miércoles, 17 de octubre de 2018

EN ORSAY: A Entrevista da Semana con IAGO LEMA (Unión Deportiva CORCUBIÓN)


"NUNCA ME INTERESOU SABER SE ME PAGABAN NOUTROS CLUBES, PORQUE NUNCA PENSEI EN DEIXAR O CORCUBIÓN".
IAGO LEMA 
O Cubaleiro non é Lezama, pero de selo quizais Iago Lema (Corcubión, 23 - 7- 1993) poderíase chamar Julen e apelidarse Guerrero, porque ao igual que o león vasco, el sempre fai oídos xordos ós cantos de serea que cada tempada rondan o vestiario do Corcubión, o clube non só da súa vila, tamén do seu corazón e ao que segue fiel para desesperación da veciñanza que sospira con incorporalo ás súas filas. Estudante de Dereito, é posible que sexa pola toga a única maneira de velo vestido doutra cor que non sexa a branquiazul, que enfunda no seu corpo dende a tenra categoría Cadete, e que non contempla abandoar por máis que os avatares da clasificación ou das ausencias sexan un escollo ás veces duro de superar. Iago Lema é a exquisitez feita fútbol. Terciopelo sobre ese céspede golpeado polo vendaval, por ese vento que non deixa nada en pé cando sopra sen piedade nun campo que Iago coñece de memoria, milimetrado cada curruncho dende o que soltar a pelota e deixar que metela pola escadra ou alí onde é imposible que ningún porteiro chegue sexa algo natural, sinxelo, cotidián...pero que os demais sabemos que é só algo ao alcance dos mellores. Capitán das esperanzas dun clube que anhela voltar á Liga que por historia e honra debe pertencerlle, Iago Lema agarda que ese momento chegue coa ilusión intacta. E coa calidade e categoría que o definen coma un dos xogadores da Costa que só colleita admiración de propios e rivais por onde pasa. Poucos poden amosar esas CREDENCIAIS. Deixámosvos con el. Coa venia, señorías.
Como afrontas esta tempada despois dos non moi favorables primeiros resultados?

Sinceramente, con confianza, coñezo ós nosos xogadores, sei o nivel que podemos chegar a dar e non creo que os primeiros partidos marquen o que pode acadarse, se ben é certo, que é importante comezar a sentirnos cómodos co xogo e obter algunha vitoria pronto, pois creo que a moral e a tendencia que ten un equipo inflúe moito na actuación e nos resultados dos demáis partidos.

Aínda ves factible loitar polo ascenso?

É certo que quizáis loitar polos postos de ascenso directo é unha meta moi difícil. Pero aínda queda case toda a Liga e a verdade é que eu sempre confío e creo posible que o equipo acade unha plaza no playoff de ascenso, e de chear aí véxonos con posibilidades de gañar as eliminatorias e obter o ascenso. Coa xente que temos é factible, só temos que xogar como nalgunhas fases de partido demostramos que sabemos facer e manter a concentración ó longo do partido para non cometer pequenos erros que pódennos custar os partidos.

O Corcubión tivo varias baixas de xogadores que levaban tempo no clube. É difícil manter a ilusión dos xogadores nunha categoría como a Terceira?
É certo que perdemos algúns xogadores de uns anos para aquí e moitos de gran importancia para o equipo, pero tamén fomos incorporando xente que xoga moi ben a pesar de ser máis novos. En canto a ilusión, é certo que, ás veces cando comeza a faltar xente a adestrar e os resultados non acompañan, pérdese un pouco, pero non creo que nisto afecte a categoría na que xogamos, e no meu caso é fácil recuperala polo bo ambiente que temos no equipo e porque ó final o que busco é pasalo ben xogando ó fútbol cos meus amigos e iso téño aquí.
Na tempada 2017-2018
Eres un xogador con ofertas cada tempada, pero ningunha fixo aínda que aceptaras. Que motivaría que te decidises por algunha delas?
Chámame moito saber o nivel que podería chegar a dar en categorías nas que nunca xoguei e aceptar retos máis esixentes. Pero realmente o que motivaría que fose para outro equipo sería o xogar con algunhas persoas coas que me levo moi ben doutros clubes e cos que nunca tiven ocasión de xogar.

Unha categoría que che gustaría desputar, se poideses elixir.
Obviamente se poidese elixir, aínda que é imposible, encantaríame probar o que é o fútbol a nivel profesional, a esixencia que ten dende os adestramentos ata os partidos. Pero a un nivel máis baixo non me chama o fútbol nada máis que para desfrutar con el, aínda que por suposto tamén gústame competir.

Algunha das ofertas que recibes seguramente conlevarán remuneración económica. Que fai que sexa máis importante para ti permanecer no Corcubión que aceptar algunha delas?
Realmente nunca cheguei a preguntar esas cousas, imaxineime que nalgunha poderíanme ofrecer algo de diñeiro o mes porque é algo habitual neses clubes, pero nunca cheguei a preguntar se me pagaban, porque non pensei en deixar o Corcubión, a razón é que é o clube no que levo toda a vida, é a miña casa e o equipo da miña vila. E o máis importante é que un sitio onde pode desfrutar do fútbol xogando cos meus amigos.

Eres un xogador que se caracteriza pola deportividade e a elegancia dentro do campo, pero hai situacións nas que custará manter a cabeza fría. Tiveste que sufrir algunha expulsión?
Sempre hai situacións no partido nos que a cabeza quéntase un pouco, pero normalmente contrólome bastante rápido. En todos os anos que levo xogando ó fútbol só me expulsaron unha vez cando era Cadete e foi porque deume o balón na man cando ía entrar na portería, e aínda que foi involuntario o árbitro expulsóume, pero nunca máis tiven que perderme un partido por sanción, nin sequera por acumulación de tarxetas. 
Iago Lema na Tempada 17-18 fronte o Castriz
Algúns xogadores cos que estarías encantado de compartir vestiario.
Hai moitos xogadores da Costa cos que me encantaría. Pero cos que máis ganas tería de compartir vestiario é con algúns xogadores cos que me levo especialmente ben e ademáis moitos son moi bos xogadores, de feito a moitos intenteinos convencer de que viñesen a xogar a Corcubión e eles de que fose a xogar con eles, pero de momento resístense a fichar e eu non teño pensado cambiar tampouco.

Corcubión é unha canteira moi poblada de xogadores de calidade espallados por outros clubes. Ónde podería estar o equipo se a maioría fixesen coma ti e xogasen na casa?
Esta pregunta ás veces debatímola entre nós, porque de Corcubión hai xogadores realmente bos. Eu creo que se tódolos de Corcubión que están en equipos de fóra e todos os que deixaron de xogar por distintos motivos xogasen en Corcubión, o equipo podería xogar en Primeira Rexional perfectamente.

Un desexo a nivel deportivo que aspiras a ver cumprido.
Un desexo sería poder xuntar a ese equipo de Corcubión, porque ademáis somos xente que levámonos moi ben e penso que poderiamos pasalo moi ben xogando, pero moitos dos xogadores nos que penso é practicamente imposible que volvan a xogar ou que volvan o Corcubión.

Pero un desexo real sería ascender co Corcubión e conseguir loitar de verdade en Segunda e asentarnos na Liga da Costa. 
Iago Lema con Nakata do Castriz na tempada 17-18


miércoles, 10 de octubre de 2018

En ORSAY: A Entrevista da semana con ELOY VILLAR (CORME CF)

"NON ME VEXO DEFENDENDO OUTRA ELÁSTICA QUE NON SEXA A AZUL DO CORME"

Eloy en un encuentro del año pasado frente al Baiñas

Pese á esixencia dunha Liga tan competitiva coma a da Costa, son moitos os equipos que contan nas súas filas con xogadores cada vez máis novos das súas canteiras, rebosantes de talento e xuventude que lles permite xogar máis dun partido na fin de semana. Eloy Villar Neira (Buño, 24-03-2000), é unha desas perlas que, recén estreada a maioría de idade, xa sabe o que é gañar títulos e desputar finais co seu equipo non de nacemento, pero sí de corazón e ao que leva entregado unha chea de tempadas. Polo seu sangue corre o azul do Corme, unha casa na que atopou. ademais de afecto e oportunidades, unhas xeracións de talentos coma o seu, que os fan temidos en todas as categorías e sempre candidatos a títulos e ascensos. Eloy, aínda en etapa xuvenil, enfronta este ano coma os anteriores: aspirando a todo nas dúas categorías que desputa. Non hai máis que ver a súa paixón e dedicación, para saber que é moi posible que acade canto se propoña.



No encontro fronte o Cee esta temporada

-Como se leva ser tan novo e, sen embargo, levar tantas tempadas xogando co equipo sénior?

A verdade é que se leva bastante ben, xa que a idade é un simple número e no vestiario somos todos xogadores e non miramos os anos que ten cada un. Dende o primeiro día adapteime moi ben ó equipo sénior, xa que somos como unha gran familia que segue unha única dirección como é disfrutar xogando o fútbol e se se pode gañar, mellor que perder ou empatar.

-Ónde te atopas máis a gusto, coa túa categoría ou co equipo de maiores?

. Síntome igual de cómodo nas dúas categorías, ainda que para ser sincero no equipo sénior non podes baixar a intensidade durante todos os partidos, xa que é unha Liga moi competitiva mentres que na categoría xuvenil hai algúns partidos moito mais sinxelos nos que podes xogar a unha intensidade máis baixa.


-A Liga da Costa é unha competición longa e dura e comezaste nela cando só eras Cadete. Foiche difícil adaptarte?.
O meu debut no equipo sénior foi sendo Cadete de primeiro ano en Primeira Autonómica, mantendo a categoría ese ano e xogando a final da Copa da Costa. O ano seguinte descendemos e na Liga da Costa debutei sendo Xuvenil de primeiro, polo que a adaptación a Liga da Costa foi doada, xa que levaba dous anos xogando no equipo sénior nunha categoría superior, na que aprendes. Ainda que debutara na Liga da Costa non me costaría tampouco moito adaptarme porque sempre fun un xogador que nunca tivo medo a meter o pé nin a que foran mais grandes tanto en idade como en altura.


-Que supoñía para ti xogar os sábados contra rapaces da túa idade e despois, os domingos, contra homes que che dobraban a idade?

Simplemente son partidos de fútbol nos que se enfrontan dous equipos sen importar a categoría. Como dixen anteriormente, a idade é un número e nunca me importou meter o pé contra un rapaz da miña edad ou contra unha persoa que me dobrara en anos. Polo que non me supoñía nada en especial. Únicamente cansanzo, xa que cheguei a xogar sábado pola mañán, sábado pola tarde e domingo pola tarde nun mesmo fin de semana.




-Estudas un ciclo superior relacionado co ámbito deportivo. Entra nos teus plans adestrar nun futuro?

O meu plan para o futuro non é adestrar, senón seguir coa carreira de INEF para ser profesor. Ainda que non descarto adestrar, nun futuro, categorías inferiores de fútbol ou traballar como monitor en un ximnasio. Conforme están as cousas, non se pode descartar nada.


- Custa compaxinar estudos e Liga?.
Non soe ser complicado compaxinar as dúas cousas, xa que é cuestión de organizarse, porque se se quere, hai tempo para estudar e sobre todo para adestrar e xogar.


-O Corme é un equipo que se nega a ascender de categoría por motivos de desprazamentos. Non aspiras a xogar noutra Liga nalgún momento?.
Sendo sinceiro, si que aspiro a xogar noutra Liga, pero sempre e cando sexa defendendo esta camisola. Non son de Corme, pero estes 6 anos que levo no clube, tanto os adestradores que tiven, todos os directivos, todos os compañeiros e sobre todo a xente do pobo, fanme sentir como se nacese aquí. Asi que, a día de hoxe, non me vexo defendendo outra elástica que non sexa a azul do Corme.

-Un recordo moi feliz para ti nun campo de fútbol

Recordos felices dentro do campo teño varios, como pode ser esta última final Xuvenil, que conseguimos levarnos a vitoria e sobre todo, compartila con dous xogadores cos que levo compartindo fútbol e amizade dende os 7 anos, como son Aitor e Samu. Ainda que por encima de todos estes, o recordo máis feliz que tiven dentro dun terreo de xogo, ata o momento, foi xogar a final da Copa da Costa, pese a non ser feliz de todo xa que a perdemos 1.0 contra o Xallas. Pero ese día non o esquece un na vida.



-Que supón para os xogadores ter afeccións tan entregadas e participativas coma é a vosa

A afección en Corme está un nivel por enriba do equipo, e iso que o equipo non é nada malo! Pero a afección, é espectacular. A xente en Corme sube todos os días da fin de semana ao Cairo para ver todas as categorías, da igual que sexan Benxamíns coma Veteranos. Eles sempre empurran ao equipo cos seus ánimos que nos axudan a sacudirnos o cansanzo, ata o punto de que son eles os que gañan moitos partidos. É de agradecer a todas as persoas que van detrás do equipo alá onde as diferentes categorías do Corme xoguen. Para min, a mellor afección de toda a Costa.

-Os teus favoritos para levarse este ano o campionato. E tamén un desexo que che gustaría ver cumprido esta tempada.
Non coñezo moito todas as plantillas pero creo que este ano, o nivel vai estar tan ou máis igualado que o ano pasado. En canto á favoritos para o título de Liga, penso que Mazaricos, Muxía, Baíñas e Ponteceso van estar arriba loitando ata o final. En canto a nós, o obxectivo é desfrutar e facer desfrutar a toda a nosa xente. Está claro que queremos e imos loitar por estar canto máis arriba mellor, pero non marcamos o fracaso en non gañar a Liga.

miércoles, 3 de octubre de 2018

En ORSAY: Entrevista da Semana con ALVARO DOMINGUEZ (Presidente Ponteceso)


"SORPRENDE A CAPACIDADE QUE TEN A XENTE DE ESIXIR MÁIS NO CAMPO QUE NAS SÚAS VIDAS".
Alvaro Dominguez no seu inicio como Presidente do Ponteceso
Será moi pouca a xente que dun tempo a esta parte, non escoite algunha vez ao día a palabra "emprendedor", pero se ademais queremos poñerlle cara temos un claro exemplo en Álvaro Domínguez Loureiro (Ponteceso, 28- 11- 1997), que aos seus vinte anos vén de ser o presidente máis novo que se lembre nun equipo de fútbol, e que tamén preside a Comisión de Festas nese afán seu de que na súa vila natal non falte de nada. Unha vocación de servizo aos demais que leva nos xenes, herdada dos seus pais e que para el é innata. Fóra do puramente altruista, dono de COSTACX, a empresa que xestiona a unha idade na que o normal é ir botando currículums, non mirando os que chegan ao seu despacho. Atípicos vinte anos, mostra palpable de que a mocidade é unha fonte de esperanza e de ilusión inesgotable. Álvaro ten claro que o mellor que pode facer por el mesmo, empeza por facelo polos demais. E non hai día que non se aplique o conto.

- Para o fútbol, coma para o amor, non hai idade. Como se leva confraternizar cos presidentes dos equipos rivais que che dobran ou, quizais, triplican idade?. 

Aínda non tiven ocasión de lidiar con outros presidentes, non creo que haxa ningún inconvinte. O principal é manter o respecto.

- Tamén moitos dos xogadores irían contigo á escola. Coma é o trato con eles dende a directiva?.

Moi positivo. Coma dixen antes, habendo respecto entre as persoas non ten porque haber problema ningún. De darse o caso, simplemente hai que intensificar a comunicación.

- Os nenos de pequenos soñan con marcar goles ou, todo máis, paralos. Ti soñabas con mandar, organizar, dirixir...?.
Soñaba con facer o posible para que as cousas non desaparezan. Cada vez o meu tempo é máis reducido, e temo non poder adicarlle todo canto quero ao pobo, porque é algo que me inculcaron dende pequeno e que sigo perseguindo. En todas as organizacións é importante ter unha finalidade común, e no Ponteceso iso existe.

- Sen ser un grande afeccionado ao fútbol até o de agora, xa sabes o que é sufrir nos partidos?.

Son consciente das diferenzas entre traballar en equipo e individualmente dentro do campo. Cando se fai de xeito individual, o equipo sofre. Ao final, hai que ser realistas coas posibilidades que temos.

-Fai falla man esquerda para lidiar cos problemas ou queixas de afeccionados, corpo técnico e xogadores dun clube. Xa tiveste que poñela a proba?.
Non, non creo na man dura. Os problemas fálanse e, sobre todo, hai que ser conscientes do que está na man de un e o que non. Deste xeito, non terás que perder o tempo en algo que non podes manexar.
Na ultima reunión da Copa da Costa 2017
-Algo que te sorprendera de vivir o fútbol por dentro.

A capacidade que teñen as persoas de esixir máis no campo e aos xogadores que nas súas vidas.

-Eres afeccionado á pesca. Pasar do silenzo das profundidades ao estruendoso clamor de O Pinguel en día de partido, debe ser unha situación cando menos, curiosa. Cal prefires?.

Son situacións completamente diferentes. Estar cos afeccionados do Ponteceso é bonito e adictivo.

-Estás preparado para o ascenso, de darse o caso?. Ata ónde che gustaría ver chegar ó Ponteceso?.
Agora mesmo non é algo que teñamos en mente. Este primeiro ano temos que asentar o equipo e, de acontecer o ascenso, teriamos que valorar a situación.

-Sodes un clube con categorías de Base, que acarrean moito traballo. Tes moita axuda no teu equipo directivo?. Hai implicación dos pais e nais?.

O equipo directivo...que faría sen el!. Crer na Base é o máis bonito que hai; ves cambios continuamente e non só a nivel futbolístico. Cremos que son máis importantes outros deberes da vida e é o que transmitimos a adestradores/educadores. Por parte de pais e nais, temos moi bos grupos.

-Estás satisfeito do paso dado?.

Sí, finalmente é expoñerse a algo completamente descoñecido. Sempre fun curioso.

-Un desexo que quererías ver cumprido esta tempada.

Sacar grandes aprendizaxes. Tanto xogadores coma directiva. E avanzar nos problemas que hai en toda organización con tantas persoas implicadas.


miércoles, 26 de septiembre de 2018

EN ORSAY: A Entrevista da semana con ESTRELLA

"NUNCA VOU SER PRESIDENTE DO FISTERRA"

Un Tipo sen Fronteiras
Jesús María Canosa Trillo, "Estrella" para todo aquel que o trate e coñeza, amence ó mundo un 17 de xaneiro de 1988 en Fisterra, unha vila que sen dúbida marca o carácter de todos os seus habitantes, mergullados dende ben novos nas lendas da fin do mundo e abertos a canto visitante se achegue. Este talante hospitalario e afectuoso está gravado a fogo en Estrella, bandeira e distintivo recoñecible da súa personalidade, quizais a clave de que sexa unha das persoas máis queridas e admiradas polo pobo fisterrán. Activo en case todo canto se organice a nivel social e deportivo, membro fundador dos xa míticos Rapacollón´s Big Band e esta tempada, dando o salto ao banco de adestradores coma segundo de Ángel López, e coa ambición de chegar a ser algún día o primeiro. Non o descarten....todos sabemos que hai quen nace con auténtica "Estrella".
 
No seu debut en Primeira como segundo de abordo
Sendo un dos seareiros máis representativos do Fisterra, como se leva o de mudar a bancada polo banco?.
Lévoo moi ben, posto que estou a facer o que máis me ilusiona dende neno. Hoxe estou de segundo adestrador pero sei que algún dia serei o primeiro.

- Como estás a vivir esa experiencia...é positiva ou xa tiveste tempo de arrepentirte?

Moi positiva. A verdade é que aínda é pronto para dicir algo negativo, pero si o grupo sigue como ata agora sera un gustazo adestrar este equipo.
UN SIAREIRO MAIS
- O partido debe verse moi distinto como afeccionado que como adestrador.

Moi distinto....a responsabilidade é diferente. E

as criticas como adestrador son maiores (risas).


- Sintes morriña cada vez que escoitas a batukada e as cancións das que antes participabas activamente?.
A verdade é que si. Tocar nesa bancada é moi especial para min.
Imaxen da Final da Copa da Costa (Fisterra 1 - Dumbria 0)
- Un momento especial e inesquecible que viviras nun campo de fútbol.

O 25 de xuño de 2017. Centenariazo!. DÍa que lembrarei toda a miña vida. Escribo isto e aínda me emociono...
Noutra das suas novas experiencias (A BATUCADA)
Coma é o trato cos xogadores dende o teu novo posto?.

O trato é exemplar. Son unha persoa doada de levar e será difícil ter algún problema comigo. Aínda que no campo de fútbol transfórmome!.

Onde se viven máis nervios...arriba ou a pé de campo?.

A pé de campo. Estás toda a semana preparando algo que queres que funcione e os nervios son diferentes.


- Estás preparado para as críticas, en caso de habelas?. Fisterra é unha vila esixente co seu equipo.

Moi preparado. Sempre hai xente que quere que fracases. Son os típicos que si fas algo grande na tempada será polo equipazo que tes, pero si salen mal as cousas o problema é dos adestradores.

Cos Rapacollon´s Big Band
- Despois do salto ao banquillo, veste como presidente do Fisterra algún día?. 

NUNCA!. Non estou preparado para iso nin tampouco quero. Si antes eras querido por 1000 persoas do pobo, cando es presidente quérenche 200.

- Valóranos este arranque de competición do Fisterra....era o agardado?.

Era o agardado. O equipo estase a facer e sei que imos ir de menos a máis.

- Que metas se plantexa o equipo?.
Pelexar por estar o máis arriba posible, pero sin obsesionarse xa que é o primeiro ano deste bonito proxecto.

-Se o Fisterra consigue Liga, Copa ou ambas esta tempada...a quen adicarías o título?.

Eu o título sempre llo adicarei á afección xa que sin eles o Fisterra sería o 50% do que é.
Fisterra da 2017-2018 con ESTRELLA na Grada animando a o son do Tambor
-Soña en alto e pide un desexo que quixeras ver cumprido para ti e o teu equipo.

Facer equipo sempre foi un soño que quixen para a SD. No momento que sexamos equipo en tódolos aspectos da vida, teremos moitos éxitos!.
Con LOLO un dos compoñentes da Rapacollon´s Big Band

Con TOLO (Novo Director Deportivo do Fisterra)

Con CINTY e Rodrigo tras quedar Campeons de Copa

Con BEBETO e SANTI ca Copa da Costa


miércoles, 19 de septiembre de 2018

En ORSAY: Entrevista da semana con ANTIA REY (AS MIUDAS)

" O primeiro que proporía sería unha educación feminista cara os deportes".
Antía en uno de los encuentros de la temporada pasada

Antía Rey Abeijón (21-01-2001, Esteiro), teno así de claro. Sabe o que é ser mulller e competir nun mundo tan masculinizado coma o fútbol, onde a atención mediática, as remuneracións económicas ou algo tan básico coma adestramentos ou desprazamentos distan un abismo entre ambos xéneros. O que perde é o feminino, por suposto. Capitana de As Miúdas, polivalente no campo e todo carácter, vén de estrear a súa segunda tempada en fútbol herba cunha rotunda vitoria. Estudante de 2º de Bacharelato, sabe o que quere e non perde o tempo noutra cousa que non sexa ir na súa procura. Mentres, vive con paixón cada encontro e non desfalece en tentar que todo sexa un día non moi lonxano máis igualitario. Antía non só capitanea un equipo de fútbol de mozas...tamén manexa o timón dunha exquisita madurez. Amósao con absoluta rotundidade nas respostas as nosas preguntas.

 - Agardabas unha campaña tan boa como a da tempada pasada?

 Pois non sei a verdade, sabíamos que tiñamos moi bo equipo, formado con xente con experiencia e outra que empezaba dende cero. Era o noso primeiro ano, tanto federadas como xogando en campo, así que non tiñamos nin idea de como ía estar o nivel no noso grupo. Ao principio do proxecto a xente dudaba de nós, sen embargo cada fin de semana, en cada partido demostrábamos o que realmente valíamos e empezamos a gañarnos a confianza da xente. O que nos garantizou unha campaña como a pasada foi a piña que fixemos, o equipo era como unha familia, o ambiente que había, as actividades que organizábamos xuntas... Nós en ningún momento nos propuxemos "gañar", era o noso primeiro ano e o único que queríamos era disfrutar do bo fútbol. Nunca dudei das miñas compañeiras, e moito menos de Fran e Fernando que fixeron un traballo inmenso ao longo da temporada.  

- Cres que tedes equipo para igualala ou, aínda mellor, superala?.

Este ano temos moi bo equipo, xa que as que o ano pasado empezaban dende cero, este ano contan con un pouco máis de experiencia, despois tamén fixemos unhas fichaxes incribles; a intensidade e o regate de Noelia, Silvia en defensa, o toque de Sandra, a velocidade de Ainoa e a tranquilidade que da María na acción de xogo aportan moitísimo no campo e ao equipo. Creo que co equipo que temos podemos igualar a tempada anterior, incluso superala, pero non podemos desconcentrarnos, tras o gran traballo que fixemos en pretempada, non podemos facer que fora en vano. Vai estar moi interesante este ano, a ver o que nos depara.  
Todo pundonor
-O fútbol feminino vai gañando terreo en afeccionados e atención mediática. Que proporías para darlle máis visualización e que cobrase a relevancia que merece?.

O primeiro que proporía sería unha educación feminista cara os deportes. Por que o baile ten que ser para as mulleres e o fútbol para os homes? Dende moi pequenas inténtasenos educar con estes roles de xénero, e a xente que os rompe é moi criticada e ata desprezada, e falo por experiencia propia. Levo xogando ao fútbol dende moi pequena e sempre recibía apodos ou comentarios como "macholiño"ou "Antía é un "homiño máis", só porque me guste xogar ao fútbol, xa son un "macholiño"? Alégrome moito de que estes comentarios non me influíran no meu camiño, xa que grazas a nós, ás nenas que se animan a xogar, estanse empezando a romper estes estereotipos, por alguén ten que empezar o cambio. Despois propoñería máis atención mediática, que se retrasmitiran máis partidos na televisión, que os equipos estén patrocinados por grandes marcas e sobretodo o mesmo orzamento que o fútbol masculino, aínda que non estou a favor da gran cantidade de cartos que move a estes.  

. Eres das que ten algún ritual antes de saltar ao campo?.

Pois a verdade é que non teño ningún ritual, pero quen sabe, ao mellor nun futuro... 

- Ser capitana é unha gran responsabilidade. É algo que ás veces pesa?.

Como ben dis, é unha gran responsabilidade. Ser capitana é ter a voz no campo e fóra del. Encargarse de animar ao equipo, de facerlle saber os erros e intentar axudar no máximo posible a correxilos e tamén felicitar as boas accións. A mín cando as miñas compañeiras me elixiron capitana non sabía o que conlevaba, pero co paso dos entrenos e partidos, cos erros que cometín a tempada pasada, e pódoche asegurar que foron moitos.  Aprendín o que é ser capitana realmente, o valor que ten. Aínda a día de hoxe sigo tomando decisións erróneas, pero a partir delas sempre aprendo algo novo. E que leve un cacho de tela no brazo esquerdo non me fai superior a ninguén, o meu voto é igual que a do resto de compañeiras e elas tamén me corrixen. Aprendo con e de elas. 
Saber estar
- Compaxinar estudos e adestramentos...como se leva?.

Cando cursaba a ESO só xogaba futbol sala e era moi fácil coordinar ambos. Pero o ano pasado, empezaba 1º de BACH e decidín apuntarme tamén a fútbol campo. Ao principio levabao bastante ben, pero cando empezou a temporada de exames, tiven que empezar a saltar entrenos, xa que me considero unha persoa que estuda con anterioridade e que se intenta organizar para ter o fin de semana sen agobio, xa que sábados a tarde xogaba futsal e domingos dependendo de se o partido era fora ou na casa,pola maña ou pola tarde xogaba fútbol campo; e aínda así moitas veces levaba os apuntes nas viaxes. Dábaseme moi mal saltar os entrenos, xa que estar nun equipo o esencial é o compromiso que aportas, pero prefería saltarme un entreno, a non ir ao partido ese fin de semana. Este ano curso 2º de BACH e sigo co mesmo plan, futbol sala, os sábados e fútbol campo, os domingos. Vexo complicado que vaia a todos os entrenos, pero intentarei organizarme e ir a todos! 

- Veste xogando noutro equipo?. Quizais nalgún profesionalizado onde o fútbol se convirta no teu medio de vida?.

Creo que chegar a vivir do fútbol sería un soño para min, pero véxoo bastante complicado. Quédame moito por medrar e madurar, aparte os estudos que estou a realizar impidenme moverme a grandes distancias, pero quen sabe, ao mellor nun futuro... Ainda que se sigo estudando cerca véxome máis anos nas Miúdas, pero tampouco tomaría unha decisión que me impida medrar.

-Cando les as cifras das fichaxes e soldos que se moven no fútbol masculino, que sintes?. 
IMPOTENCIA. Como ben dixen antes non me gusta nada a cantidade de cartos que move o fútbol masculino, paréceme unha estafa. Como un xogador pode valer 100 millóns de euros? Parécenme que ensucian o fútbol que nos gusta. Aparte de que eses cartos podían ter mellor utilidade, como por exemplo axudar ao que os necesitan. E os soldos que teñen son unha barbaridade. Paréceme moi inxusto que un futbolista cobre máis que un médico, que non lle quito méritos ao traballo diario que realiza o deportista, senon que a suma de diñeiro que gana é un disparate. Totalmente en contra do sistema futbolístico actual.
Elegancia
-Tes moito seareiro na túa familia?.

Bueno, a miña familia gústalle moito que faga deporte, pero non teñen especial afán polo fútbol. Meu pai é o que máis segue o fútbol, pero tampouco é que sexa moi fan. A miña familia venme ver a todos os partidos que xogo na casa.  

-Un desexo a nivel deportivo e outro a nivel persoal, que che gustaría cumprir.

Pois un desexo a nivel deportivo que me gustaría cumprir sería xogar no Deportivo, en nacional, non hai cousa que máis me gustaría que defender ao que foi o meu equipo dende pequeniña, e a nivel persoal pois sacar a miña carreira universitaria tendo a oportunidade de seguir disfrutando do fútbol e retirarme moi vella disto.


LA CAPITANA