miércoles, 11 de abril de 2018

DENDE A FIN DO MUNDO


                        

S.D. FISTERRA - C.D. BAIO. UN CLÁSICO

Fisterra e Baio. Dous pobos, dous equipos e dúas historias.

O vindeiro domingo, no campo municipal do Ara-Solis en Fisterra, disputarase un dos clásicos da Costa da Morte. A S.D. Fisterra recibe ó Clube Deportivo Baio nun derbi no que a escadra que saia victoriosa dará un paso de xigante nas súas aspiracións para lograr a permanencia no grupo II da 1ª Autonómica. Pola contra, no horizonte do equipo derrotado dexergaranse uns nubarróns cargados de alta tensión e moitas incertezas para afrontar a recta final do campionato.

Nos comezos dos anos sesenta, mentres en Fisterra a S.D. tomaba forma na céntrica zapatería do “coxo de Reimunda”, os mozos de Baio xuntábanse para falar de fútbol no vello muíño dos Veloso.

Ámbolos dous equipos estiveron presentes na primeira liga da costa, aquela que se disputara alá polo ano 1964. Durante eses primeiros anos de competición federada, ámbolos dous equipos mantiveron unhas ambicións e traxectorias un tanto diferentes.

Mentres a S.D. Fisterra loitaba co Cee por conseguir, aínda que sen éxito, o ansiado título costeiro, os baieses pelexaban por non ocupar as derradeiras posicións na taboa.


Peculiar e sorprendente foi a maneira que tiveron os branquiazuis de afrontar eses difíciles comezos. Lonxe de virse abaixo e perder a ilusión suscitada pola recente creación ligueira, en Baio asumiron con humor o seu rol de pechacancelas e decidiron atribuirse a si mesmos o sobrenome de "o equipo do faroliño vermello". No libro “50 ANOS DA HISTORIA DO FÚTBOL DA COSTA”, que ten máis de enciclopedia histórica que de libro, Xosé Mª Lema e Xose Mª Rei, tío e sobriño, contan como o seu pai (ou avó, según se mire), presidente do clube naqueles anos, parou nunha vella taberna de Vilaseco a mercar un faroliño dos da época para colgalo na parte de atrás do autobús do equipo nun desprazamento á casa do líder, o U.C. Cee.

As seleccións nacionais, cando gañan un mundial de fútbol, cosen unha estrela na súa elástica. En Alemaña, os clubes que gañaron a liga en dez ocasións lucen sobre o seu escudo tres estrelas, que se converten en catro cando o conseguen vinte veces. En italia, por cada dez ligas conseguidas, engaden tamén unha estrela na camisola. En Baio non, en Baio prefiren lucir con fachenda o faroliño vermello no peito, símbolo daqueles anos onde o resultado era o de menos. Encomiable.

Foi por aqueles anos cando un rapaz, Manolo de Costa, chegou no bus da expedición baiesa a Fisterra ca intención de xogar un partido de fútbol como o que vai ter lugar este domingo. Ademáis diso, ollade como mudaron os tempos, aproveitando que viña a un porto de mar, a súa nai, dona dun restaurante en Baio, mandoulle mercar uns ollomoles á fisterrana señora Pepita para logo ofrecerllos como menú ós clientes.

O primeiro que fixo Manolo ó chegar a Fisterra, foi ir mercar o peixe e gardalo baixo o seu asento no autobús. Xa tiña o recado feito. Logo foise a xogar o partido ó campo que estaba ó lado da igrexa. Non sei cal sería o resultado final pero, como dicía, naqueles anos en Baio iso pouco importaba. Ó remate do encontro, os visitantes decidiron dar unha volta polos numerosos bares que había en Fisterra. Daquela, facer un viaxe desas características era todo un evento e a cousa fóiselle un pouco das mans. Parece ser que chegaron contentos de máis ó autobús e, na viaxe de volta, entre cantarea e cantarea, alguén descubriu os ollomoles, que foron paseados polos asentos no medio da hilaridade dos presentes. Contan no libro que, cando Manolo de Costa chegou a casa, non sabían quen estaba máis mareado, se os ollomoles ou el. Periplo este dos ollomoles tan só equiparable ó daquel rodaballo que roubaran catro rapaces da Puebla…

O tempo foi pasando, o Baio foi medrando e, vinte anos despois, coincidindo coa chegada dos fisterráns: Ayala, Dito, Manín e máis tarde Cachuso, chegaron os éxitos ás terras baiesas onde, hoxe en día e despois de máis de trinta anos, aínda son recordados con moito cariño.

Uns anos máis tarde tamén militarían no conxunto do faroliño outros fisterráns como Vareta, Velay, Isidro, Guillermo e Marcote.

E se para colleitar as primeiras glorias o Baio formou con fisterráns nas súas filas, o Fisterra, contou con Nacho no banco e con Norberto na portería para poder saborear as meles dos seus máis recentes triunfos. Dous ex-xogadores moi ligados ó Baio. Débeda saldada.

O vindeiro domingo temos derbi no Ara-Solis. Seguramente acuda moita xente de Baio. Aproveito, pois, para decirlle que os ollomoles andan ben de precio, eló!



No hay comentarios:

Publicar un comentario