miércoles, 27 de marzo de 2019

EN ORSAY: A Entrevista da semana con MARTA (Delegada do San Lorenzo de Verdillo)

 
"AO COMEZO DE TEMPADA CAUSABA MOITA SORPRESA VER A UNHA MULLER NO BANCO DE XOGADORES".

Xa non é un feito aillado que as mulleres sexan determinantes en moitos clubes da Costa, pero hainos, coma o San Lorenzo de Verdillo onde rixe un auténtico matriarcado, un espello da familia tradicional galega no que son as mulleres as que comandan a nave. Marta García Varela (Verdillo, 04-06-1997), pese a súa xuventude xa leva tres anos formando parte da directiva do equipo roxiño, o mesmo do que seu pai xa foi presidente e soubo transmitir o amor ás cores a súa filla. Marta esta tempada ocupa o posto de Delegada de Campo, séntase no banco a carón de xogadores e adestrador cada domingo, e desfruta da experiencia de ser a única muller que o fai nesta apaixonante Liga da Costa. Con naturalidade, asume un posto xeralmente ocupado por homes, e consegue que cada vez menos iso sexa motivo de sorpresa, coas afeccións e corpos técnicos afacéndose cada vez máis a que o fútbol tamén é delas. De todas as mulleres que coma Marta rachan cos estereotipos e amosan que o único que nos está vedado é o que non nos propoñemos. No San Lorenzo fai tempo que o saben.
 

Marta no Banquillo do San Lorenzo
-Coma xurdíu que ocupases o posto de Delegada no San Lorenzo?.
 
Dende moi pequena estou moi unida ó equipo, e co cambio de directiva como ninguén se animaba a realizar esa tarefa, pois din o paso.

-Debe ser toda unha experiencia ver o partido tan a ras de campo.
Nunca fun de ver os partidos dende as bancadas, senón dende a barandilla; pero a pesar disto o estar no banquiño vívese de forma distinta.

-Aínda se sorprende alguén vendo a unha muller no banco de xogadores?.
Ao comezo de temporada si, creo que moito por ser algo inusual na nosa Liga.

-Anécdotas non faltarán.

Non, de feito xa teño entrado no vestiario e coller a algún a medio vestir.

-Vimos de ver comportamentos impropios en varios campos de fútbol. Coma futura pedagoga, cres que falta precisamente pedagoxía en moitos clubes e, tamén, en moitos pais, nais e espectadores en xeral?.
Non considero que sexa unha falta de pedagoxía por ningunha das partes. Está claro que é necesaria unha educación de base para saber actuar en sociedade; pero considero que estes comportamentos veñen dados pola intensidade coa que se vive o fútbol da nosa zona, sendo isto o que nos leva a perder os papeis en situacións puntuais sen ser intencionado o facerlle dano a ninguén. Pero o que si considero necesario é unha reflexión crítica sobre todas estas situación para tentar que non se volvan a repetir.

-O San Lorenzo fluctúa entre partidos épicos e outros que se escapan incomprensiblemente. A que o achacas?.
Non o achaco a nada en concreto, considero que hai días que a sorte nos sorrí e todo sae ben e outros marcados pola mala sorte e onde as cousas non saen como agardas.

-Dende moi nova xa pertences á directiva do clube. Pódese dicir que o próximo será a presidencia?.

Non penso en iso, xa que o que considero relevante é que haxa persoas que se comprometan e traballen para que o clube perdure ao longo do tempo.




-No banquiño todo se vivirá máis intensamente, tanto nas derrotas como nas vitorias.

Como dixen anteriormente vívese de forma distinta, isto vén dado a que te atopas máis preto de todo o que acontece no terreo de xogo.

-Foi unha tempada marcada pola tardía planificación. Obxectivos cumpridos igualmente?.
O noso obxectivo principal era a permanencia, entonces mentras isto se acade está conseguido.

-Nunha directiva copada por mulleres, non vos prantexades un equipo feminino?.Polo de momento non, somos una directiva moi pequeña e xa nos chega moito cos dous equipos cos que contamos (sénior e xuvenil).

1 comentario:

  1. EN ORSAY: A Entrevista da semana con MARTA (Delegada do San Lorenzo de Verdillo)

    ResponderEliminar