JOSÉ MANUEL BOUZAS (PEPUCHO) Camariñas FC
Moitas veces ata o termo "mítico" amaga con quedarse curto. Con non ser suficiente para describir determinadas traxectorias que hoxe son irrepetibles. Pubertade incipiente para debutar nun equipo xuvenil no que só puido competir camuflado, porque catorce anos daquela eran insuficientes para enrolarse oficialmente no Camariñas FC que víu nacer a Pepucho, onde despois medrou e foi unha desas estrelas azuis que poblan o firmamento do fútbol costeiro. Goleador infatigable que facía da área rival un parque temático do regate e do estilo, media punta que tamén gostaba de batallar máis atrás, nese círculo central onde cortar ataques e roubar balóns que, máis cedo que tarde, engrosarían a súa lista de tantos en cada competición. Ata cincuenta e nove na súa tempada máis fructífera, coa facilidade de quen naceu aprendido, sabio nunha materia que fai que o fútbol sexa espectáculo e unha noria de emocións en contínuo movemento.
José Manuel Bouzas García (Pepucho) madurou a golpe de goles, de títulos e ascensos. Vitorioso tamén nesa Copa da Costa que ten un sabor especial para calquera xogador que se críe sobre os nosos campos. Pretendido polos máis grandes, pero sempre seducido polo terruño, por esa casa con cheiro a bravura e fogar que é o Camariñas, onde tamén andado o tempo ocupou posto de adestrador. Pepucho é a memoria na que adentrarse para descubrir que a clase é un don natural, algo que permanecerá por tempo que pase. Memoria pendurada nos sitios de honra do clube a quen regalou talento e amor infinto. Paixón e goles, moitos goles, para que o nome do Camariñas fose gravado nos títulos que conforman parte da súa mellor historia. Pero o gran legado de Pepucho sempre será a imposibilidade de esquecer o seu paso polos terreos de xogo. Como acontece con todo aquel que marca unha época.
Fotografías CEDIDAS
No hay comentarios:
Publicar un comentario