jueves, 18 de junio de 2020

ENTREVISTA CO DIRECTOR - COORDINADOR TÉCNICO DO Xallas F.C. B e XALLAS BASE

DORIÑO


Facerse cargo do organigrama dun clube tan potente coma o Xallas, non é tarefa doada, pero "Doriño" é capaz de artellar cada categoría e facer que a canteira verde continúe sendo unha das máis valoradas e competitivas da comarca. Nesta entrevista, amósanos as súas inquedanzas e obxectivos a nivel deportivo, pero tamén esas outras cousas que nos permiten coñecélo noutra faceta máis persoal que a que vemos nos terreos de xogo.

-Cal é o teu nome real? O meu nome real e Bruno Prego

-De ónde eres? Son dunha aldea de Santa Comba que se chama Bazar

-¿Cando naceches? Nacín o 18 de Marzo de 1988

- Tes algunha mania? Teño jajaj.. se se lle pode chamar manía.. Pois estou constantemente botandolle un pulso ao reloxo. Se quedo con alguen ou teño que facer algo a unha hora en concreto,teño que chegar antes da hora se non non estou tranquilo.

- Cal e o teu clube favorito e teu ídolo ou ídolos futbolísticos? O meu clube favorito e o Real Madrid. Como idolo CR7, polo que se sacrifica e sacrificou dia a dia por sempre estar entre os mellores.

- Que pensa a túa parella de todo isto do fútbol e que ti lle dediques tantas horas?
Pois a verdade e que sempre me esta apoyando continuamente e sobre todo co futbol. Ela fai que esto sea mais facil sobre todo por as horas que lle dedico a diario.

- Comida Favorita? A miña comida favorita... posmo dificil ahora que o penso jajjaaj. Son de bo dente pero un solomilliño con ensalada nunca lle diria que non.

- De ónde ben ese alcume de DORIÑO?
O alcume de Doriño ten a súa historia. xa que veu de meu pai que se chama Eliodoro (Doro). Foi un gran futbolista, moita xente que falas con ela da sua edade incluso din que ata foi mellor ca meu irman, co cal sempre temos debate na casa. De aí o nome de Doro pasou a meu irmán e eu como son o cativo da casa pois quedóume Doriño jaja


- Foches xogador moitos anos, en que clubes estiveches? Pois empecei con 11 anos nos cadetes do Xallas C.F . Daquela era a categoria mais pequena neste clube e seguin ata que acabei juveniles,daquela xa era o Santa Comba C.F. Logo fun para o S.D Castriz de ahi fun para a liga de Santiago, para o Rial C.F en concreto no que fun capitan varios anos e xogamos unha fase de ascenso a segunda e ganamos pero deronola por perdida por un erro na alineación. De ahi para o Dubra `b´ 2 temporadas nas que disfrutei moito. Despois volvin para o Castriz, logo o A.D.N donde conseguimos un ascenso que sempre recordarei. E esta temporada pasada pois estaba a tope de choio coa base do Xallas C.F e tamen sacando o Nivel 1 de adestrador e non tiña tempo de adestar polo que xoguei nos veteranos do Castriz no que sen querer,acabei maximo realizador do equipo.

- Tes algunha anécdota así a destacar? Anécdotas teño moitas jajaj pero se teño que escoller unha, a fase de ascenso no A.D.N

- Teu irmán e un dos xogadores mais importantes tanto a nivel de títulos como a nivel de calidade futbolística que nos deu o noso fútbol, foi un pouco o teu espello a seguir?
Cal das Copas da costa que gañou che fixo sentirme mais orgulloso del? Meu irman mais que un espello foi un idolo. A copa que mais me fixo sentir orgulloso foi a de cando tivo que ser el o adestrador por mor da lesion do tobillo, xa que sufria mais el fora, ca os xogadores dentro do campo.


No que respecta a túa laboura de Director Técnico Coordinador do Xallas Base, que nos poderías contar sobre iso?
A miña faceta como coordinador pois é intentar que se faga un bo traballo coas novas xeneracións, xa que son o futuro deste clube.

- Cantos anos levas vinculado o clube?
Levo 3 anos adestrando e 1 como coordinador e director deportivo da Base

- Cales son os obxectivos desa Base? Os obxectivos son sempre ir crecendo cada ano como clube, que os adestradores estean sempre actualizados e como escola, intentar que sea atractiva para reclutar sempre máis rapaces e rapazas. Cantos máis sexamos, máis doados serán os obxectivos da tempada, que por exemplo este ano teremos un Cadete en Liga Galega e trataremos de salvala categoria con uñas e dentes.

- Acabades de crear un novo equipo, o Xallas B, o cal ti vas ser un pouco a cara xestora del, non?
O tema do Xallas ´b´ foi unha idea que propuxen Á directiva para levalo adiante, da cal esta moi ilusionada con isto.

- Cal e tua función? O obxectivo do Xallas ´b´ non é outro que seguir formando con minutos aos que acaban a etapa de xuvenil e non gocen de oportunidades na categoria de Preferente, e tamén unha alternativa aos xogadores desta comarca que estaban xogando noutros equipos de fora para que poidan disfrutar sen ter que desplazarse.



- Apostaredes mais pola xente da casa ou traeredes algunha fichaxe de fora?
A principal aposta e pola xente da casa, pero tamén intentaremos traer algunha incorporación de fóra, xa que este ano ao ser o primeiro que se fai o Xallas ´b´ non e facil facer un equipo 100% de Santa Comba.

- Fai moi pouco una nova directiva e presidenta entraron no clube, esto fixo que a túa implicación con este proxecto fose mais importante? Non é que sexa unha directiva nova, xa que estaban dentro dela outros anos pero o ano pasado ofrecéronme por sorpresa a coordinación da Base, da cal non dudei en aceptar ainda que sabia que non iba ser nada doado e que me ía desgastar, pero é algo que me gusta e é un pracer facelo no equipo da túa terra e máis cando a directiva confia en min e no traballo que estou facendo..

- E falando un pouco da creación dese novo clube, agora polo tema do COVID pois non sei se poderedes empezar cos adestramentos pronto, e quería tamén que me comentases así un pouco que che parece ese pequeno revuelo que hai na Terceira por falta de equipos, e porque inda non se sabe como vai quedar o tema das ligas , ti que opinas? O tema da Terceira é complicado, pero seguro que a RFGF tomará a mellor decisión posible. O que si e que estaremos preparados para empezar con moitas ganas cando a RFGF nos diga

- Pensas que debería facerse unha Terceira cos equipos que haxa ou eres máis partidario de facer dous grupos de Segunda como se fala por aí? Realmente penso que co tema do COVID se se queren facer as ligas curtas, pois unha Terceira con 10,11,12 equipos tampouco me parece mala idea. Realmente eu prefiro que se faga a Terceira a ter que dividir a Segunda en dúas. pero estaremos preparados para afrontar e apoiar a decisión que se tome xa que nos o que realmente queremos e xogar ao fútbol jajaja

- E por último, cando tedes en mente facer a presentación oficial de ese novo Xallas B?
Pois esperemos que pronto poidamos facer a presentación, da cal teño moitas gañas xa que esta quedando un equipo con boa pinta.

-E xa para rematar esta entrevista na cal poidemos coñecerte un pouco e que os nosos seguidores e lectores poidan saber algo mais de ti, do teu clube e de todo o que leva a configuración de todo este organigrama, darte as grazas pola túa sinceridade e a tua adicación, e sobre todo por prestarme uns minutiños do teu valioso tempo. Pero non quería despedirme sen preguntarche, volverá DORIÑO a calzar as botas para seguir xogando? Donde? Bueno, a parte do Torneo de todolos verans na tu aterra (Risas)

Moitas grazas a ti Jorge, e tamén polo traballo que facedes na paxina de Costa Fútbol, gracias por darnos a coñecer un pouco máis. As miñas botas están engraxadas e preparadas sempre jaja. Si, xogar de momento non vou deixar de facelo mentras as pernas sigan tirando e os amigos mo sigan pedindo.
Ónde? a ver se o Xallas ´b´ me fai unha oferta jajja. O torneo da miña terra e o mellor pero hai que levar 2 pares de espinilleras, un por diante e outro por detras ajjaja.

Un verdadeiro placer falar contigo amigo. Espero que nos sigas de cerca este ano e poidamos tomar unha cerveza depois dos partidos.



miércoles, 10 de junio de 2020

A COSTA MITICA - XOSE LUIS VARA

A COSTA MITICA

XOSÉ LUIS VARA


Non sempre fai falla unha longa vida para converterse en lenda, en inesquecible, senón que ás veces abonda con tela vivido con paixón, deixando pegada en cada lugar dos transitados, dos percorridos nunha carreira que nace en Esteiro, pero que non rematou nunca, porque permanece no corazón e na memoria de todos cantos desfrutaron daquel rapaz que un día marchou á Coruña e acabou sendo un dos capitáns máis queridos do Deportivo. Xosé Luis Vara inicióuse de branquiazul no equipo xuvenil, onde o brazalete que outorga a capitanía xa era un apéndice máis no seu brazo. Carisma e talento irresistibles que arrollaban ao seu paso, que fixeron del un xogador único e aínda irrepetible na nosa contorna.


O paso polo Fabril foi só o preludio da entrega a un Real Club Deportivo de La Coruña co que a piques estivo de ascender á tan desexada Primeira División, pero que quedou frustrado no derradeiro sospiro, xusto no ano no que tamén foi "Pichichi" do equipo. Un título nada baladí para un xogador que non era dianteiro, senón mediocampista, pero que goleaba e regalaba asistencias coa mesma naturalidade coa que amosaba as súas emocións. Carácter indomable que medraba nos derbis, incansable na desputa do balón, clase e liderazgo cando iso non ía nas nóminas nin nos dereitos de imaxe dos xogadores. Iso gañábase nos terreos de xogo e nos vestiarios. Xosé Luis medrou en todos os aspectos, e por fin o anhelo da máxima categoría víuse reflectido na fichaxe polo Betis F.C, onde estreaba o seu poderío marcando no mesmo debut diante do Sevilla FC, noutro deses derbis que para el eran gasolina pura, combustible para alimentar unha voracidade que non coñecía fin, coma demostrou nesa mesma tempada sendo novamente o máximo realizador do equipo. Despois, Orihuela e Granada puxeron punto final a súa brilante etapa coma xogador, antes de deixar ao Laracha Cf en postos de promoción a Segunda B como adestrador, de onde partíu para fichar polo Rácing de Santander . Coma fin de traxecto, o Ccd Cerceda sería o clube de obrigada retirada. Imposible de esquecer, o tributo da súa vila natal non podía ser outro que nomear o campo de fútbol da localidade co seu nome, que pasea orgulloso con cada título e cada triunfo acadado. Porque Xosé Luis Vara sempre será a imaxe do éxito e a gloria...pero tamén a do home da casa que, por tempo e lugares onde estivese, sempre levou con el a ese rapaz de Esteiro que non deixou de ser nunca.


Fotografias CEDIDAS

domingo, 7 de junio de 2020

A COSTA MITICA - JUAN CABREJO (JUANILLO CAMARIÑAS)



A COSTA MITICA

JUAN CABREJO (JUANILLO)

Foto CEDIDA
Hai corazóns que viaxan impenitentes, que percorren mundo e visten infinidade de cores, pero aínda nese vasto peregrinar, sempre existe un lugar único e especial que, pese ás distancias, nunca queda atrás. Un pasado sempre presente cando se trata de mergullarse no celeste compostelán, azul tan claro coma o mar natal de Juanillo en Camariñas, neses escasos días de calma e solpor veraniego que Juan Cabrejo deixou correr moi cedo, con só dezanove anos. A primeira singladura levouno ata o Betanzos de Terceira División, pero sería brevemente porque o amor xa petaba na súa porta en forma de fichaxe polo Compostela, para vivir un idilio que, pese a emprender outras travesías, nunca tivo fin.

Foto CEDIDA
Tres tempadas onde converterse en profesional na División de Prata, e galopar unha banda esquerda que segue a suspirar polo seu talento, nun San Lázaro completamente entregado a ese tren costeiro que chegara para namoralos a todos. A marcha houbo de proseguir e o seguinte destino foi un Éibar no que coñecíu o éxito pero tamén a amargura de quedar a un punto do ascenso á Primeira. Elche, Ceuta e sobre todo Cartaxena, onde en catro anos tamén soubo o que era quedar de novo ás portas do ascenso nos ingratos minutos finais. 

Foto CEDIDA
Despois dese periplo, o retorno á casa, ao Cerceda e ao Ordes que desfrutarían da súa experiencia e madurez, do fútbol de elite que traía ás costas, experiencias vividas que en cada retorno a Camariñas despertaban admiración e orgullo. Pero o "The End" só podía poñerse no seu teatro dos soños particular, nese estadio onde as emocións tamén xogan, saltan ao terreo de xogo e voltan a vestir ese branquiazul que lle corre polas veas dende a súa tenra mocidade. Non podía atoparse mellor lugar para baixar o telón a unha carreira de película, que proseguiría despois nas bancadas, como adestrador do Negreira nunha infausta tempada. Pero Juanillo está curtido no éxito e na derrota, na ilusión e na desesperanza. Pero nada que consiga empañar a traxectoria dun dos mellores xogadores que alumbrou a nosa Costa, e que serve de espello para xeracións que medran, cada ano, a carón dese mar da mesma cor que o seu corazón: de nítido e diáfano celeste.

Foto CEDIDA


miércoles, 6 de mayo de 2020

COSTA MÍTICA (LUIS)


A COSTA MÍTICA




JOSÉ LUIS GIANCE PENA "LUIS" (CD Nantón)


Os números poden parecer unha cousa sinxela, diàfana, sen misterios, sempre e cando non haxa que adicalos á tarefa de contar os incontables goles que leva marcados Luis, porque sería algo só apto para verdadeiros especialistas na materia. Non se entende que en vez de "Pichichi" non se diga o seu nome, porque ese é un dos títulos máis conquistados en toda a súa traxectoria. Desmarque, velocidade, disparo e xogo aéreo son cualidades que aínda adornan a un xogador en activo, capaz de marcar trinta e oito goles fai apenas dúas tempadas co equipo de Veteranos do Nantón, a casa onde o fútbol terá sempre un sabor especial, o do fogar propio ao que adicar todo o talento aínda atesourado.


O lugar de Camafreita víu nacer a Luis sen saber que acabaría sendo un dos máis ilustres habitantes do "As Fontiñas", onde regalaría gloria en forma de goles que significaron títulos e ascensos. Máis adiante, adestrador e xogador, corpo e alma entregados a un clube que o reverencia coma un ídolo irrepetible. Pero Luis, admirado e pretendido, saboreou o éxito fóra dos muros do seu campo natal, e foi un dos protagonistas da mítica Copa da Costa acadada polo Cabana. Título que figura por dereito propio entre os máis laureados de calquera xogador da nosa comarca, tan codiciado coma a capacidade goleadora de Luis, esa innata naturalidade de mandar o balón ao sitio preciso no momento xusto. Dianteiro incombustible que aínda fai dos noventa minutos un recital das súas mellores cualidades, as que tivo e que seguen na súa posesión. Porque se hai frases que parecen feitas para alguén determinado, a de "o que tivo, retivo" leva un luminoso ben grande co nome escrito de Luis.



HISTORIAL

Camafreita - Nantón 1977


Traxectoria:

2018/2020 Nanton CD Veteranos

2017/2018 Agualada Veteranos

2015/2016 San Lorenzo Berdillo

2008/2015 CD Nanton (Xogador-Entrenador)

2005/2008 CD Nanton

2003/2005 SD Cabana

2003 SD Cabana (Copa da Costa)

1994/2003 CD Nanton


Títulos:

1997/1998 Campión de Liga Terceira Autonómica (CD Nantón)

2002/2003 Campión Copa da Costa (SD Cabana)

2010/2011 Campión de Liga Terceira Autonómica (CD Nantón)
LA VOZ DE GALICIA (Articulo JM FERREIRO)

Pichichis:

2017/2018: 38 goles - Segunda División Veteranos

2014/2015: (2º) Luis (26 goles) Terceira Autonómica - Grupo IV

2012/2013: 27 goles - Terceira Autonómica - Grupo IV

2010/2011: 39 goles - Terceira Autonómica - Grupo V

2009/2010: (2º) Luis (29 goles) Terceira Autonómica - Grupo V

2008/2009: (2º) Luis (25 goles) Terceira Autonómica - Grupo V

2002/2003: 23 goles - Segunda Rexional - Grupo II

2000/2001: (2º) Luis (21 goles) Segunda Rexional - Grupo II



domingo, 3 de mayo de 2020

COSTA MÍTICA - PACUCHA


COSTA MÍTICA: FELIZ DÍA DA NAI





PACUCHA

Quizais se dicimos María Francisca García Romero, custe un pouco máis ubicar de quen falamos, pero abonda dicir "Pacucha", para saber que é un nome non só mítico, senón tamén que representa ó fútbol da Costa en toda a súa esencia. Nun tempo onde ser muller xa non era doado, selo e ademais xogar a un deporte maiormente de homes, non estaba exento de ser un camiño coroado de espiñas. Pero a paixón sempre é un motor capaz de levar por diante infinidade de atrancos, e así foi como a  finais dos anos sesenta, o equipo feminino Concello de Muros salta aos terreos de xogo por primeira vez, e convirte a Pacucha nun referente que se manterá ao longo dos anos. 

Pioneira dun deporte que agora vive un rexurdimento na comarca entre as mozas, Pacucha será unha descoñecida para moitas delas, pero a súa historia é a do fútbol feminino para sempre. De azul e vermello eterno polos catro costados, raíña dunha Esteirana que se prolonga no seu fillo Dani Rama, xogador e moitas veces capitán dese barco que navega polas súas veas, Pacucha hoxe é tamén a nai dunha xeración enteira, de xogadoras que non se resignaron a ser espectadoras e quixeron vivir o fútbol en primeira persoa, rachando estereotipos e abrindo a veda para que a ilusión nunca deixase de rodar sobre o céspede. Nun dia de celebracións estrañas, con familias separadas polas circunstancias que vivimos, o noso fútbol pode presumir de ser fillo de mulleres que nunca se ausentan, que sempre serán presente e que, coma Pacucha Garcia, nunca deixarán de vivir a paixón coma se fose outra vez o primeiro día. Un daqueles domingos onde xogar o fútbol era moito máis que deporte. 

Fotografias CEDIDAS