miércoles, 10 de junio de 2020

A COSTA MITICA - XOSE LUIS VARA

A COSTA MITICA

XOSÉ LUIS VARA


Non sempre fai falla unha longa vida para converterse en lenda, en inesquecible, senón que ás veces abonda con tela vivido con paixón, deixando pegada en cada lugar dos transitados, dos percorridos nunha carreira que nace en Esteiro, pero que non rematou nunca, porque permanece no corazón e na memoria de todos cantos desfrutaron daquel rapaz que un día marchou á Coruña e acabou sendo un dos capitáns máis queridos do Deportivo. Xosé Luis Vara inicióuse de branquiazul no equipo xuvenil, onde o brazalete que outorga a capitanía xa era un apéndice máis no seu brazo. Carisma e talento irresistibles que arrollaban ao seu paso, que fixeron del un xogador único e aínda irrepetible na nosa contorna.


O paso polo Fabril foi só o preludio da entrega a un Real Club Deportivo de La Coruña co que a piques estivo de ascender á tan desexada Primeira División, pero que quedou frustrado no derradeiro sospiro, xusto no ano no que tamén foi "Pichichi" do equipo. Un título nada baladí para un xogador que non era dianteiro, senón mediocampista, pero que goleaba e regalaba asistencias coa mesma naturalidade coa que amosaba as súas emocións. Carácter indomable que medraba nos derbis, incansable na desputa do balón, clase e liderazgo cando iso non ía nas nóminas nin nos dereitos de imaxe dos xogadores. Iso gañábase nos terreos de xogo e nos vestiarios. Xosé Luis medrou en todos os aspectos, e por fin o anhelo da máxima categoría víuse reflectido na fichaxe polo Betis F.C, onde estreaba o seu poderío marcando no mesmo debut diante do Sevilla FC, noutro deses derbis que para el eran gasolina pura, combustible para alimentar unha voracidade que non coñecía fin, coma demostrou nesa mesma tempada sendo novamente o máximo realizador do equipo. Despois, Orihuela e Granada puxeron punto final a súa brilante etapa coma xogador, antes de deixar ao Laracha Cf en postos de promoción a Segunda B como adestrador, de onde partíu para fichar polo Rácing de Santander . Coma fin de traxecto, o Ccd Cerceda sería o clube de obrigada retirada. Imposible de esquecer, o tributo da súa vila natal non podía ser outro que nomear o campo de fútbol da localidade co seu nome, que pasea orgulloso con cada título e cada triunfo acadado. Porque Xosé Luis Vara sempre será a imaxe do éxito e a gloria...pero tamén a do home da casa que, por tempo e lugares onde estivese, sempre levou con el a ese rapaz de Esteiro que non deixou de ser nunca.


Fotografias CEDIDAS

No hay comentarios:

Publicar un comentario