domingo, 9 de mayo de 2021

A COSTA MÍTICA - JOSIÑO PEQUE





JOSÉ M. GARCÍA MARTÍNEZ "PEQUE"

Defender as cores dun clube soe vir precedido por ser o da vila natal, pero ás veces tamén por tradición familiar coma ten acontecido con varios xogadores ceenses, entre eles Josiño, que non precisaría máis nome nin apelidos que dicirse fillo de José, auténtica institución no clube branquiazul ao longo dos anos. Peque, coma era coñecido na etapa deportiva, tivo un papel destacado na historia dos títulos acadados polo Cee, sempre da man de Manolín e das súas ensinanzas, bagaxe que lle permitiría máis adiante enrolarse no Camariñas, Carnota, Dumbría, Corcubion ou no postreiro Pereiriña.


Extremo esquerdo de técnica e fino golpeo, de intelixencia co balón no pé e ampla visión de xogo, que lle permitiron xa de ben novo proclamarse campión de Liga por dúas veces na etapa xuvenil, as mesmas que repetiría despois en maiores, outros dous títulos co Union Club Cee e un co Dumbria na Costa. Especialista en goles olímpicos con varios no seu haber, que o convertiron nun xogador temido cada vez que enfilaba o saque de curruncho. Preciso e rápido, dos que marcaban o ritmo e pelexaban por ir diante, sempre listo para o ataque e o pase final. Canteira azul naquel tempo onde o Cee marcaba a pauta dos clubes que sempre ían a máis, que subía de categoría e engordaba as súas vitrinas case que cada tempada. Peque foi desa época onde despuntar levaba aparellado o triunfo e a posibilidade de ser profeta na casa. O fútbol sala sería igualmente unha patria coñecida, incluso xa retirado do céspede, nesa volta ás orixes da idade competitiva. Un pasado en diferentes cores no que sempre sobresairá, por enriba de todos, o do fogar propio e familiar. De casta venlle ó galgo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario