Case sempre que falamos dunha herdanza, referimonos a algo material, algo que de tódolos xeitos pode adquirirse por outros medios. Pero ás veces, tamén herdamos cousas que non poden mercarse con ningunha tarxeta nin ningunha nómina, coma ben pode ser o talento. E xa tivemos constancia de que Álex Picallo leva camiño de ser digno herdeiro do seu pai, Leo Picallo. Aínda en idade Prebenxamín, xa patea área enfilando portería en canto ten ocasión, imitando moi ben o que lle leva vendo facer ao seu pai dende case o berce: marcar goles.
Álex comeza a súa andaina futbolística vestido de branquiazul, nun U.C. CEE que, xustamente, parece ser onde rematará a de seu pai, despois dunha vida transitada de xeito absolutamente nómada, competindo en varios clubes e diferentes categorías. Soneira, Xallas, Camariñas ou o seu natal Corcubión, foron clubes que viron subir o seu nome ao marcador moitos domingos. Agora, aínda en activo, Leo comeza a vivir o fútbol doutro xeito, levando da man a Álex, ensinándolle cada recuncho duns campos que para el non teñen segredos pero nos que, seguramente, sufrirá moito máis dende a bancada. Pai e fillo convírtense en certa maneira na herdanza do noso fútbol, na que non só contabilizamos tantos...senón tamén esas cousas de familia á que pertencemos e desfrutamos todos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario