miércoles, 21 de noviembre de 2018

EN ORSAY: A ENTREVISTA DA SEMANA CON MAIKEL VILELA (CAPITAN DO MUXIA CF)

"É PRIMORDIAL MANTER A ILUSIÓN. EU TEÑO A MESMA QUE CANDO EMPECEI A XOGAR. OU MÁIS". 
MAIKEL (CAPITAN DO MUXIA - PERCEBEIRO e EX - SONEIRÁN)
Muxía é unha vila onde ruxe o mar tanto coma unha afección que o ten pegado ás costas en Arliña, que respira salitre e que enchoupados nesa fría auga salgada medran xogadores coma Maikel Vilela Trillo (Muxía, 5-12-1987). Unha vila que imprime carácter e un oficio, o seu, que curte e que por forza fai ser á xente distinta. Maikel é de naturaleza tímido fóra da cancha, pero dentro dela amosa a mesma bravura que ese Atlántico do que se alimenta; a mesma dureza que as rochas cas que ten que bater para extraerlles ese petróleo chamado percebe. Acostumado ao choque dende a súa posición de central, non escatima recursos nin se lle poden escatimar a el méritos coma que o Muxía apenas teña goles encaixados no que levamos de competición. Barreira infranqueable para dianteiros de calquera equipo, desfruta coma nunca nesa volta a unha xuventude renacida xogando na casa, rodeado de mocidade que o convirten, aos seus case trinta e un anos, no máis veterano do equipo. Veteranía que leva escrita na liñas da pel, cada unha delas debuxada no seu paso por equipos coma o Camariñas ou o Soneira, onde se proclamou campión de Liga e saboreou o ascenso a Preferente. Títulos e aplausos que adornan o currículum de Maikel pero que el, en realidade, só contabiliza en tardes desfrutadas sobre un terreo de xogo, en puro goce ao borde da área desposto para frear as embestidas rivais. Resistente como a area da praia cada vez que as ondas rompen contra ela. E coma elas, sempre consegue asomar de novo á superficie. Esa é a maior sorte do seu equipo: el é parte fundamental en que se manteña a flote. 


-Ves o Muxía capaz de aguantar o tirón toda a tempada nos postos de arriba?

A Liga é moi longa e aÍnda pode pasar de todo, pero espero que sÍ. Xogando coma o estamos a facer penso que imos perder poucos puntos.

--Sodes unha plantilla novísima. Iso é unha vantaxe ou tamén ten dificultades?
Coma todo ten vantaxes e desvantaxes. O bo é que hai equipo para moitos anos con moita marxe de mellora, segundo se vaia collendo experiencia. O malo de ser tan novos é que esa falta de experiencia ás veces fai que custe saír dos baches cando as cousas se torcen. Pero somos unha piña e xuntos conseguimos superar esas situacións.

--Botas de menos os anos desputados en categorías superiores?

Cando a un lle gusta o fútbol sempre quere xogar o máis arriba posible, pero agora estou na miña casa e desfruto xogando para o Muxía. 
 
MAIKEL no SONEIRA de Preferente
--Veste xogando noutro equipo que xa non sexa o Muxía?
A verdade é que non.

Tes un oficio duro. Non será doado compaxinalo cos adestramentos.

Non é doado, non. Moitas veces resúltame imposible ir por incompatibilidade co horario, e cando pasa iso hai que sacar forzas de onde non as hai. (Risas). 

Fotografia (JM FERREIRO)
--Fai falla moita ilusión para quitarlle horas o sono ou a outras cousas para ir xogar, non?

Creo que é primordial ter ilusión. Teño a mesma que con 15 anos, cando empecei a xogar, ou incluso máis.

--Sendo central, tócalle vérteas cos dianteiros. Cales destacarías da Liga da Costa?.
Pablo Muíño, Alejo e Manu Nogueira, que aínda que non teño que vérmas con el coma rival, desfruto véndoo xogar cada domingo. 

MAIKEL defendendo a PABLO MUIÑO
--Se o Muxía ascendese, seguirías para desputar a competición de Primeira?

Sí, sempre e cando as lesións me respeten.

--A Liga é inalcanzable ou ves posibilidades?

Aínda falta moito. Iso haberá que miralo cando falten 6 ou 7 xornadas.

--Cal foi o teu mellor momento nun terreo de xogo?

Teño recordos moi bonitos dos equipos nos que xoguei. No Camariñas a Fase de Ascenso que xogamos contra o Carral, que pese a quedar eliminados foi moi bonito xogala. No Soneira o meu primeiro partido en Preferente en Chantada, o 3-0 diante do Depor B na Copa Deputación e a Liga que gañamos en Primeira Autonómica. E no Muxía a Liga que gañamos en Terceira (de momento).

MAIKEL na súa epoca no SONEIRA de Preferente
MAIKEL no seu querido MUCIA CF na actualidade

miércoles, 14 de noviembre de 2018

EN ORSAY: A ENTREVISTA DA SEMANA con LUIS ROGET (Un dos Xogadores mais veteranos da Costa - F.C CASTRELO)

"NO DEPORTE SON DEMASIADO REALISTA. ÁS VECES DE MÁIS". 


A Terceira é unha Liga de combatentes, de físicos rotundos e caracteres curtidos, afeitos a resultados imposibles e a darlle a volta a todo no momento máis inesperado. Nese mar vive mergullado alguén de terra adentro coma Luis Roget Pérez (Vimianzo, 17-3-1970), incólume ao paso do tempo e un dos sosténs do Castrelo, no que non só é xogador e capitán, senón tamén parte da diretiva dende que o clube botase a andar fai sete tempadas. Luis ten unha traxectoria totalmente atípica, cuns comezos nos xuvenís do Soneira que se viron interrompidos pola presión familiar para que se adicase exclusivamente aos estudos. Unha vez finalizados, enrólase en veteranos primeiro do Vimianzo e despois escindidos no Soneira, conseguindo ser campión cos dous. Polas cousas da amizade, deixóuse querer polos cantos de serea do proxecto que quería dar luz verde ao Castrelo e así foi coma chegou ao fútbol federado á tenra idade de corenta e dous anos, para estupefación da propia Federación que pensaba que se trataba dun erro nas datas, e cando outros ven o momento propicio para colgar as botas. Luis é o vivo exemplo do que sostiña un decimonónico autor francés: cada cal ten a idade das súas emocións. As mesmas que fan da súa veteranía un referente, que acompaña un carácter tinguido de ecoloxismo e deporte san. O único segredo para manterse, desfrutar e liberarse nas paisaxes que nos rodean. A calma precisa antes da batalla de cada domingo no terreo de xogo.

-- Cal é o segredo para converterse no xogador máis veterano das ligas da Costa?
Supoño que adestrar, e estar sempre en contacto co deporte. Gústame moito practicar ademais do fútbol, pádel ou as carreiras do circuito Costa da Morte.

-- Por suposto, a retirada non é unha opción.

De momento non. Mentres non haxa lesións penso seguir.

-- Fiel ao Castrelo dende a súa formación pero, deixaríaste tentar por outro clube?

Non!. 

LUIS no encontro fronte o Camariñas
-- O Castrelo está na terna de favoritos á Liga e ó ascenso. Promete ser unha tempada especial.
Sí, pero para nós o gran obxectivo é estar na Promoción entre os sete primeiros. Gañar a Liga vémolo imposible.

-- -A Terceira é unha categoría con frecuencia cuestionada e hai quen propón suprimila. Cal é o teu parecer ao respecto?

Deberían facer algún cambio para poder xogar todos os equipos máis cerca, os da Costa. E facer unha Segunda máis grande e selectiva. Pero así tamén nos gusta.

-- O ascenso non só é difícil de acadar, senón que tamén é difícil despois manterse. Aínda así, gustaríache competir na Segunda?

Obviamente gustaríame probar, pero penso que o Castrelo ía sufrir moito nesa Liga e despois viría o desánimo. Eu fíxome nos equipos que xogaron con nós: Lira, Ameixenda, Corcubión....e suben e baixan case sempre os mesmos. Penso que eses equipos desfrutan máis en Terceira que en Segunda. 

SEMPRE PENDENTE DO RIVAL
-- Traballas, adestras, formas parte da diretiva do equipo...Quizais non proceda preguntar a que adicas o tempo libre. Por falta del, básicamente.

Gústame moito pescar e ir o monte que temos, pero non de caza, senón a limpalo e coidalo. Paso moitas horas nel, reláxame moitísimo. Como curiosidade, moitas veces estou nel algún domingo que non xogamos e ao mesmo tempo ando pendente cada media hora dos resultados que ides poñendo na páxina. É moi bonito.

-- Que suporía gañar a Liga co Castrelo?

Un soño. Pero a verdade non penso nada niso. Creo que o Coristanco vai gañar a Liga sobrado e polo tanto non ten moito sentido pensar en inalcanzables. Nese sentido son demasiados realista, ás veces de máis. 

LUIS en un encuentro del año pasado frente al Volantes y en la pugna con Yanki
 -- Veste como adestrador nun futuro? 

Non. Non teño carácter nin me gusta.

-- Que consideras que precisa o equipo para que manterse nos postos altos sexa unha constante todo o ano?.

Sen dúbida coma di o noso adestrador Antelo, manter a potería a cero. Se non nos marcan, nós marcamos case sempre e así imos arañando puntos. A nosa dianteira é moi sofrida, e insiste ata o final, por iso se non encaixamos temos máis posibilidade de puntuar.

-- Hai ilusión para seguir defendendo o título de veterano da Costa nas vindeiras tempadas?.

Indudablemente.Cando me retire do Castrelo, sexa este ano ou o vindeiro, penso voltar aos veteranos. 



miércoles, 7 de noviembre de 2018

EN ORSAY: A Entrevista da semana con DOLORES VIÑA (Presidenta do SAN LORENZO DE VERDILLO)

"E UN EXEMPLO PARA TODOS QUE AS MULLERES FORMEN PARTE DOS EQUIPOS DE FÚTBOL IGUAL QUE OS HOMES". 

Presidenta do SAN LORENZO DE VERDILLO
Que o fútbol non é un mundo xa exclusivamente de homes é algo sabido, con cada vez máis equipos femininos competindo, con mulleres arbitrando ou outras coma Dolores Viña (Verdillo, 18-04-1968), que toman as rendas dun clube, neste caso o San Lorenzo, para converterse nunha das únicas mulleres da Costa que preside un equipo de fútbol esta tempada, xunto ca Presidenta da SD Laxe (Maria del Carmen López). Pero antes foron Elvira Freire e Isabel Santos no Unión Club Cee, e Ana Pérez (Lelucha) no Camelle, as que abriron o camiño para dar normalidade a algo que aínda é pouco habitual. Dolores Viña non chega á presidencia do San Lorenzo de casualidade, as súas sete tempadas formando parte da directiva son a base que a fixeron ser elixida para o cargo, nun equipo onde as mulleres son determinantes e incluso contan con Delegada de Campo, algo absolutamente inusual no fútbol costeiro e fóra del. Dolores compaxina a pura afección coa vida laboral no ámbito textil e a persoal da casa, sacrifica o tempo libre do que dispón para que o San Lorenzo siga a ser un clube competitivo e onde poida recalar a mocidade do lugar. Coma Dolores, as mulleres do seu equipo fan milagres para chegar a todo, pero grazas en gran parte a elas, cada fin de semana en As Pedreiras soa o pitido que da comezo ao partido de Xuvenís ou Sénior, coa bancada chea de afeccionados e a satisfación do traballo feito. Porque cando nada parece ter arranxo, cando todo parece botarse a perder e ninguén quere dar un paso á frente, sae a afouteza de mulleres coma Dolores Viña e as súas compañeiras, despostas a coller o timón dun barco que parecía abocado á deriva e que elas, co seu esforzo e paixón, tratan de endereitar cada xornada. Que son capaces de conseguilo é algo que ninguén dubida.

--Que atopas diferente en dar o paso de formar parte da diretiva a presidila? 

Diferencias non atopo xa que realizo o mesmo traballo que antes de ser a presidenta.
Foto facebook San Lorenzo - 11 inicial desta Tempada
-- Como valoras a experiencia no que levamos de tempada?

Poderiamos estar en mellor posición, está claro. Pero a Liga esta comezando aínda e queda moita tempada para ir mellorando e ascendendo postos.

--O San Lorenzo este ano tivo baixas importantes. Foi difícil formar equipo?

E certo que este ano houbo baixas moi importantes, pero tamén se recuperou a xente da casa que marcharan, e unha cousa compensa a outra.

--Sodes unha diretiva que conta con moitas mulleres. Que cres que se precisa para que cunda o exemplo?

O único que se precisa son gañas de traballar e paixón polo equipo. Creo que é un exemplo para todos que as mulleres formen parte dos equipos de fútbol tanto como os homes.

--O San Lorenzo é un clube que sempre compite nos postos altos da táboa. Este ano está custando algo máis pero, ti velo con posibilidades?.

Sen dúbida ningunha. Houbo cambios e estanse adaptando uns ós outros, pero seguro que de aquí a final de Liga estarán en boa posición.

Imaxe do encontro fronte o Ameixenda (Foto Facebook San Lorenzo)
--Animáronte na casa a que te fixeses cargo do equipo?. O teu fillo é xogador, ten que ser especial vivir os partidos para ti.

Na casa tiven o apoio todo cando dixen que ía coller eu o equipo, xa que non quería que desaparecera. Para min é especial o equipo enteiro, e vivo todos os partidos de maneira especial xogue o meu fillo ou non.

DANI FUENTEFRIA no encontro fronte o Fisterra a Tempada pasada
--Tedes un potente equipo xuvenil tamén. Non contemplades nalgún momento unha Escola de Fútbol Base co resto de categorías?.

De momento non. Xa custa moito manter dous equipos.

Equipo Xuvenil (Foto Facebook San Lorenzo)
--Non eras unha descoñecida para ninguén despois de tantos anos formando parte do equipo e contarás co apoio da afección e dos socios. Valoran o traballo que facedes?.

A xente que ven sempre ó campo si que valora o traballo que se realiza polo clube, e agradécese moito ese apoio e os ánimos que recibimos.

--Sodes un dos pouquísimos clubes cunha delegada de campo. Atopades algún atranco durante os partidos con árbitros ou afeccións rivais?.

No que levamos de Liga foi tratada como unha máis, non houbo discriminación de ningún tipo porque fora muller. O respecto debe estar sempre presente independentemente de ser home ou muller.


--O momento máis feliz que teñas vivido co San Lorenzo.

Houbo moitos momentos pero sen dúbida o ascenso, xa que levabamos tres anos tentando subir a Primeira Rexional,e a terceira vez, por fin foi a vencida.


--Gustaríache retornar o equipo á Primeira?.

Polos xogadores e a afección, sí. Pero económicamente non podemos.

Plantilla do SAN LORENZO que Ascendeu a Primeira Autonomica



miércoles, 31 de octubre de 2018

En ORSAY: A Entrevista da semana con YANKEE (Volantes de Baño)

"O MEU CONSELLO PARA AS NOVAS XERACIÓNS É QUE FAGAN TODO O CONTRARIO DO QUE FIXEN EU". 


A Liga da Costa é prolífica en heroes de lenda, en xogadores carismáticos que marcaron unha xeración e que, andado o tempo, aínda seguen deixando pingas do seu talento cada domingo polos terreos de xogo. É o caso de José Manuel Bermúdez Candamo (Muros, 27-8-1987), que antes de que vos preguntedes quen é, só hai que engadir "Yankee" para que todos lembremos algún dos seus goles, algunha das varias Ligas que gañou en diferentes equipos ou aquela final da Copa da Costa de infausto recordo para o Unión Club Cee diante do Ponteceso en 2008, de onde saíu sen Copa pero elixido mellor xogador do encontro. Yankee, que recibe o seu apodo por ter nacido en Estados Unidos cando emigrar era a profesión de tantos galegos, é dese tipo de persoas que nunca pasan desapercibidas, nin dentro nin fóra dos campos do fútbol. De personalidade tremendamente extravertida, centro de atención por talento e boas maneiras para relacionarse, recala esta tempada de novo no Volantes de Baño ao mando de Sil, adestrador co que iniciou a súa vida deportiva en categoría Alevín e co que intermitentemente foi coincidindo noutros clubes. Xogador do Ural e do Español, da Preferente co Noia, de Primeira co Lesende ou co Flavia, fichaxe estrela daquel Baíñas que botaba a andar en 2012, Yankee ten un amplo muestrario de equipos que poden dar conta da súa voracidade coma dianteiro, de goleador insaciable que aínda pon en tensión a centrais e porteiros rivais, dono desa finta que descoloca e deixa sen espazo para a reacción porque alí, ao borde da área pequena e listo para o man a man, está Yankee co balón no pé e o corazón na gorxa dos afeccionados do seu equipo, relaméndose e sabedores, case con total seguridade, que o gol está a chegar. Porque Yankee, nese esceario, convertése en alguen implacable e case sempre infalible. En heroe de lenda para toda a Costa.


.--Foste campión de Liga con varios equipos diferentes. Cal lembras con máis satisfacción?

Todos teñen algo de especial, pero ganar a Liga da Costa co Cee, acabando como quen di de comezar nisto, e cun equipo que non e o do teu pobo pero que che facía sentir coma si o fora, e ainda por riba tendo un papel destacado.

--Prefires xogar ca esixencia de categorías superiores ou na placidez da Costa?.

Hoxe en dia prefiro xogar na Costa, non require tanto tempo, nin tanta esixencia coma outras categorias. Aparte xogando na Costa, tes a sorte de xogar con colegas, e velo de outra maneira... Iso si...sempre che vén a cabeza o de porque non aproveitar un pouquiño máis mentras se pode...Pero despois sóame a alarma para ir a traballar as 5:30 da mañán e pronto se me saca da cabeza.

--Das algún consello á xente nova que ves que apunta maneiras?

Que fagan todo o contrario ao que fixen eu (risas). Pois non sei, non son o mellor para dar consellos, simplemente que si de verdade lles gusta isto e queren aproveitar ó máximo esa experiencia, e quen sabe si chegar a algo, hai que sacrificarse un pouquiño, desfrutar todo o que podas disto, e si chega un golpe de sorte para chegar arriba, non desperdicialo, pero sobre todo desfrutar.


--Pasaste por varios clubes en distintas etapas. Quizais haxa algún ao que quixeras ir pero nunca tiveste oportunidade.

Nunca me plantexei esa pregunta a verdade. Estou contento de xogar en todos os sitios donde xoguei, non teño un equipo especial a onde ir, todos se fixeron especiais a partires de xogar neles, e si fora para outro equipo, supoño que tamén se volveria especial. Pero bueno ano tras ano sigo esperando a chamada de Tino (presi do Depor) pero non da chegado.

--Que agardas neste momento do fútbol?

Seguir desfrutando dando patadas a un balón. Só iso.

--Veste adestrando?
Sempre me gustou ese mundillo e desde ben pequeno sempre quixen acabar adestrando, pero... antes de adestrar a ninguén, teño que pasar polo campo a adestrar eu, que moi bo exemplo non dou. (Risas).

--Na Costa os equipos adoitan ter xogadores moi novos nas súas plantillas. Como levas a adaptación ao relevo xeracional?

Eu adáptome moi ben. Sigo pensando que teño 20 anos, por iso non hai problema.

Durante a celebración do Ascenso do Volantes
--O volantes fixo un plantel para aspirar a algo máis que manterse. Ves ao equipo capaz de batallar polos postos de arriba?

O equipo foi feito para manterse, o que veña despois xa é algo que nunca se planeou, o máis importante é facer un equipo estable, que compita na Costa, e non pase como anos anteriores descendendo, ascendendo... e facendo un equipo novo cada ano. O obxectivo máis alá dos resultados, é un obxectivo de clube, medrar e non só a base de resultados.

-- Unha ilusión que aínda non viras cumprida nun terreo de xogo.

Pois non sei, tampouco me plantexei nunca iso, supoño que a unica ilusión seria a mesma que a de calquera chaval que lle encanta o fútbol, poder vivir disto xogando no equipo da túa vida. (Risas).
Sempre alegre
-- Un xogador da Costa ao que ficharías sen dubidar para o teu equipo.

Non coñezo moitos xogadores de agora. Máis que fichar a ninguén, pediría que nunca se retiraran os clásicos ( Leo, Freire, Nico, Toni, Llanero, Kajulo....). Lendas da Costa. (Risas).









miércoles, 24 de octubre de 2018

EN ORSAY: A Entrevista da Semana con PABLO CONDE e NANDO (Entrenadores do Dumbria Juvenil e Cadete de Liga Galega)


"AO FINAL DA TEMPADA O MÁIS IMPORTANTE É QUE OS NENOS DESFRUTASEN"
NANDO e PABLO CONDE
Pablo Conde Cives (Dumbría, 22-11-1986) e Fernando Alejandro Waldomar (A Coruña, 15-05-1980), son os adestradores respectivos dos equipos Xuvenil e Cadete do Dumbría. Ambos dous en Liga Galega, vén este comezo de tempada máis ilusionados se cabe que habitualmente, contando partidos case que por vitorias e cos Cadetes encaramados no máis alto da táboa, algo sempre difícil tendo en conta que se compite contra equipos de cidades e grandes núcleos de poboación, que aglutinan un gran número de rapaces. Pero tanto Nando coma Pablo saben que á fin o que conta é a preparación, a disposición para o esforzo e as gañas de competir nesas ligas que non están ao alcance de case ninguén na nosa pequena comarca. Eles saben ben en que consiste, pois levan toda unha vida adicada ao fútbol. Pablo até fai moi pouco xogador de Preferente co seu eterno equipo, o mesmo Dumbría ao que agora adica os seus coñecementos e tesón para que esa talentosa mocidade que aglutinou no equipo xuvenil acade as maiores empresas na súa competición. O inicio non pode contemplarse máis esperanzador, como acontece con Nando, chegado o ano pasado ao equipo Cadete para devolverlle o esplendor doutras épocas aínda recentes. Todo parece encamiñado a que soñar non sexa algo descabellado. Nando está afeito a case todo, pois son máis de vinte anos adestrando equipos da Costa de diferentes categorías, organizar todo tipo de Campus no verán, adestrar na Fundación Atlético de Madrid, nos Deporcampus nalgunha ocasión e tamén creador no seu momento da súa propia escola deportiva. Experiencia contrastada que será decisiva á hora de pilotar un equipo con mimbres de campión. Pablo e Nando son a cara ilusionante dunhas categorías nas que o Dumbría volve a pisar forte. Teñen equipo....e téñeno todo para que se consoliden. É ao que se aplican en cada partido.

Despois do apabullante comezo de Liga, vedes posible manter ese ritmo o resto da tempada?

Pablo C. Bueno, non creo que sexa apabullante, pero estamos satisfeitos porque creo que sacando o partido co Victoria B, nos demáis fixémolo bastante ben. Esta é unha liga moi competida, e o que hai que tentar é ser competitivos todo o ano. Despois o fútbol ten moitos factores. Nós tentarémolo facer o mellor posible todos os partidos, para sumar os máximos puntos que poidamos.

Nando A. O comezo de tempada está a ser moi bo se nos referimos os puntos colleitados e o esforzo que os rapaces están a facer en cada partido. Pero é moi complicado medirse ós equipos da categoría na que estamos. Hai moito traballo por diante, e non sempre os resultados vanse a dar desta maneira, pero e agradable que os rapaces vexan que o esforzo ten recompensa.
PABLO CONDE e JOAQUIN (Entrenadores do Xuvenil)
--Sempre chegan reforzos, pero os equipos están formados maioritariamente por rapaces da Costa. Cal é a fórmula para que opten por ir ao Dumbría?

Pablo C. Sacando casos moi puntuáis sempre somos desta zona. Non hai fórmula; hai xogadores que chegaron aquí porque quixeron vir eles, outros por amigos, outros por casualidade e outros porque os chamamos. Creo que disputar categorías superiores chama bastante, aínda que moitos nenos prefiren xogar na liga local e non na Galega (na miña opinión, se mo permites, creo que é un erro, porque compites mellor, aprendes máis e creo que disfrutas moito máis do fútbol).

Nando A. Tódolos xogadores do equipo cadete son da Costa, este ano hai rapaces de Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra, Carnota, Muxía, Louro, Coristanco e máis pobos da Costa. Este é o obxectivo de ter equipos nas categorías Galegas, que os rapaces da Costa da Morte poidan xogar cos mellores equipos de Galicia sen ter que ir a estudar fora e poidan disfrutar desta experiencia estando na súa casa.

-- A situación xeográfica é evidente que non axuda pero, como levan realmente os xogadores as longas distancias e os madrugóns en fin de semana?

Pablo C. Bueno, eso é un tema de moito debate. Creo que no fútbol masculino estamos mal acostumados. O Fisober, As Miúdas, os equipos de Volei, os equipos de Balonman, etc, para xogar nunha liga teñen que desplazarse mínimo 50 km cada fín de semana e non pasa nada; nós como temos un equipo en cada pobo parece que facer máis de 20 km é terrible. A maioria dos xuvenís de este ano, xa veñen dende infantís xogando en ligas autonómicas e están “acostumados”. Ao fin e ao cabo, viaxes de 2 horas hai dous ou tres por tempada. Ademáis todo eso enséñanos a organizarnos mellor a xogadores, entrenadores, pais, clube.… E as viaxes dan para moitas cousas, temos feito xogos, contamos anécdotas, algunha vez paramos a comer, etc, e nos momentos malos dixerimos as derrotas todos xuntos. Todo eso enseña e educa tamén. Moito.

Nando A. Os xogadores saben que para competir contra os mellores hai que facer o esforzo de adestrar durante a semana e madrugar e viaxar en fin de semana. O teñen asumido, non é un problema para eles. É parte da competición.

NANDO e KANARIO (Entrenadores do Cadete)
-- Factores que consideredes determinantes para que esta tempada se presente coma unha das máis exitosas dos últimos anos.

Pablo C. Non sei, supoño que o traballo, pero o fútbol ten moitos factores, calendario, continuidade, lesións e tamén a sorte.

Nando A. O primeiro é que a tempada só leva 6 xornadas disputadas, acabamos de comezar. O de exitosa xa se verá máis adiante. Hai que diferenciar tamén o que cada un entende por exitosa, no meu caso por exemplo, observando o equipo de xuvenís deste ano teño moi claro que a tempada pasada foi un éxito, porque o traballo que os rapaces fixeron durante todo o ano, que foi moito, ten como consecuencia ver a moitos deles convocados e titulares nunha categoría moi complicada sendo de primeiro ano. Polo que a fórmula debe ir no mesmo camiño: adestrar, adestrar e adestrar par que os rapaces poidan mellorar ó máximo posible tanto técnica, táctica, física e mentalmente na execución das accións coma na toma de decisións dentro do partido.

-- Habituados coma estades ás categorías inferiores, entra nos vosos plans dar o salto nalgún momento aos equipos sénior?

Pablo C. Negalo sería un erro pero eu cando penso en fútbol, penso sempre en Dumbría. Eu non podo decir que sendo da “casa” me sinta infravalorado. Ao contrario, sempre me sentín moi valorado. Deportivamente débolle todo a este club e persoalmente a xente que o dirixe. Sei que algún día aparecerá esa oportunidade. Eles e eu sabemos que este non é o momento, pero se fago as cousas ben chegará. Cada vez apetéceche máis, pero todo ten os seus plazos, e hai que saber de ónde vimos e cara donde vamos. Só é un obxetivo a medio prazo.

Nando A. Agora mesmo diría que non pero nunca se sabe. Diría que estou a botar de menos o non adestrar a diario no fúbol oito no que o carácter formativo debe ser predominante, eu diría que o cambio pode ser máis nese sentido no meu caso.

PABLO CONDE durante uno de sus encuentros
  -- A convivencia nunca é doada en ningún sitio. Como se leva ter rapaces de tantos sitios distintos?

Pablo C. Confésome sempre moi fan dos “grupos”. O fútbol é un deporte de equipo e iso tamén é no vestiario. Alí nace todo, e no campo vese reflexado. Éstes anos xa somos vellos coñecidos e fai que todo sexa máis fácil. Cando chegan aquí non miran de onde son. Pertencen todos ao Dumbría.

Nando A. No noso caso a convivencia é moi doada xa que os rapaces queren estar aquí disfrutando de poder competir contra xogadores de calidade e aprendendo a ser mellores cada día. Iso fai que poñan moito da súa parte para seguir disfrutando desta experiencia, esforzándose en cada adestramento.

-- Cal é a meta real á que aspirades cos vosos equipos?

Pablo C. Aquí sempre direi o mesmo. A seguir traballando, aprendendo e facer os máximos puntos posibles.

Nando A. Que os rapaces aprendan todo o posible, que axudemos a que se formen tanto a nivel deportivo como persoal. Hai un gran esforzo por parte do clube, comezando polo presidente, Cesar Ferrío ó que hai que engadir o traballo de Manolo, Serguei, Elena e moitos máis que fan que os rapaces teñan todo o necesario para desenvolverse da mellor maneira posible. E na parte deportiva na categoría cadete este ano temos a sorte de poder contar con Samuel (Canario) que está a preparar ós rapaces no día a día, coa axuda de Julio Vila e Lucas. Estase a notar tamén a preparación física do ano pasado levada a cabo por Dani e Damián de Dafit. É importante tamén o traballo de Huelvis cos infantís e Pablo cos xuvenís para que os rapaces sintan que hai una continuidade según avanzan nas distintas categorías dentro do clube. Todo isto baixo a coordinación de Oscar Leis. Todas estas persoas axudan a que o equipo cadete poida ir pouco a pouco aspirando a una meta máis alta.

-- Xogades en categorías que xa arrastran moito público aos partidos. Responde a afección do Conco neste sentido?

Pablo C. Este ano estáme parecendo que a afluencia vai a máis. Non sei a qué se debe, pero que siga así. Eu só lle pido respecto a todos.

Nando A. Sempre estamos arroupados pola afección. Nótase que os equipos que veñen a xogar a Dumbría atraen a xente da comarca. E que teñamos a rapaces de tantos pobos xogando con nós fai que veña moita xente a velos tamén.
NANDO en uno de sus Encuentros
-- Soñade en alto: ónde vedes os vosos equipos de aquí a xuño que remate a tempada?

Pablo C. A salvación é o obxetivo. Se ao final somos capaces de conseguila e os xogadores disfrutaron da tempada e do fútbol doume por satisfeito.

Nando A. Onde nos leve o esforzo dos rapaces. Está claro que é importante como mínimo manter a categoría para que os nenos que veñen detrás poidan disfrutar desta experiencia. Que os rapaces disfruten no camiño e aprendan todo o posible.