martes, 10 de mayo de 2022

A COSTA MITICA - JOSE CARLOS

A COSTA MITICA

JOSÉ CARLOS

Formar parte dun clube convírtese ás veces en algo incalculable, en moito máis que unha etapa da vida ou da carreira deportiva. Acaba sendo un proxecto de entrega incondicional, de tempo e sentimento invertidos nunhas cores coas que sempre será identificado, e nas que o paso coma xogador só era o preludio dun comrpomiso que mudou en adestrador e presidente co tempo. Diferentes espazos pero un único latexar, corazón branquiazul que fixo de Jose Carlos "Rei de Copas" con tres títulos, naquel U.C. CEE que era buque insignia da comarca e surcaba categorías como a Preferente. 

Orgulloso esplendor que Jose Carlos defendía baixo paus, porteiro dos que despertaban admiración e codicia, que conquistaba polas súas artes pero tamén, especialmente, por un carácter que rebosa humanidade e xenerosidade. De branquiazul igualmente no Baio e campión costeiro co Camariñas, nun periplo que abarcou ata os corenta e seis anos, habitando o ángulo recto dunha madeira que chegou a coñecer tan ben coma o fogar propio. Adestrador que abrazou unhas semifinais de Copa co Carnota, antes de enrolarse de novo nas raíces, na orixe dunha traxectoria da que xa non voltaría a partir. Os éxitos retornaron da man do equipo xuvenil, adestrador mítico para varias xeracións de xogadores do Cee, aos que dou paso como só el sabe facer, regalando  bonhomía e dedicación ilimitadas, sen máis intereses que os de ver medrar ao clube no que tamén el medrou. Jose Carlos é esa clase de campión que non se apaga cando remata o partido, que segue a conquistar títulos fóra dos terreos de xogo en forma de afectos. Quizais os que máis custa conseguir, pero dos que Jose Carlos pode presumir de ter as vitrinas cheas. 


No hay comentarios:

Publicar un comentario