viernes, 3 de julio de 2020

O QUE SEMPRE ESTÁ E NUNCA SE VE

JOSÉ M. PEREIRAS PÉREZ (CHAMBÓN - C.D. BAÍÑAS)




Por moito amor que se lle teña a unhas cores, moi poucos son os que poden dicir que fundaron un clube, que estiveron nese momento inicial no que botou a andar e ao que non deixou de pertencer no que leva de existencia. O C.D. Baíñas non se entendería sen Chambón, sen as múltiples tarefas que desempeña durante todo o ano, base fundamental dun equipo que sigue existindo, en parte, pola súa inmensa adicación.


A historia verde aínda é breve, nova, pero ninguén pasou por ela sen ser recibido e atendido por Chambón, surtido de todo o que fose preciso, cumprimentado ata no máis mínimo desexo. Home para todo nun clube onde se multiplica, primeiro en chegar e sen hora para marchar, imprescindible para que todo funcione e cada un, tanto xogadores coma afeccionados, atopen o seu lugar. Guardián das esencias dun Baíñas que vive anos mellores e peores, pero nos que el sempre está ao pé do cañón, incombustible e sen deixarse vencer polas dificultades. Ninguén pode imaxinar un Baiñas sen a súa presenza na porta, na cantina ou onde haxa algo que arranxar e solucionar. O tipo de xente que se convirte en marca do equipo, en cara visible máis alá da competición e dos resultados, puro amor que non se limita aos domingos de partido, senón de incansable traballo que non remata co pitido final do encontro. Aínda que pareza que xa todo rematou, Chambón sempre atopa algo máis que facer pola súa casa, polo Baíñas que naceu con el e que nel, vive.

No hay comentarios:

Publicar un comentario