoso e temido, que facía de cada centro diana segura. Traba é xa tan mítico coma ese Depor co que segue soñando en cada tarde de partido, nese estadio onde antes de espectador foi un guerreiro de área, un loitador cun corazón onde a palabra "gol" quedará tatuada para sempre.

Fotografias Antiguas CEDIDAS