domingo, 2 de agosto de 2020

A COSTA MÍTICA "CESAR DO CABO"




A COSTA MÍTICA

CESAR DO CABO

Folga incidir novamente na talentosa canteira fisterrana, no poderío futbolístico que alí nunca se cansa de nacer, de encher de figuras a toda unha contorna que se alimenta do froito que sae á vida no Ara Solis. Paulo César Sánchez Pérez "César do Cabo" era ese tipo de xogador deslumbrante que posuía todas as cualidades que un adestrador puidese desexar para formar nos seus equipos. Un fisterrán ao que o destino non quixo alumear no Brasil, pero que ben podería ter sido fillo de Bahía ou de Recife, un Rivaldo traballador incansable, imaxinativo e intelixente, de poderoso físico e innata elegancia. 


Dezaséis anos para os inicios na casa, nun equipo xuvenil que ao ano seguinte tivo que emigrar a Corcubión e de onde, rematada esa etapa, voltou ás raíces fisterranas, a despuntar e abraiar nun Fisterra co que colleitou a súa primeira Copa da Costa, e co que desputou outras dúas finais. Despois, agardaba o Ponteceso, dúas tempadas tamén coa cara e a cruz: unha nova Copa e tamén outra final sen premio. César xa era un dos xogadores máis destacados da Costa, codiciado e admirado a partes iguais, integrante posteriormente daquel Dumbría que chegou pisando forte, e co que erguía unha nova Copa da Costa, despois de quedar ás portas do campionato de Liga. Chamado a máis altas metas, o Negreira de Terceira División sería un novo fogar, un equipo no que era dos fixos e do que formaba parte cando os vermellos tocaron o ceo co ascenso a Segunda "B". Pero a parte doce sempre ten outra amarga, e fíxose presente nunha terrible lesión mentres militaba no Santa Comba, nun trascendente partido en Monforte onde estaba en xogo a permanencia na Terceira División. O peroné de César, nun choque fortuito cun rival, quixo abrirse paso na súa perna cara o exterior cando só ían dez minutos de partido, e a seguinte batalla libróuse no hospital, contra a dor e unha operación de urxencia. A recuperación, lenta e delicada, foi o prólogo da volta a un Dumbría que nunca deixara de añoralo. Goleador á altura dos mellores dianteiros, incómodo para defensores e temible para os habitantes dos tres paus, César do Cabo ocupa xa un lugar entre os míticos do noso Universo costeiro. Soubo gañalo.


2 comentarios:

  1. Gracias Jp, bonita palabras, moitas gracias. Xogar ó fútbol unha das mellores decisións da miña vida. Oxalá o Sd Fisterra faga un papelón nesta nova aventura na Terceira!!

    ResponderEliminar