ALBERTO LAMAS VILARIÑO (S.D. SOFÁN)
Máis de dúas décadas despois, o vermello segue a ser esa cor especial pola que Alberto Lamas entrega horas de traballo e adicación, nesa outra súa casa que é O Carral, un campo sempre cheo de xogadores de diferentes categorías, aos que ve medrar e madurar, e cos que desfruta das maiores alegrías e serve de consolo nas penas. Directivo antes xa do novo milenio, dende finais daqueles revolucionarios anos noventa nos que o seu clube leva vivido tantos momentos e dos que el era partícipe activo, presente en todo tipo de circunstancias.
Alberto é ese home ao que se recorre para todo, que ha de solucionar calquera que sexa a continxencia xurdida, depositario do afecto dun equipo que atopa nel desinteresada colaboración sempre que a precisa. Nada difícil atopalo na porta, na consabida venda de entradas ou rifas, esa laboura que todo clube precisa e que require de chegar ó campo dos primeiros, apurando esa sobremesa dominical que, mentras tanto, os demais desfrutamos. Nas celebracións, tampouco hai problema en manexar a grella, en preparar as viandas arredor das que os vermellos sentarán e compartirán eses anacos de pequenos praceres en familia. Alberto Lamas non escatima en esforzos para que cada semana o fútbol sexa o protagonista, pero sen xente coa súa capacidade de desinteresado traballo. nada sería posible. Por iso, aínda que non se vexa, a xente que está detrás é tan imprescindible coma a que salta ao terreo de xogo. O fútbol da Costa sempre estará en débeda con xente coma Alberto e o seu amor incondicional ao Sofán.
Fotografía CEDIDA por LUIS (SD SOFAN)
No hay comentarios:
Publicar un comentario