O Súr tamén existe, dicía Mario Benedetti nun dos seus poemas, e do noso Sur máis inmediato nace un talento que fai poesía pero non do xeito habitual, senón no máis prosaico do mundo do fútbol. Sonetos encadenados fundíndose en cada toque de balón, en cada unha desas conducións que remataban só ou en compaña doutros, pero sempre diante do arqueiro convertido en vítima propiciatoria dun furacán chamado Paco Leis.
FÚTBOL,FOOTBALL,CALCIO y del bueno. NOTICIAS,HISTORIAS DE LOS CLUBS DE LA COSTA DA MORTE,ALGUNA QUE OTRA CRÓNICA, FOTOS...
domingo, 6 de septiembre de 2020
A COSTA MÍTICA - PACO LEIS (LARÑO)
O Súr tamén existe, dicía Mario Benedetti nun dos seus poemas, e do noso Sur máis inmediato nace un talento que fai poesía pero non do xeito habitual, senón no máis prosaico do mundo do fútbol. Sonetos encadenados fundíndose en cada toque de balón, en cada unha desas conducións que remataban só ou en compaña doutros, pero sempre diante do arqueiro convertido en vítima propiciatoria dun furacán chamado Paco Leis.
viernes, 28 de agosto de 2020
O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE - ALBERTO LAMAS (SD SOFAN)
Máis de dúas décadas despois, o vermello segue a ser esa cor especial pola que Alberto Lamas entrega horas de traballo e adicación, nesa outra súa casa que é O Carral, un campo sempre cheo de xogadores de diferentes categorías, aos que ve medrar e madurar, e cos que desfruta das maiores alegrías e serve de consolo nas penas. Directivo antes xa do novo milenio, dende finais daqueles revolucionarios anos noventa nos que o seu clube leva vivido tantos momentos e dos que el era partícipe activo, presente en todo tipo de circunstancias.
Alberto é ese home ao que se recorre para todo, que ha de solucionar calquera que sexa a continxencia xurdida, depositario do afecto dun equipo que atopa nel desinteresada colaboración sempre que a precisa. Nada difícil atopalo na porta, na consabida venda de entradas ou rifas, esa laboura que todo clube precisa e que require de chegar ó campo dos primeiros, apurando esa sobremesa dominical que, mentras tanto, os demais desfrutamos. Nas celebracións, tampouco hai problema en manexar a grella, en preparar as viandas arredor das que os vermellos sentarán e compartirán eses anacos de pequenos praceres en familia. Alberto Lamas non escatima en esforzos para que cada semana o fútbol sexa o protagonista, pero sen xente coa súa capacidade de desinteresado traballo. nada sería posible. Por iso, aínda que non se vexa, a xente que está detrás é tan imprescindible coma a que salta ao terreo de xogo. O fútbol da Costa sempre estará en débeda con xente coma Alberto e o seu amor incondicional ao Sofán.
domingo, 23 de agosto de 2020
A COSTA MÍTICA - JOSE CARLOS (MICULITA)

Din que de casta lle vén ó galgo cando un fai honra aos seus, e no caso de Miculita Jr. non podía ser doutro xeito, emulando o talento do seu pai polos terreos de xogo, o inesquecible "Miculita" que xa para sempre será un referente do fútbol da Costa e tamén fóra del. Fisterrán de altos vóos que xa na etapa xuvenil emprendíu camiño cara a capital, a un Vista Alegre donde rematada esa etapa recuncou na casa, no Ara Solis que ve nacer tantos ídolos coma días saír o sol. Tres anos nos que houbo tempo para gañar unha Liga e bicar un subcampionato de Copa, e tamén para explorar outros destinos coma Pontevedra ou Lalín, que non chegaron a cuaxar porque naquel momento a economía dos clubes non o permitía.
Os equipos da Costa, pois, seguíron a ser campo de cultivo do seu poderío ofensivo, laboratorio dun explosivo combinado de cualidades que deixaron pegada no Xallas, Ponteceso, Baio ou Muros, ata que a vida o levou ás Illas Canarias, concretamente a Lanzarote, de onde xurdíu a posibilidade de embarcarse no Deportivo das Aves (Vila das Aves, Portugal) que recén descendía da Primeira División portuguesa, pero novamente os asuntos monetarios impediron a aventura lusa. Nunha aposta única, aceptou o reto de desputar a Liga de Qatar onde mesmo xogaba o lexendario Romario. Pero a experiencia non foi todo o grata que agardaba, e Miculita Jr. colleu os bártulos para instalarse novamente nas Illas. Alí tivo ocasión de enrolarse no Club Orientación Martítima (Terceira División), pero puido máis o desencanto acumulado e en idade aínda prematura, colgou as botas. Con todo, deixa un legado que marcaba diferenzas tamén noutras superficies coma o parqué do fútbol sala, onde a súa rapidez e técnica facían tantos estragos coma goles, sendo máximo realizador en varias ocasións naqueles campionatos de Liga que poñían a proba aos nosos mellores xogadores. Jose Carlos Miculita pode presumir de que el pasouna con nota.
domingo, 9 de agosto de 2020
A COSTA MÍTICA - SUSO INSUA
Dicir que o firmamento está cheo de estrelas parece algo redundante, mais hai veces nas que se convirte en algo literal, e onde algunha alumea sen apagarse nunca, viva para sempre no legado e nas lembranzas deixadas entre os terreais, entre a lexión de afeccionados que tantos domingos miraron cara o ceo agradecidos con algún dos seus goles, de potente disparo ou de remate de cabeza marca da casa, de calquera xeito que xurdira dun físico esculpido a cincel, digno dun Miguel Ángel que, de ser contemporáneo, podería ter atopado en Suso Ínsua unha das súas mellores obras.
Fillo pródigo daquel vello Raíces do que brotaba tanto talento que resultaba incontible, e que se derramaba por toda a bisbarra e fóra dela, pero non sen antes destacar na casa, en branquiazul, no Unión Club Cee polo que Ínsua sempre sentíu morriña, tamén cando foi requerido en etapa xuvenil polo Real Madrid, soño de tantos e ao alcance de tan poucos. Foi no Compostela de Segunda "B" onde atopou acougo por catro tempadas, para despois dar o salto á categoría de prata dende o Cartaxena, nun periplo nómada que tamén o levou ata o Arousa, Logroñés, Arenteiro e Noia, onde co seu irmán Juanín comezou a desescalada, pasando logo polo Carnota e voltando ao querido fogar ceense. Obrigado a unha pronta retirada por un xeonllo rebelde, Suso Ínsua era un xogador dos que deixaban impronta, desa clase de personalidades que marcan a diferenza no campo pero tamén cando saen del, compañeiro que non deixaba de selo unha vez traspasada a porta do vestiario. Querido e admirado polas súas virtudes, pero igualmente con capacidade infinita para gañarse o perdón ante calquera defecto. Na memoria de todos aínda baila o "7" cosido non só ás costas, senón tamén a un corazón con puntadas de fío azul, sempre galopando polo extremo dereito do terreo de xogo, inalcanzable para os rivais e ídolo eterno para unha bancada na que vivirá perennemente. Tan inmortal coma esa estrela que se tinguíu de verde só para que Suso poida seguir xogando sobre un campo de Fútbol.