miércoles, 6 de mayo de 2020

COSTA MÍTICA (LUIS)


A COSTA MÍTICA




JOSÉ LUIS GIANCE PENA "LUIS" (CD Nantón)


Os números poden parecer unha cousa sinxela, diàfana, sen misterios, sempre e cando non haxa que adicalos á tarefa de contar os incontables goles que leva marcados Luis, porque sería algo só apto para verdadeiros especialistas na materia. Non se entende que en vez de "Pichichi" non se diga o seu nome, porque ese é un dos títulos máis conquistados en toda a súa traxectoria. Desmarque, velocidade, disparo e xogo aéreo son cualidades que aínda adornan a un xogador en activo, capaz de marcar trinta e oito goles fai apenas dúas tempadas co equipo de Veteranos do Nantón, a casa onde o fútbol terá sempre un sabor especial, o do fogar propio ao que adicar todo o talento aínda atesourado.


O lugar de Camafreita víu nacer a Luis sen saber que acabaría sendo un dos máis ilustres habitantes do "As Fontiñas", onde regalaría gloria en forma de goles que significaron títulos e ascensos. Máis adiante, adestrador e xogador, corpo e alma entregados a un clube que o reverencia coma un ídolo irrepetible. Pero Luis, admirado e pretendido, saboreou o éxito fóra dos muros do seu campo natal, e foi un dos protagonistas da mítica Copa da Costa acadada polo Cabana. Título que figura por dereito propio entre os máis laureados de calquera xogador da nosa comarca, tan codiciado coma a capacidade goleadora de Luis, esa innata naturalidade de mandar o balón ao sitio preciso no momento xusto. Dianteiro incombustible que aínda fai dos noventa minutos un recital das súas mellores cualidades, as que tivo e que seguen na súa posesión. Porque se hai frases que parecen feitas para alguén determinado, a de "o que tivo, retivo" leva un luminoso ben grande co nome escrito de Luis.



HISTORIAL

Camafreita - Nantón 1977


Traxectoria:

2018/2020 Nanton CD Veteranos

2017/2018 Agualada Veteranos

2015/2016 San Lorenzo Berdillo

2008/2015 CD Nanton (Xogador-Entrenador)

2005/2008 CD Nanton

2003/2005 SD Cabana

2003 SD Cabana (Copa da Costa)

1994/2003 CD Nanton


Títulos:

1997/1998 Campión de Liga Terceira Autonómica (CD Nantón)

2002/2003 Campión Copa da Costa (SD Cabana)

2010/2011 Campión de Liga Terceira Autonómica (CD Nantón)
LA VOZ DE GALICIA (Articulo JM FERREIRO)

Pichichis:

2017/2018: 38 goles - Segunda División Veteranos

2014/2015: (2º) Luis (26 goles) Terceira Autonómica - Grupo IV

2012/2013: 27 goles - Terceira Autonómica - Grupo IV

2010/2011: 39 goles - Terceira Autonómica - Grupo V

2009/2010: (2º) Luis (29 goles) Terceira Autonómica - Grupo V

2008/2009: (2º) Luis (25 goles) Terceira Autonómica - Grupo V

2002/2003: 23 goles - Segunda Rexional - Grupo II

2000/2001: (2º) Luis (21 goles) Segunda Rexional - Grupo II



domingo, 3 de mayo de 2020

COSTA MÍTICA - PACUCHA


COSTA MÍTICA: FELIZ DÍA DA NAI





PACUCHA

Quizais se dicimos María Francisca García Romero, custe un pouco máis ubicar de quen falamos, pero abonda dicir "Pacucha", para saber que é un nome non só mítico, senón tamén que representa ó fútbol da Costa en toda a súa esencia. Nun tempo onde ser muller xa non era doado, selo e ademais xogar a un deporte maiormente de homes, non estaba exento de ser un camiño coroado de espiñas. Pero a paixón sempre é un motor capaz de levar por diante infinidade de atrancos, e así foi como a  finais dos anos sesenta, o equipo feminino Concello de Muros salta aos terreos de xogo por primeira vez, e convirte a Pacucha nun referente que se manterá ao longo dos anos. 

Pioneira dun deporte que agora vive un rexurdimento na comarca entre as mozas, Pacucha será unha descoñecida para moitas delas, pero a súa historia é a do fútbol feminino para sempre. De azul e vermello eterno polos catro costados, raíña dunha Esteirana que se prolonga no seu fillo Dani Rama, xogador e moitas veces capitán dese barco que navega polas súas veas, Pacucha hoxe é tamén a nai dunha xeración enteira, de xogadoras que non se resignaron a ser espectadoras e quixeron vivir o fútbol en primeira persoa, rachando estereotipos e abrindo a veda para que a ilusión nunca deixase de rodar sobre o céspede. Nun dia de celebracións estrañas, con familias separadas polas circunstancias que vivimos, o noso fútbol pode presumir de ser fillo de mulleres que nunca se ausentan, que sempre serán presente e que, coma Pacucha Garcia, nunca deixarán de vivir a paixón coma se fose outra vez o primeiro día. Un daqueles domingos onde xogar o fútbol era moito máis que deporte. 

Fotografias CEDIDAS



lunes, 27 de abril de 2020

JOSÉ MANUEL BOUZAS (PEPUCHO) Camariñas FC


JOSÉ MANUEL BOUZAS (PEPUCHO) Camariñas FC
Moitas veces ata o termo "mítico" amaga con quedarse curto. Con non ser suficiente para describir determinadas traxectorias que hoxe son irrepetibles. Pubertade incipiente para debutar nun equipo xuvenil no que só puido competir camuflado, porque catorce anos daquela eran insuficientes para enrolarse oficialmente no Camariñas FC que víu nacer a Pepucho, onde despois medrou e foi unha desas estrelas azuis que poblan o firmamento do fútbol costeiro. Goleador infatigable que facía da área rival un parque temático do regate e do estilo, media punta que tamén gostaba de batallar máis atrás, nese círculo central onde cortar ataques e roubar balóns que, máis cedo que tarde, engrosarían a súa lista de tantos en cada competición. Ata cincuenta e nove na súa tempada máis fructífera, coa facilidade de quen naceu aprendido, sabio nunha materia que fai que o fútbol sexa espectáculo e unha noria de emocións en contínuo movemento.
José Manuel Bouzas García (Pepucho) madurou a golpe de goles, de títulos e ascensos. Vitorioso tamén nesa Copa da Costa que ten un sabor especial para calquera xogador que se críe sobre os nosos campos. Pretendido polos máis grandes, pero sempre seducido polo terruño, por esa casa con cheiro a bravura e fogar que é o Camariñas, onde tamén andado o tempo ocupou posto de adestrador. Pepucho é a memoria na que adentrarse para descubrir que a clase é un don natural, algo que permanecerá por tempo que pase. Memoria pendurada nos sitios de honra do clube a quen regalou talento e amor infinto. Paixón e goles, moitos goles, para que o nome do Camariñas fose gravado nos títulos que conforman parte da súa mellor historia. Pero o gran legado de Pepucho sempre será a imposibilidade de esquecer o seu paso polos terreos de xogo. Como acontece con todo aquel que marca unha época.
Fotografías CEDIDAS

viernes, 24 de abril de 2020

ENTREVISTA con JUAN JESÚS MARTINEZ ( PRESIDENTE de la Sd Fisterra)

ENTREVISTA con Juan Jesus Martinez ( PRESIDENTE de la Sd Fisterra)



"EXISTE DEMASIADA ENVIDIA E EGOÍSMO NO FÚTBOL"

Que o Fisterra é o clube que está en boca de todos, nin se descute. Unha traxectoria impecable despois daquel mal trago que case supón o descenso, converteuse agora nunhas cifras de récord, nunha afección admirada e recoñecida tanto na comarca coma fóra e, sobre todo, nun equipo que fai do fútbol no Ara Solis unha auténtica festa cada domingo. Nada diso chega só, e detrás dos xogadores e do corpo técnico hai unha directiva que traballa arreo, que vive para unhas cores e que está encabezada polo seu presidente, Juan Jesús Martínez Calo (Fisterra, 26-12-1972). Incrédulo ante a situación e pouco optimista despois das pertinentes reunións coa Real Federación Galega de Fútbol - Futgal, Juan Jesús sabe que quizais teña que deixar escapar a que sería a guinda ao pastel do seu mandato. Xalonado de éxitos e retos superados, sempre tras a trincheira, deixando o protagonismo para os que pelexan no campo. Traballando en primeira liña pero apartado dos focos, manexando egos con delicadeza e ao mesmo tempo man firme. Artífice dunha época que en Fisterra xa non se soñaba con voltar a vivir, pero que nunca deixou de anhelarse. Nada se sabe aínda do que pasará, de se o desexado ascenso será consumado ou, polo contrario, haberá que enfrontarse á decepción dunha excepcionalidade coa que ninguén contaba. O único seguro é que Juan Jesús segue no seu posto de mando, e que manterá a calma coma fai sempre en calquera sexa a situación. Patrón dunha nave que xa estaba aí, soltando cabos para amarrar en terra. O futuro en Fisterra, por negro que se torne, sempre acabará virando a verde.

--Nin no peor dos pesadelos podía imaxinarse o que estamos a vivir.


Impensable, esto é de película de terror. Nunca pensei que poderíamos estar asi, de todas formas preocúpame máis, como imos saír deste inferno.

--Aínda non hai unha decisión tomada dende a Federación. Cal cres que sería o final máis xusto a esta tempada?

Despois da xuntanza con Rafael Louzán, penso que só valíu para ver o egoismo e envidia que existe no futbol. Cada clube optamos pola opción que máis nos convén, e os que realmente están en terra de ninguén (salvo excepcions) prefieren que non ascendamos.

--. Os obxectivos do Fisterra estaban a cumprirse. Como tomarías non ascender se finalmente se acaba dando por nula a competición?

A tempada estaba sendo espectacular, e prevíase un final intenso e emocionante. Agora xa quedóu todo descafeinado. Vai ser unha decisión complicada porque todos non imos quedar contentos, pero non nos quedará outra que acatar as decisions que se tomen.

--Fai anos que só ves o fútbol dende a barreira, pero foste un destacado xogador tamén, incluído no fútbol sala,
Bueno, retireime moi cedo tanto do fútbol como do fútbol sala. Levo máis de vinte anos metido nas directivas de ambas competicións. É moito máis ingrato, pero para min é parte da miña vida.

Juan jesús e Bareta
-- Case catro anos de mandato e dúas ligas, unha Copa da Costa, dous ascensos e outro en ciernes. Se existe unha fórmula, deberías patentala

Está claro que me está tocando pasar unha etapa extraordinaria no clube. Non existe fórmula máxica, o que teño moi claro é que cada persoa do clube ten que sentirse importante e ter o seu protagonismo. Rodearse dunha directiva que o dá todo polas cores, por un corpo técnico e xogadores implicados no proxecto, e pola mellor afección do Planeta.


--Como leva o equipo esta situación?

O equipo mal, porque para nós era un soño poder ascender a Terceira despois de tantos anos. E os xogadores estaban mentalizados para acadar o ascenso.

--En caso de ascender, aínda nestas aciagas circunstancias, ves posible algún tipo de celebración?


Xa nada será igual. Ledicia sen dúbida, pero como unha celebración ca nosa xente, imposible. Non sei se Bebeto terá algo pensado, pero difícil ca situación que estamos a vivir.

--Quedaban partidos tan atractivos coma o do Noia ou o Viveiro -líder- no Arasolis, auténticos regalos para o afeccionado. A palabra decepción debe quedarse curta.

Só pensar como está normalmente o campo e achegándosee o final, loitando polo ascenso, está claro que o teríamos coma nas mellores tardes. É unha verdadeira mÁgoa.

-- Máis alá do fútbol, a nivel laboral tamén sofres as consecuencias desta atípica e preocupante situación. Veslle pronta recuperación?

Solución difícil porque a día de hoxe non sabemos ainda cando imos poder traballar, e canto máis tempo pase máis facturas se acumulan e seguimos sen ingresar. Pero bueno, temos que ser optimistas e pensar que sairemos desta.

Os patrocinios son parte fundamental de calquera equipo. Como ves o futuro económico do clube?


O futuro económico moi complicado, porque nós vivimos dos pequenos comercios e se xa perderon Semana Santa, o verán tampouco pinta moi ben. Pero bueno, teremos que adaptarnos a esta nova situación.


jueves, 19 de marzo de 2020

LEO e ALEX PICALLO, UN MUNDO DE fÚTBOL

COUSAS DE FAMILIA

Case sempre que falamos dunha herdanza, referimonos a algo material, algo que de tódolos xeitos pode adquirirse por outros medios. Pero ás veces, tamén herdamos cousas que non poden mercarse con ningunha tarxeta nin ningunha nómina, coma ben pode ser o talento. E xa tivemos constancia de que Álex Picallo leva camiño de ser digno herdeiro do seu pai, Leo Picallo. Aínda en idade Prebenxamín, xa  patea área enfilando portería en canto ten ocasión, imitando moi ben o que lle leva vendo facer ao seu pai dende case o berce: marcar goles. 

Álex comeza a súa andaina futbolística vestido de branquiazul, nun U.C. CEE que, xustamente, parece ser onde rematará a de seu pai, despois dunha vida transitada de xeito absolutamente nómada, competindo en varios clubes e diferentes categorías. Soneira, Xallas, Camariñas ou o seu natal Corcubión, foron clubes que viron subir o seu nome ao marcador moitos domingos. Agora, aínda en activo, Leo comeza a vivir o fútbol doutro xeito, levando da man a Álex, ensinándolle cada recuncho duns campos que para el non teñen segredos pero nos que, seguramente, sufrirá moito máis dende a bancada. Pai e fillo convírtense en certa maneira na herdanza do noso fútbol, na que non só contabilizamos tantos...senón tamén esas cousas de familia á que pertencemos e desfrutamos todos.