PACUCHA
Quizais se dicimos María Francisca García Romero, custe un pouco máis ubicar de quen falamos, pero abonda dicir "Pacucha", para saber que é un nome non só mítico, senón tamén que representa ó fútbol da Costa en toda a súa esencia. Nun tempo onde ser muller xa non era doado, selo e ademais xogar a un deporte maiormente de homes, non estaba exento de ser un camiño coroado de espiñas. Pero a paixón sempre é un motor capaz de levar por diante infinidade de atrancos, e así foi como a finais dos anos sesenta, o equipo feminino Concello de Muros salta aos terreos de xogo por primeira vez, e convirte a Pacucha nun referente que se manterá ao longo dos anos.
Pioneira dun deporte que agora vive un rexurdimento na comarca entre as mozas, Pacucha será unha descoñecida para moitas delas, pero a súa historia é a do fútbol feminino para sempre. De azul e vermello eterno polos catro costados, raíña dunha Esteirana que se prolonga no seu fillo Dani Rama, xogador e moitas veces capitán dese barco que navega polas súas veas, Pacucha hoxe é tamén a nai dunha xeración enteira, de xogadoras que non se resignaron a ser espectadoras e quixeron vivir o fútbol en primeira persoa, rachando estereotipos e abrindo a veda para que a ilusión nunca deixase de rodar sobre o céspede. Nun dia de celebracións estrañas, con familias separadas polas circunstancias que vivimos, o noso fútbol pode presumir de ser fillo de mulleres que nunca se ausentan, que sempre serán presente e que, coma Pacucha Garcia, nunca deixarán de vivir a paixón coma se fose outra vez o primeiro día. Un daqueles domingos onde xogar o fútbol era moito máis que deporte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario