Eloy en un encuentro del año pasado frente al Baiñas
Pese á esixencia dunha Liga tan competitiva coma a da Costa, son moitos os equipos que contan nas súas filas con xogadores cada vez máis novos das súas canteiras, rebosantes de talento e xuventude que lles permite xogar máis dun partido na fin de semana. Eloy Villar Neira (Buño, 24-03-2000), é unha desas perlas que, recén estreada a maioría de idade, xa sabe o que é gañar títulos e desputar finais co seu equipo non de nacemento, pero sí de corazón e ao que leva entregado unha chea de tempadas. Polo seu sangue corre o azul do Corme, unha casa na que atopou. ademais de afecto e oportunidades, unhas xeracións de talentos coma o seu, que os fan temidos en todas as categorías e sempre candidatos a títulos e ascensos. Eloy, aínda en etapa xuvenil, enfronta este ano coma os anteriores: aspirando a todo nas dúas categorías que desputa. Non hai máis que ver a súa paixón e dedicación, para saber que é moi posible que acade canto se propoña.

No encontro fronte o Cee esta temporada
-Como se leva ser tan novo e, sen embargo, levar tantas tempadas xogando co equipo sénior?
A verdade é que se leva bastante ben, xa que a idade é un simple número e no vestiario somos todos xogadores e non miramos os anos que ten cada un. Dende o primeiro día adapteime moi ben ó equipo sénior, xa que somos como unha gran familia que segue unha única dirección como é disfrutar xogando o fútbol e se se pode gañar, mellor que perder ou empatar.
-Ónde te atopas máis a gusto, coa túa categoría ou co equipo de maiores?
. Síntome igual de cómodo nas dúas categorías, ainda que para ser sincero no equipo sénior non podes baixar a intensidade durante todos os partidos, xa que é unha Liga moi competitiva mentres que na categoría xuvenil hai algúns partidos moito mais sinxelos nos que podes xogar a unha intensidade máis baixa.
-A Liga da Costa é unha competición longa e dura e comezaste nela cando só eras Cadete. Foiche difícil adaptarte?.
O meu debut no equipo sénior foi sendo Cadete de primeiro ano en Primeira Autonómica, mantendo a categoría ese ano e xogando a final da Copa da Costa. O ano seguinte descendemos e na Liga da Costa debutei sendo Xuvenil de primeiro, polo que a adaptación a Liga da Costa foi doada, xa que levaba dous anos xogando no equipo sénior nunha categoría superior, na que aprendes. Ainda que debutara na Liga da Costa non me costaría tampouco moito adaptarme porque sempre fun un xogador que nunca tivo medo a meter o pé nin a que foran mais grandes tanto en idade como en altura.
-Que supoñía para ti xogar os sábados contra rapaces da túa idade e despois, os domingos, contra homes que che dobraban a idade?
Simplemente son partidos de fútbol nos que se enfrontan dous equipos sen importar a categoría. Como dixen anteriormente, a idade é un número e nunca me importou meter o pé contra un rapaz da miña edad ou contra unha persoa que me dobrara en anos. Polo que non me supoñía nada en especial. Únicamente cansanzo, xa que cheguei a xogar sábado pola mañán, sábado pola tarde e domingo pola tarde nun mesmo fin de semana.

-Estudas un ciclo superior relacionado co ámbito deportivo. Entra nos teus plans adestrar nun futuro?
O meu plan para o futuro non é adestrar, senón seguir coa carreira de INEF para ser profesor. Ainda que non descarto adestrar, nun futuro, categorías inferiores de fútbol ou traballar como monitor en un ximnasio. Conforme están as cousas, non se pode descartar nada.
- Custa compaxinar estudos e Liga?.
Non soe ser complicado compaxinar as dúas cousas, xa que é cuestión de organizarse, porque se se quere, hai tempo para estudar e sobre todo para adestrar e xogar.
-O Corme é un equipo que se nega a ascender de categoría por motivos de desprazamentos. Non aspiras a xogar noutra Liga nalgún momento?.
Sendo sinceiro, si que aspiro a xogar noutra Liga, pero sempre e cando sexa defendendo esta camisola. Non son de Corme, pero estes 6 anos que levo no clube, tanto os adestradores que tiven, todos os directivos, todos os compañeiros e sobre todo a xente do pobo, fanme sentir como se nacese aquí. Asi que, a día de hoxe, non me vexo defendendo outra elástica que non sexa a azul do Corme.
-Un recordo moi feliz para ti nun campo de fútbol
Recordos felices dentro do campo teño varios, como pode ser esta última final Xuvenil, que conseguimos levarnos a vitoria e sobre todo, compartila con dous xogadores cos que levo compartindo fútbol e amizade dende os 7 anos, como son Aitor e Samu. Ainda que por encima de todos estes, o recordo máis feliz que tiven dentro dun terreo de xogo, ata o momento, foi xogar a final da Copa da Costa, pese a non ser feliz de todo xa que a perdemos 1.0 contra o Xallas. Pero ese día non o esquece un na vida.

-Que supón para os xogadores ter afeccións tan entregadas e participativas coma é a vosa
A afección en Corme está un nivel por enriba do equipo, e iso que o equipo non é nada malo! Pero a afección, é espectacular. A xente en Corme sube todos os días da fin de semana ao Cairo para ver todas as categorías, da igual que sexan Benxamíns coma Veteranos. Eles sempre empurran ao equipo cos seus ánimos que nos axudan a sacudirnos o cansanzo, ata o punto de que son eles os que gañan moitos partidos. É de agradecer a todas as persoas que van detrás do equipo alá onde as diferentes categorías do Corme xoguen. Para min, a mellor afección de toda a Costa.
-Os teus favoritos para levarse este ano o campionato. E tamén un desexo que che gustaría ver cumprido esta tempada.
Non coñezo moito todas as plantillas pero creo que este ano, o nivel vai estar tan ou máis igualado que o ano pasado. En canto á favoritos para o título de Liga, penso que Mazaricos, Muxía, Baíñas e Ponteceso van estar arriba loitando ata o final. En canto a nós, o obxectivo é desfrutar e facer desfrutar a toda a nosa xente. Está claro que queremos e imos loitar por estar canto máis arriba mellor, pero non marcamos o fracaso en non gañar a Liga.

No hay comentarios:
Publicar un comentario