A COSTA MITICA
MADRIÑAN
etapa de gloria do Cee non se entendería sen algúns dos máis emblemáticos xogadores da época, desas xeracións que derrocharon carisma e talento, convertindo ao clube en referente da Costa e en graneiro doutros equipos que se achegaron para tentar á calidade branquiazul, buscando denodadamente facerse cos servizos daqueles que medraran no calor da casa e, unha boa parte deles, baixo a batuta do adestrador Manolín. Madriñán é un deses expoñentes, xogador criado en Raíces pero codiciado por case todos, desexado por igual dentro e fóra do campo, engaiolante e seductor que vestía de curto coma outros de traxe e gravata.
Madriñán era un devorador de banda, un manual andante de estilo e clase, elegante de formas e veloz, tan intenso coma os suspiros que erguía na súa carreira de goleador innato. Un dos escollidos para aquela viaxe ás instalacións do Real Madrid, tenra xuventude que xa apuntaba maneiras de figura a destacar, e que despois retornou intermitentemente ao Cee natal, mentres despregaba cualidades no Compostela de Terceira División, pero tamén nun Sada onde era admirado e querido coma un auténtico ídolo. Lembrado coma un dos grandes azuis, parte indispensable dun vestiario no que reinaba a súa humildade e compañeirismo, campión de boa parte deses trofeos que enchen as vitrinas ceenses. Sobre o céspede, extremo dereito de quilates, de relumbrón cinéfilo para o que todo espectador quería sacar billete. Madriñán puxo o seu nome naquel fútbol que foi envexa aquí e tamén noutros lugares, que o transformaba nunha pasarela pola que desfilar a súa inagotable xenialidade. Se falamos del, aquelo de que calquera tempo pasado foi mellor...cobra absoluto sentido.
No hay comentarios:
Publicar un comentario