miércoles, 4 de abril de 2018

DENDE A FIN DO MUNDO

GOLAZO DE GULLIT EN CORME
A LARANXA MECÁNICA
Na Eurocopa do ano 1988, Holanda presentaba un combinado nacional extraordinario. Construíran unha selección que practicaba un fútbol que namoraba ás xentes de toda europa. Un fútbol de alta escola, refinado e versallesco. Nomes como Marco Van Basten, Ruud Gullit, Ronald Koeman, Van Breukelen ou Frank Rijkaard enchían portadas nos periódicos e revistas deportivas.


Como non podía ser doutro xeito, este equipo resultou ser o vencedor dese torneo e o encargado de erguer a copa de campión de Europa foi o capitán Ruud Gullit, que xunto co goleador e pichichi Marco Van Basten, eran considerados os máximos exponentes deste fútbol de moitos quilates. Ámbolos dous militaban a súa vez no gran A.C. Milán de Arrigo Sachi e representaban, en definitiva, o máis alto nivel do deporte rei no vello continente.

Marco Van Basten e Ruud Gullit
Foron eses anos, uns anos trasgresores en moitos aspectos. Un deles foi a moda. A laca para cardar o cabelo e os pendentes de grandes aros non podían faltar nos tocadores femininos e as ombreiras, xunto co pelo longo e as botas campeiras rachaban moldes no ámbito masculino.


En Fisterra, a actividade cultural era moi intensa e o entroido pasaba por unha das súas mellores etapas, onde comparsas como O Casino, A Anchoa, O Tope Wana, O Océano Limón ou o JB estaban a sembrar o que outras comparsas recollerían (e seguen recollendo) moitos anos despois. Nunha desas comparsas, no mítico JB, participaba o noso protagonista de hoxe. Santiago Traba Estévez, Santi de Chilín. Don Santiago.


Cada martes de entroido, cando Santi collía o micro, daba igual que se ceñira ou non ó guión estipulado. El abría a boca e as gargalladas estaban aseguradas. Santi é unha desas persoas ás que lle foi otorgado o don innato da simpatía. Pouco importa que se o que che está contando é un asunto serio ou un tema sen importancia. Se Santi considera que te tes que rir, vaste rir. Non lle deas máis voltas.


Cúmprense agora dous anos de cando Santi de Chilín, sentado na grada do Ara-Solis e disfrazado de Don Santiago, o piadoso párroco da S.D. Fisterra, narroume aquel fermoso gol que marcara no campo do Corme a finais dos anos oitenta.
DON SANTIAGO
Hoxe Santi rebasa a liña dos cincuenta e aínda que mantén intacto o seu xenuino estilo persoal daqueles anos, o peiteado xa non é mesmo. Naquela época lucía uns cabelos longos, oscuros e rebeldes. Característica esta que lle otorgou o sobrenome de Gullit, xa que lembraban ás rastas que lucía por aquel entón o capitán holandés. El asegura tamén que o de Gullit, aparte de virlle polo pelo, era sobre todo porque cando xogaba no Fisterra, facíao de mediapunta ou interior dereito, co dez ás costas e mostrando unha exquisita elegancia que recordaba moito á de Ruud.


Unha das características que mellor definían ó Gullit fisterrán era o seu “tiro de exterior”. Unha depurada técnica aprendida de neno e que foi perfeccionando co paso dos anos nas pistas do Grupo Escolar e no poli da igrexa. O disparo consistía en coller uns metros de carreira para logo golpear o esférico ca parte exterior do pé. O golpeo tiña que ser parcial, nunca de cheo, e a pelota saía do pé trazando unha curvilínea de dirección totalmente oposta á que marcaba a súa perna executora. O efecto que collía o balón era tremendo. Cando lle saía ben, o espectáculo era digno de ver. Se a perna apuntaba para o faro, a bola saía cara a Nave. Anos máis tarde tamén practicaría esta técnica o lateral brasileiro Roberto Carlos, pero nunca chegou a dominala como o facía Santi de Chilín.


Gullit non tivo unha dilatada carreira como futbolista na Liga da Costa, pero pasará á historia por aquel gol conseguido en terras cormelanas.


Aconteceu nunha tarde solleira. No ceo de Corme apenas había nubes, quizais estas eran espantadas polo forte vento que sempre adoita soprar no elevado campo do Cairo. Nun determinado lance do partido, un balón sen perigo aparente cae na zona de influencia do elegante mediapunta da S.D. Fisterra. Está moi afastado da portería rival, case no medio do campo. O lóxico sería que realizase un pase en curto ou un taconazo con clase, pero non. Santi, sorprendendo a tódolos asistentes, decidiu como deciden os xenios, e en décimas de segundo sacou da súa chistera un disparo que deixou ca boca aberta ós alí presentes. Unha parábola cun efecto nunca visto polas xentes do lugar. Un “tiro de exterior” que tranquilamente poidera levar a sinatura de Mark Lenders.
SANTI DE CHILIN (Clase innata)
Aínda que tamén é certo, e isto sempre ocorre cos artistas e coas súas obras de arte, que nun primeiro momento dubidou do resultado final da obra mestra. Cando se despuña a observar a traxectoria da pelota, a súa mirada cruzouse co astro rei e este, quizais como castigo pola súa insolencia de xenio, deixouno chosco por completo. Cando perdeu de vista o esférico, fíxose silencio na súa contorna. E foi ahí cando as dúbidas o consumiron:


-Mimadriña…Creo que mandén o balón ó Roncudo.- Pensou.


Tras uns insoportables intres de incerteza,e aínda medio cegado pola luz do sol, sentiu un lixeiro balbordo de voces e cos ollos entornados percibiu unhas sombras que se achegaban correndo ameazantes cara el. Por un intre pensou que eran as xentes de Corme que lle ían pedir contas polo balón que supostamente mandara ó mar, pero nada máis lexos da realidade. Eran os fisterráns que non daban crédito ó golazo que acaban de presenciar. Eles si o viron, Gullit non. Tamén é mala sorte marcar o gol da túa vida e que non o puideras ver por quedar medio chosco. Daba igual, os seus compañeiros abrazárono con forza e erguérono entre todos.


Naquela tarde solleira, os longos cabelos de Santiago de Chilín mecéronse triunfantes no aire de Corme como o fixeran as rastas de Ruud Gullit no aire de Munich naquela final do ano 1988, eló!

Escrito por GABRIEL RIVEIRO (BEBETO)

No hay comentarios:

Publicar un comentario